PATRIMONIO RELIXIOSO DO CONCELLO DE NEGUEIRA

A descrición do patrimonio relixioso do concello de Negueira de Muñiz débese aos autores. Nalgúns casos non se describe o interior porque cando a visita os edificios estaban pechados.
 

IGREXA DE SAN MIGUEL DE BARCELA
 
Asulagada, xunto co cemiterio e aldea, cando a construción do encoro de Salime. As súas ruínas só emerxen das augas nos veráns secos. Polas fotos, tiña planta rectangular con presbiterio máis alto ca nave, con espadana de dous vans. O mesmo lle aconteceu ás igrexa de San Pedro de Ernes e Río de Porto. En Apología en favor de la Santa Iglesia de Santiago en razón de la renta de votos que cobra..., de Pedro Antonio Sánchez Vaamonde (1749-1806), cítase a Ecclesiae Sancti Michaelis de Barcela que estaba rexentada por Joannem Petri.

   

IGREXA DE SAN PEDRO DE ERNES
San Pedro de Ernes tivo igrexa parroquial, consagrada a San Pedro, e cemiterio que quedaron baixo as augas do encoro. Segundo noticias da época, o templo estaba inacabado. Antes de encher o encoro, os veciños pediron poder trasladar os mortos do cemiterio pero non llo permitiron. 
 
No ano 2014 inaugurouse unha nova igrexa parroquial, construída en terreos cedidos por un veciño. Trátase dun pequeno templo de nave rectangular cuberto en lousa a dúas augas, con presbiterio máis alto ca nave cuberto a catro augas. No ano 2019 fixeron unha pintada nun dos muros.
 
 
IGREXA DE SAN SALVADOR DE NEGUEIRA
Construída a finais do século XV ou a principios do XVI coa intención, dise, de que fose un mosteiro se ben non hai documentación que o confirme. Salienta o pórtico cuberto que se estende ao redor da nave, con teitume máis baixa e con arcos para favorecer a iluminación do recinto. O templo consta dunha nave con planta de cruz latina, cunha capela en cada un dos dous brazos, e cun presbiterio con bóveda de aresta. Espadana de dous vans con senllas campás, e por riba campanil. Tanto as capelas laterais como a maior acollen interesantes retábulos, todos de estilo barroco. No retábulo da capela maior, do século XVIII, salienta a imaxe do Salvador. Na capela lateral norte, retábulo decorado de forma bastante rica, onde salienta a imaxe da Virxe do Carme co Neno cunhas tallas de xeonllos aos lados en actitude orante e un Sagrario co Agnus Dei. Nesta mesma capela, retábulo do século XVII cos figuras dun Ecce Homo (Cristo atado a unha columna), un San Bartolomeu cun dragón aos pés, o San Antonio e o San Xoán. Na capela lateral sur hai outro retábulo de finais do século XVIII coroado por un pequeno escudo suxeito por animais mitolóxicos, unha imaxe do Salvador de principios do século XV, a Virxe, San Domingos e outro santo. Xunto a igrexa érguese a reitoral.
Nun documento do 1 de xaneiro de 1760, o cura de San Salvador de Negueira, Sebastián Fulgencio Alonso Faiz, urxe a Alonso Magadán y Ron sinalar os días para recoller os décimos que lle corresponden.
No ano 1958, o alcalde José María López Villar queixábase dos problemas para trasladar aos defuntos de Barcela, que despois da construción do encoro quedara sen igrexa nin cemiterio, ata o camposanto de Negueira que, ante a falta dunha ponte, tíña que facerse en barca. No ano 1956, debido á baixada das augas, a barca que trasladaba o corpo dunha veciña quedou atascada no barro.


IGREXA DE SANTIAGO DE OUVIAÑO 
 
Situada na parte máis elevada da aldea. Trátase dun templo rural construído en lousa, de nave rectangular e tellado a dúas augas. No lateral sur presenta un pórtico rústico que, ademais de seren utilizado como lugar de espera antes dos oficios relixiosos, usábase como lugar de reunión da veciñanza. O presbiterio de planta cadrada é máis alto ca nave, está cuberto en lousa a catro augas. Sobre o lateral norte apoia un arco de medio punto ao que se accede por unhas escaleiras de pizarra que levan á espadana de dous corpos con tres vans que acollen as campás. No muro sur vese un reloxo de sol realizado en lousa onde se le: “Ano 1880”, antano situado na reitoral. No interior hai tres retábulos, o maior e dous laterais. O maior, dun só corpo con columnas vese, entre outras, a imaxe do Santiago Matamouros, de cronoloxía anterior á do retábulo. O retábulo lateral norte é de finais do século XIX cunha talla da Virxe María. No lateral sur, o máis sinxelo, están as esculturas do Santo Anxo que leva da man á Madalena. Tamén se conserva unha pía bautismal decorada con círculos. Na igrexa custódiase  unha cruz de prata e un cáliz do século XVIII.
 
No ano 1631, o mosteiro de Villanueva de Oscos reclama a sexta parte da aldea de Ouviaño e outros bens na xurisdición de Burón.
 
Ao menos entre os anos 1902 e 1932, foi cura párroco José López Villar. En xullo de 1932, o Gobernador Civil impúxolle unha multa de 300 pesetas por calumniar antes os fregueses aos ministros da República. 
 
 
 

IGREXA DE SANTA MARÍA MADANELA DE MARENTES

A igrexa parroquial sitúase na parte asturiana do concello de Ibias, pero á que pertencen varias aldeas de Negueira de Muñiz. Nave rectangular teitada en lousa a dúas augas. Presbiterio máis alto ca nave. Entrada principal cuberta por un pórtico. Espadana con dúas campás. Depende da Diócese de Oviedo.
 

IGREXA DE RÍO DE PORTO (San Brais da Barqueiría)
 
Asulagada polo encoro de Salime. Polas fotos da época, obsérvase que tiña planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas, co presbiterio, cuberto a catro augas, máis alto ca nave. Espadana de dous vans e campanil.
 
 
 
CAPELA DE SAN SEBASTIÁN DE CANCIO
 
Na parroquia de Barcela. Presenta planta rectangular construída en xisto, tellado cuberto en lousa a catro augas e coroado por un pináculo. Accédese ao interior por un pórtico. No interior vese un retábulo tosco de madeira que na actualidade carece de imaxes; hai un confesonario rústico.

 
CAPELA DE SANTALLA
 
En Santalla, parroquia de Barcela. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Accédese por un pórtico cuberto a unha auga. No interior pequeno retábulo presidido pola imaxe de Santa Olalla.


 
CAPELA DE SAN ILDEFONSO DE VILAUXÍN

En Vilauxín, parroquia de Barcela. Planta rectangular, muros de cachotaría e cuberta en lousa a dúas augas. No interior conserva unha imaxe de San Ildefonso.
 
CAPELA DE SANTA BÁRBARA DE BUSTELO DE MURIAS

En Bustelo, parroquia de Negueira.


CAPELA DE PELÓU
 
O motivo de achegar esta capela é debido a que figura no inventario de bens patrimoniais do concello de Negueira de Muñiz, publicado no Diario Oficial de Galicia do 12 de xullo de 1991. Aínda que está situada na aldea asturiana de Pelou (Grandas de Salime), eclesiasticamente pertence á parroquia de Negueira. Presenta planta rectangular con tellado de lousa a dúas augas. Engadíuselle unha espadana moderna dun van. Ao interior accédese por medio dun pórtico. Pode verse un sinxelo retábulo neoclásico dun corpo con imaxes toscamente labradas de San Paio, San Miguel e Santo Estevo.
 
 
CAPELA DE SAN PEDRO DE PIEIGA
 
Na aldea de Pieiga, parroquia de Negueira. Situada no alto da aldea, presenta unha planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Foi restaurada hai algúns anos. A mediados dos anos cincuenta do pasado século engadíuselle un campanario de cemento que substituíu á primitiva espadana. No interior hai un retábulo de fasquía neoclásica con varias imaxes, salientado a do patrón San Pedro.
 
 
CAPELA DE SAN VICENZO DE SEIRA
 
En Seira, parroquia de Negueira. Pequena capela construída en lousa, hoxe recebada e pintada, con tellado de lousa a catro augas á que se accede por medio dun pórtico. Presenta unha espadana dun van acaroada nun lateral. No interior hai un retábulo con varias imaxes; tamén poden verse varias cruces de madeira e un confesonario descuberto.
 
 
CAPELA DA VIRXE DA VEIGA
 
En Seira, parroquia de Negueira. Celébrase unha afamada romaría o día 15 de agosto. A antiga capela foi asulagada pola construción do encoro de Salime. A ermida actual, onde figura a data de 2001, érguese nunha área recreativa xunto o río Navia. Construída en lousa, con portas e ventás de granito. Espadana de granito labrado dun van coroada por unha cruz de ferro.
 
Nas inmediacións levantábase a antiga ermida que quedou baixo as augas do encoro de Salime. Tiña planta cadradra con pórtico a dúas augas, espadana de dous ocos e campanil.
 
 

CAPELA DE SAN ANTÓN DE VILASECA 
 
Na aldea de Vilaseca, parroquia de Negueira. Pequena capela de planta rectangular construída en lousa, cuberta a dúas augas. Accédese por medio dun pórtico cuberto a tres augas. Espadana dun oco. No sinxelo interior, vese un único retábulo neoclásico co San Antonio Abade, a Virxe co Neno, Cristo crucificado, Santiago Apóstolo e outra talla. Romaría do San Antón o 17 de xaneiro. 

 
CAPELA DO SAN ROQUE DE BRAÑELA
 
Levántase na Brañela, na parroquia de Ouviaño. Pequena capela de planta rectangular  construída en lousa. Tellado a dúas augas cuberto con lousa coroado por unha cruz de fundición e un pináculo. Accédese por un pórtico onde se pode ver unha inscrición que di: “En agradecemento ó párroco D. Ramón Rodríguez Mondelo, artifice da restauración desta capela. San Roque 22-08-2010”. No interior hai un modesto retábulo coa imaxe do San Roque e o can, e outras dúas tallas, máis pequenas, unha de San Antonio co Neno e outra do San Roque.   Fronte a capela hai dúas árbores onde se poden ver unhas cruces de madeira cravadas no tronco. 
No ano 2011, despois de restaurar a capela e facer unha homenaxe ao carro cun pequeno museo, volveuse a celebrar o San Roque cunha misa, comida ao aire libre, música e baile.
 
 

CAPELA DO SAN ANTÓN ABADE DE A GAMALLEIRA
 
En A Gamalleira, parroquia de Ouviaño. Construída en lousa, cuberta a catro augas co mesmo material. Ten un campanil nunha esquina do tellado. No interior, ao que se accede a través dun pórtico, presenta un modesto retábulo con tres imaxes, unha delas a do patrón San Antón Abade. Tamén se pode ver un pequeno altar e un rústico confesonario descuberto. 
Contáronnos que o patrón recibe o alcume de San Antón Lacueiro, de aí o dito: "O día dezasete de xaneiro, San Antón Lacueiro".
 
  
CAPELA DE OUVIAÑO
 
Situada na parte máis baixa da aldea. De planta rectangular, muros de laxas e teito de lousa cuberto a dúas augas sobre armazón de madeira. A porta está protexida por un pórtico. No interior conservaba as imaxes do Santo Anxo da Garda, Santa Bárbara e San Antonio. 
 
  
CAPELA DE SANTA MARIÑA DE TALLOBRE
 
En Tallobre, parroquia de Ouviaño. Pequena capela construída en lousa (na actualidade recebada e pintada de cor branca), con cuberta a dúas augas teitada no mesmo material e coroada por dous toscos pináculos. Ten un pórtico sobre o que se insire un campanil. No interior conserva as imaxes da patrona, Santa Mariña, San Antonio e Santa Bárbara. Tamén se pode ver un sinxelo confesonario descuberto.
 
 

CAPELA DA VIRXE DO CARMEN EN ENTRALGO
 
Na parroquia de Río de Porto. De planta rectangular construída en xisto, cuberta en lousa a catro augas. Pequeno pórtico e espadana acaroada nun lateral. No interior conserva catro imaxes (algunha procedente da asulagada igrexa de Río de Porto) e un crucifixo.
 
 
CAPELA DA VIRXE DA CARIDADE DE TRASMONTE
 
En Trasmonte, parroquia de Río de Porto.
 
 
CAPELA DA INMACULADA CONCEPCIÓN DE ERNES
 
Na parroquia de San Pedro de Ernes. De planta cadrada e cuberta en lousa a catro augas. Pequena espadana acaroada nun lateral. No interior non conserva ningunha imaxe, si un rústico confesonario.
 
  
CAPELA DE SAN ANTOLÍN DE VILAR DE ERNES
 
A capela de San Antolín de Vilar de Ernes foi asulagada polas augas do encoro de Salime.

 
CAPELA DE SAN LUIS DE ESCANLAR
 
En Escanlar, parroquia de San Pedro de Ernes. En ruínas.
 
 
OUTROS EDIFICIOS RELIXIOSOS
 
En Foxo, parroquia de Barcela, había unha capela posta baixo o padroado de San Xoán.
 
A ermida de Airela e Armilda está emprazada no concello asturiano de Grandas de Salime aínda que eclesiasticamente pertence á parroquia de Negueira. É de planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas; está adicada a San Nicolau.