O
MEGALITISMO NO CONCELLO DE NEGUEIRA DE MUÑIZ
Para atopar as primeiras noticias sobre o Megalitismo na montaña luguesa temos que mirar ao concello da Fonsagrada, a una referencia á mámoa da Casía da Arquela feita por Florentino López Cuevillas, citando a Vázquez Seijas. Haberá que esperar ao traballo publicado por Enrique López Fernández no Boletín do Museo provincial de Lugo no ano 1986, e que xa presentara nunha homenaxe a Cuevillas en Ourense baixo o título Megalitos y mámoas en el ayuntamiento de Fonsagrada, cando saian á luz preto de 150 enterramentos que o autor distribúe en varias áreas, unha no concello de Negueira de Muñiz, a do Carballín. En Galicia, os enterramentos máis antigos datan do quinto milenio antes de Cristo, acadando o máximo apoxeo no terceiro milenio, e mantendo o seu uso ata o 1500 antes de Cristo, xa na Idade do Bronce. No municipio de Negueira de Muñiz temos as mámoas, coñecidas eiquí como medorras, relacionadas a continuación.
MEDORRA DE BRAÑELA
En El/O Carballín, parroquia de Ouviaño. Localizada polo Colectivo Patrimonio dos Ancares no ano 2016. Situada a 1.050 metros de altitude, a pouco máis de 100 metros do límite con Asturias. Ten unhas medidas de 15 metros de diámetro e 0,60 de altura. Apréciase un cráter de violación pouco profundo. Sobre a mámoa vense pequenas pedras que formarían parte da coiraza. Os traballos agrícolas afectaron á masa tumular. Xa foi catalogada por Patrimonio da Xunta de Galicia.
MEDORRA DO CHAN DA ARQUELA
Patrimonio da Xunta de Galicia sitúaa en Vilarmeor, parroquia de Ouviaño, denominándoa como Mámoa da Chan da Arqueta. Pero está mal ubicada, en realidade atópase a 600 metros de distancia, no monte da Gamalleira, a 498 metros de altitude. Moi achandada, ten unhas medidas aproximadas de 16 metros de diámetro. Do cráter de violación asoma unha pedra do dolmen.
MEDORRA DO COTO DA LAGOA
No monte da Brañela, parroquia de Ouviaño, a uns 80 metros do límite co concello da Fonsagrada. Situada a 1.195 metros de altitude, ten unhas medidas aproximadas de 12 metros de diámetro e 0,50 de altura.
MEDORRA DO COUSO
Localizada polo Colectivo Patrimonio dos Ancares en outubro de 2019. Foi no monte Teso do Espiñeiro, entre as aldeas do Foxo e Vilar, a 650 metros de altitude, a carón dun antigo camiño que comunicaba Vilar con Castelo. Situada nun terreo con vexetación de monte baixo (xestas), ten uns 20 metros de diámetro e unha altura de 1,70 metros. O que nos chamou a atención foi unha estrutura circular feita con pedras de lousa de bo tamaño, duns dous metros de diámetro e un metro escaso de altura, que ocupa a parte central do túmulo. Estamos afeitos a ver mámoas reutilizadas para chantar marcos, vértices xeodésicos, etc., pero nunca cunha especie de chozo construído no cráter de violación do enterramento. Tiñamos coñecemento da existencia da posible medorra dende hai anos, o noso informante fora un home de Ouviaño que acostumaba ir á importante feira que se celebraba en Barcela antes de que a aldea fora asulagada polo encoro de Salime a finais dos anos cincuenta do pasado século, cuxo habitantes foron "reubicados" forzosamente na Terra Chá. O home contounos que de neno escoitara dicir a un de Vilauxín que debaixo da medorra estaba o Pozo Negro que tiña un encantamento; del saía unha voz que chamaba a persoas e animais, e cando se achegaban eran engulidos nas súas profundidades, non volvendo a aparecer nunca máis. Os veciños, entón, decidiron facer un alto muro arredor del para, aínda que oíran a voz, ninguén volvera a caer dentro. Outros aseguraban que os muros eran os restos dunha pequena torre de vixiancia para controlar o camiño que ía cara a aldea de Castelo, a menos de 1,5 quilómetros, onde puído existir unha fortaleza medieval. Á parte das lendas, cremos que se trata dos restos dun chozo onde se recollían os pastores. Secularmente, estes montes foron utilizados como lugar de pastoreo para as cabras. De feito, o sitio onde se atopa chámase O Couso, topónimo que, aínda que adoita facer alusión a un depósito de pedra onde se gardan os cereais ou a un foxo para cazar feras selvaxes, tamén se identifica cunha arca ou ucha, nome polo que son coñecidos os dólmenes prehistóricos. O couso ou foxo tamén pode facer alusión ao burato ou cráter de violación da mámoa.
MEDORRA DO FOXO
En El/O Foxo, parroquia de Barcela. En Patrimonio da Xunta de Galicia figura unha mámoa no sitio coñecido como Santos, denominada como Mámoa do Foxo, catalogada co código GA27035002, a uns 50 metros do encoro. Peiteado o lugar non atopamos restos polo que, en principio, cremos que pode tratarse dun erro. Mais esas, a filóloga Dolores González de la Peña, no seu magnífico blog arqueotoponimia.blogspot.com, achega a descrición que Antonio María Queipo y Ron, en Descripción topográfica del concejo de Allande, 1798, no Diccionario Geográfico de España (Asturias), de Tomás López: "en este número 14 [Foxo] a orillas del Navia se hallan cuatro modorras muy grandes que son unos cúmulos de tierra artificiales de figura de media naranja que habrán sido sepulcros gentílicos".
MEDORRAS DA BRAÑA DE ERNES
Na descrición de Queipo y Ron, Dolores González de la Peña di que "En esta sierra de Busbeirón o Braña de Ernes se halla una laguna que llaman de Correlos y en la circunferencia de ella, tres o cuatro modorras o sepulcros antiguos".
MEDORRA DO PICO PRIVAFORNELAS
En San Pedro de Ernes, case no límite con Asturias. Documentada polo Colectivo Patrimonio dos Ancares no mes de xuño de 2020, a 1.094 metros de altitude. Ten unhas medidas de 18 metros de diámetro e un de altura. Figura nun documento de lindes do ano 1875, suscrito entre veciños de San Pedro de Ernes e Valledor, no municipio asturiano de Allande. Foi comunicada a Patrimonio da Xunta de Galicia.
OS CASTROS NO CONCELLO DE
NEGUEIRA DE MUÑIZ
Pouco sabemos do pobo que habitaba nestas terras durante a Idade do Ferro, quizais os buroflavienses cuxa capitalidade se identifica coa Pobra do Burón, na Fonsagrada. No castro asturiano do Chao de San Martín (Grandas de Salime, Asturias) apareceu un recipiente de cerámica común descuberto nun contexto do século I d.C. que amosa un grafito cunha inscrición que podemos traducir como: "Os buroflavienses desexan sorte en abundancia aos de Ocela". Algúns historiadores sitúan no castro do Chao de San Martín a antiga Ocellum Gallaicorum, capital do pobo dos zoelas, famosos entre os romanos pola calidade do liño que cultivaban. Pero as últimas investigacións apuntan a que os zoelas habitarían a área situada na rexión de Bragança (Portugal), estendéndose cara o leste ata a Terra de Aliste, na provincia de Zamora, e ata a área de Miranda do Douro. Segundo García de la Riega (1844-1914), que refutou as teses de Murguía sobre a orixe celta da poboación galega, a antiga comarca de Burón estivo habitada polos Abólgicos. Tampouco fallan os que apuntan aos Albións.
CASTRO DO CARBALLÍN
No Carballín, parroquia de Ouviaño, preto do Porto de Pedras Apañadas, a 1.175 meros de altiude. Practicamente destruído por unha canteira, tiña unhas medidas aproximadas de 120 por 100 metros. Aprécianse restos dun foxo. Apareceron muíños de man.
O CASTRO
Na parroquia
de Ouviaño. Situado nun outeiro de lousa a 305 metros de altitude sobre o nivel do mar, nunha pequena península no encoro do río Navia, entre os regos Marondo e Abelleiro. Aínda que a impenetrable matogueira non fai doado adiviñar a forma nin as dimensións, semella presentar unha forma tirando a ovoidal, cunhas medidas no eixo máis longo de 100 metros e de 50 metros no menor. A simple vista non se observan estruturas nin defensivas nin habitacionais. Hortensio, un veciño de Vilarmeor, contounos que de mozo vira na parte máis alta un gran burato de forma redonda de feitura artificial. A forte pendente faino prácticamente inaccesible. Ao castro só se pode acceder polo SL que é por onde estaría a entrada, sitio que foi alterado pola construción dun edificio de cemento dunha empresa eléctrica, hoxe en día en desuso. Ao seu carón discorría, posiblemente, un ramal da vía romana que unía, a través da Vía XIX, Lucus Augusti e Lucus Asturum. Hai unha lenda que di que este castro como o próximo de O Castrelín comunicaba por medio dun gran túnel coa explotación aurífera de Pedras Apañadas.
O CASTRIÑO OU CASTRELÍN
Na parroquia
de Ouviaño. Situado, como o anterior, nunha pequena península do encoro, a poucos metros de O Castro, xunto a Ponte de Marondo que fai de liña divisoria entre os concellos da Fonsagrada e Negueira de Muñiz. Como no caso de O Castro, érguese nun outeiro de xisto xunto un ramal da vía que ía dende Lucus Augusti a Lucus Asturum e estaría vencellado ás explotacións mineiras de ouro de época romana. Cuberto por mesta matogueira, non se observan restos de estruturas. A entrada estaría xunto o camiño asfaltado que baixa cara a aldea de Río de Porcos ou Riodeporcos onde apareceron unhas lucernas e ferramentas de época romana.
A ÉPOCA ROMANA NO CONCELLO DE NEGUEIRA DE MUÑIZ
O concello foi practicamente esquecido no estudo da época romana, tanto no tocante ás explotacións mineiras como ás vías de comunicación. Mais esas, as terras de Negueira de Muñiz, como veremos de seguido, non foron alleas a ese período.
A VÍA LUCUS AUGUSTI-LUCUS ASTURUM
Para a explotación dos recursos económicos e o control político, administrativo e militar, os romanos tiveron a necesidade de crear unha serie de infraestruturas. Entre outras temos a rede viaria que nun primeiro momento utilizarían os camiños xa existentes, moitos de época Neolítica.
A vía partía de Lucus Augusti (Lugo), atravesaba a comarca de A Fonsagrada e proseguía polo Alto do Acevo, castro do Chao de San Martín, Grandas de Salime e remataba no Lucus Asturum (Lugo de Llanera, no concello asturiano de Llanera) que antes da chegada dos romanos estaría habitado polos Luggones. A esta vía secundaria fai alusión o Anónimo de Rávena, obra do século X pero baseada en textos dos séculos IV e V.
Segundo Sáez Taboada, no seu Elementos para el estudio de la caminería en la Galicia romana: la vía Lucus Augusti-Ponte-Abei (1998), o trazado adentraríase en terras de A Fonsagrada por Paradavella, proseguindo polo Alto do Acevo e Vieiro ata Santiso (que identifica coa mansio Ponte Abei), continuando en dirección a Santa Xuliana, Cereixido, Estoupela, Vilabol e Vilar de Cuíña, para logo seguir o curso do río Navia por Fornaza e Vilarmeor (este xa no concello de Negueira de Muñiz), ata o límite con Asturias.
Neste percorrido, o camiño pasaría a carón dos castros de O Castriño e O Castro situados nunhas pequenas penínsulas do río Navia, pouco despois da ponte de Marondo que separa os concellos de A Fonsagrada e Negueira de Muñiz, seguindo por Vilarmeor dende onde continuaría cara o norte, transitando xunto un posible castro no Carballín, e deiquí polas cercanías da explotación aurífera de Pedras Apañadas para, dende o Alto do Acevo, proseguir cara o Chao de San Martín e Lucus Asturum.
Cómpre aclarar que este itinerario semella tratarse dun ramal dunha complexa rede viaria cuxo camiño principal sería o que co decorrer dos séculos utilizou o Camiño Primitivo a Santiago e que coincide coa estrada actual abeirada por varias necrópoles megalíticas. A respeito destes enterramentos do Neolítico, no ramal que dende Vilarmeor subiría cara o O Carballín e a explotación de Pedras Apañadas, atópanse dúas medorras.
No tocante ás vías de comunicación, non debemos desbotar a utilización dunha vía fluvial como lle podería proporcionar o río Navia, citado por Plinio (23-79 d.C.) e Ptolomeo (100-170 d.C.). Carlos Sánchez-Montaña achega a hipótese de que a mansión de Pons Naviae, de grande importancia estratéxica, era o punto de confluenza entre as dúas capitais do Convento Lucense e Asturicense, con saída directa ao mar Cantábrico, como un xeito máis rápido de conectar as capitais co resto do Imperio para o transporte de mercadorías valiosas. Sánchez-Montaña empraza Pons Naviae na confluenza dos ríos Navia e Ibias, en Negueira de Muñiz, lugar onde están as aldeas de Ouviaño, Pena Nogueira e Calabreo que posúen entre si, teoriza, unha relación xeométrica perfecta dun triángulo equilátero dunha milla romana de lado e que de maneira estratéxica controlan a confluenza das dúas cuncas fluviais. Aínda que nós non desbotamos a existencia dun camiño romano polo concello de Negueira, non concordamos con Sánchez-Montaña canto á ubicación de Ponte Neviae que cremos estaría nas Pontes de Gatín, en Becerreá.
AS EXPLOTACIÓNS AURÍFERAS
En época prerromana, a extracción de ouro limitábase á explotación artesanal dos filóns e dos praceres fluviais. Coa chegada de Roma transfórmase este tipo de explotación nunha industria extractiva a grande escala. Os tipos de explotación son fundamentalmente dous: un sobre xacementos primarios (filóns en rocha e de cuarzo aurífero), e outro sobre xacementos secundarios (filóns en aluvións e praceres fluviais). O primeiro facíase a base de grandes cortas ou furados a ceo aberto.
Plinio o Vello (23-79 d.C.) conta que das minas da Gallaecia, Asturia e Lusitania saían 20.000 libras de ouro ao ano (uns 6.500 quilogramos), estimándose en 600 millóns de metros cúbicos os que foron removidos en case 500 minas abertas ao longo de tres séculos, onde traballaban entre 10.000 e 15.000 homes (Arias Vilas, 1992).
A poboación prerromana explotaría os placeres do río Navia mediante o bateo, aínda que xa coñecerían outros xacementos en galerías. Nas minas romanas, ademáis de homes libres, traballaban escravos e os condenados a traballos forzados (damnati ad metalla), baixo a dirección técnica e o control dos romanos, e vivirían nos castros, algún de nova construción.
A Serra de Pedras Apañadas atópase na fronteira galaico-astur. A análise máis detallada desta explotación aurífera foi a realizada por Enrique López Fernández e que pertence ao primeiro tipo de explotación sinalado máis arriba. Outra mina ben documentada é a de Penafurada, entre o Alto do Acevo e o castro do Chao de San Martín.
Outra explotación mineira ben documentada é a de Acevedo, en Castelo, parroquia de Barcela, a 700 metros de altitude.
O asentamento do Chao de San Martín, pola súa cercanía e importancia, desempeñaría un certo papel articulador dos castros da zona onde estarían incluídos os xa citados de Negueira de Muñiz, así como o tamén mineiro de Monte Castrelo, en Pelou (Grandas de Salime-Asturias).
Na comarca de A Fonsagrada existen abondosos vestixios de minas auríferas romanas vinculadas moitas veces con castros. Ao falar das vías de comunicación xa citamos O Castriño e O Castro situados a carón dun ramal da vía Lucus Augusti-Lucus Asturum.
Neste período encádrase o coñecido como tesouriño de Monteseiro (parroquia de A Fonsagrada limítrofe coa de Ouviaño, en Negueira de Muñiz), uns denarios de prata acuñados en tempos do emperador Galieno (218-268).
A toponimia tamén nos achega outra posible explotación mineira na parroquia de Río de Porto. Trátase dos Fornos da Furoca onde pode que se desenvolvera algún tipo de actividade metalúrxica.
Hai unha lenda que di que dos castros de O Castro e do Castrelín partía un túnel que comunicaba coa explotación de Pedras Apañadas.
OUTROS XACEMENTOS
A PENA DOS ENCANTOS
Trátase dun enorme afloramento xistoso situado xunto a aldea de Vilarmeor, parroquia de Ouviaño. A única referencia que coñecemos é a da páxina do Concello de Negueira de Muñiz que a cita como un xacemento arqueolóxico cando non existe evidencia de que no lugar apareceran restos que o confirmen. Segundo nos contaron os veciños don José Marondo, de 93 anos, e don Hortensio, arredor da pena hai unha lenda dunha moura que adoitaba aparecerse xunto unha fonte que hai no lugar, encantando a todo aquel que dubidara do seu poder. Don José lembra que a principios dos anos trinta do pasado século XX uns homes baixaron con cordas pola pena para ver de atopar o tesouro que agocha. José Manuel Cuervo Uría dime que o seu pai, nacido e criado ao pé da pena, lémbrase dos "Señores de Oviedo" (catedrático Uría Ríu e algún axundante) que no 1954 estiveron recoñecendo o cumio da pena e zona da chaira.
CASTELO DE CANCIO
Castelo
é unha aldea da parroquia de Barcela (Negueira de Muñiz). Situada a 604
metros de altitude, entre dous pequenos cursos de auga que desembocan
no regueiro de Acevedo, e este no río Navía, a tradición asegura que no
sitio levantouse o castelo de Cancio do que non atopamos restos
visibles, quizais perdidos, de existir, entre as arruinadas casas do
pobo.
A
pouca documentación escrita tampouco aclara gran cousa sobre a
ubicación desta fortaleza. Ademais do nome da aldea, a uns 460 metros
sobre a mesma temos o topónimo Castelo de Cantín, un afloramento rochoso
que se eleva a 775 metros de altitude de complicadísimo acceso.
O xesuíta Luis Alfonso Carballo, no seu Antigüedades y cosas memorables del Principado de Asturias,
publicado no ano 1695, di que a familia Cancio (con palacios en
Castropol e Vegadeo, entre outros) tomou o apelido da Encomenda de
Cancio, e que máis tarde o castelo pasou á súa propiedade por dereito de
foro. O primeiro da linaxe, coñecido, sería Gonzalo López de Cerredo,
casado con Dona Sancha, quen tiveron dous fillos, Nuño e Suero González.
O primeiro herdou Cancio e o segundo Burón. Nuño, que tomaría o apelido
do castelo de Cancio, casou con María Méndez de Donlebún; tiveron un
fillo, Pedro Méndez de Cancio, quen herdou a fortaleza e o señorío nos
primeiros lustros do século XIV. Suero poseeu o castelo de Burón, con
homenaxe feita ao bispo de Oviedo no ano 1321 (era 1359).
Ampelio Alonso de Cadenas López, no seu Blasonaro de la consanguinidad ibérica (1980), di que a linaxe dos Cancio procede do "castillo de Cancio, Nogueira de Burón". Nogueira de Burón refírese, sen dúbida, a Negueira que, xunto coa Fonsagrada, pertencían á xurisdición Burón.
Foron
os desa casa quen construíron eiquí un castelo? Durante canto tempo
exerceron o señorío? Porque, ao parecer, a mediados do século XIV estaba
en mans dos Trastámara, pasando no ano 1480 á Casa de Altamira que, ao
menos ata mediados do século XVIII (tal como nolo achega o Catastro de
Ensenada), controlaba o cen por cen da Fonsagrada e Negueira, agás os
coutos de Bustarvelle e Marentes que eran propiedade, respectivamente,
de Tomás Quindós e Bartolomé Rodón. Cando a Revolta Irmandiña
(1467-1469), o castelo de Burón foi derrubado e quen obrigou a
reconstruílo foi a familia Moscoso.
Só
como hipótese, pode que no lugar houbera un castelo ou torre de época
romana relacionada coas explotacións mineiras da zona, e mesmo para
controlar o río Navia (algún autor conxectura que podería ser navegable
en varios tramos, con mansión incluída ao seu carón) e a vía que
enlazaría Lucus Augusti (Lugo) e Lucus Asturum (Lugo de
Llanera, en Asturias), á que fai referencia o Anónimo de Rávena, obra do
século X pero baseada en textos dos séculos IV e V.
Para rematar, nunha casa de Castelo hai unha inscrición da que hai anos nos informou Miguel Conde, o seu informante foi Salvador, o último habitante da aldea. Posiblemente incompleta, lemos: "AE NAVIA".