Situado no oriente da provincia de Lugo, lindeiro con Asturias, Negueira de Muñiz é un concello pertencente á comarca da Fonsagrada. Cunha superficie de 72,3 quilómetros cadrados, está formado polas parroquias de Barcela (coas aldeas de Cancio, Castelo, O/El Foxo, Rozadas, Santalla e Vilauxín), Marentes (cos núcleos de Calabreo, A Lavandeira, Pena da Nogueira e Robledo), Negueira (coas aldeas de Bustelo de Murias, Negueira, Pieiga, Sanformar, Seira e Vilaseca), Ouviaño (cos sitios de Bustarvelle, O/El Carballín, A Gamalleira, Ouviaño, Tallobre e Vilarmeor), Río de Porto (coas entidades de Entralgo, Río da Raseda, Sarceada e Vilagudín), e San Pedro de Ernes (coas aldeas de Ernes, Escanlar e Vilar).
O concello de Negueira foi creado por Real Decreto do 22 de xullo de 1928, pasando a denominarse Concello Constitucional de Negueira por iniciatia de Antonio Muñiz Álvarez. Anteriormente formaba parte, xunto coa Fonsagrada, do Concello de Burón, creado no 1833. No 1928, como agradecemento á súa persoa, pasou a chamarse Negueira de Muñiz, o que foi aprobado por Real Decreto do 22 de novembro de 1929.
A súa xuventude como municipio con entidade xurídica propia
non significa, nin moito menos, que careza de historia. Como testemuñan as medorras que se conservan, por estas terras xa camiñaba o ser
humano, polo menos, hai uns 6.000 anos. Presenza da que volvemos ter noticia no
derradeiro milenio antes de Cristo coa aparición dos castros que no cambio de era foron reaproveitados
polos romanos para controlar o territorio, asegurando así a produción mineira, principalmente de
ferro e ouro, actividade que tivo a súa continuidade durante a Idade Media e
que perdurou ata entrado o século XX.
De invernos fríos, de accidentada
e montañosa orografía (dende o punto de vista físico é un dos municipios máis
accidentados de Galicia), con relevos formados principalmente por xistos e
lousas. Os vales, situados nas ourelas do río Navia, con temperaturas máis
suaves, son escasos, o que non impediu un relativo desenvolvemento
socio-económico.
Pola documentación histórica sabemos da
produción de cereais (trigo, centeo, millo), patacas, nabos, legumes, árbores
froiteiras, castañas, noces e viño que, pola súa boa calidade, mesmo se
exportaba. As colmeas fornecían as economías familiares de mel e cera. A cabana
gandeira estaba composta por gando vacún, ovino, porcino e cabrún, produción
que se complementaba coa caza de corzos e xabaríns.
Os ríos tamén eran outra
fonte de alimento, coa pesca de troitas, anguías e salmóns. Na
rede fluvial salienta o río Navia onde desembocan varíos ríos e
regueiros como o Ibias, Couso, Pasadas, Marondo, Abelleiro, etc. Na actualidade, a
base económica do concello asenta na gandaría e na explotación de madeira (piñeiros
de repoboación que en moitas zonas substituíron ás sobreiras, érbedos,
cerquiños, carballos, castiñeiros, etc.); a escasa superficie dedicada á
agricultura oriéntase cara ao autoconsumo, se ben está a acadar cada vez maior importancia a produción de viño.
A área de montaña, que ocupa máis
das dúas terceiras partes do concello, foi declarada no 2001 Lugar de
Importancia Comunitaria (LIC), forma parte da Rede Natura 2000 en Galicia e, no 2007, da Reserva da Biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón. Esta última abrangue catorce municipios de Asturias e Galicia (Castropol, A Veiga, Taramundi, Santiso de Abres, Vilanova de Ozcos, Santalla de Ozcos, San Martín de Ozcos, Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz), acadando unha superficie de 158.883 hectáreas, das que 15.518 constitúen espazos especialmente protexidos de paisaxes, ecosistemas e especies.
Se a climatoloxía e a orografía
do terreo xa non facían doada a existencia, os seus habitantes tiveron que
padecer, ademais, a rapina dos señores feudais, entre outros os dos condes de
Trastámara dende o século XIV, e logo a dos condes de Lemos e de Altamira que camparon ás
súas anchas por estas terras a partir do último terzo do século XV, obrigando
aos seus “servos” a pagar abusivos trabucos (agás Bustarvelle, que era couto
particular pertencente a Tomás Quindós, de O Trobo, na Fonsagrada). O levantamento Irmandiño contra
os tiranos, ben alcumados como “malfeitores” (nobres e eclesiásticos), puído
trocar o devir histórico, non só de Negueira, senón de Galicia. Mais as tropas
feudais, que en todo momento contaron co apoio da xerarquía eclesiástica,
mellor organizadas e con moderno armamento, apoiadas polos reis de Castela e
Portugal, ao que hai que sumar a división dentro das forzas populares, rematou
coa revolta.
Durante o século XIX, Negueira
tampouco foi allea aos acontecementos bélicos acontecidos en Galicia e no resto
do Estado. Na Guerra da Independencia está documentado que cando o día 5 de
xullo de 1810 o exército francés rompeu a coñecida como “liña do Navia”, a
Xunta de Vitos (Grandas de Salime) trasladouse a Ouviaño, e de alí a Cecos
(Ibias) para non caer nas mans das forzas napoleónicas. Tamén hai autores que
apuntan a participación dalgúns veciños na primeira e segunda Guerra Carlista
(1833-1840 e 1846-1849). O triunfo dos liberais non mudaron substancialmente as
condicións de vida das xentes dos pobos de Negueira, a baixa nobreza que
substituíra os grandes propietarios feudais, encarnada pola fidalguía,
continuaba a ser a grande beneficiada dos privilexios que lles
proporcionaban os foros. Así, existe constancia de que a loita social a favor
da redención foral foi unha constante entre as xentes do municipio ata a súa
abolición (Redención dos Foros) no ano 1925.
Foi nesta época cando entra en
escea José Antonio Muñiz Álvarez, un home orixinario de Vilar de Ernes quen no ano 1883, despois de regresar á súa aldea (estivera emigrado en Cuba e en Francia),
convence aos veciños das freguesías de Barcela, Ernes, Marentes, Negueira,
Ouviaño e Río de Porto para segregarse da Fonsagrada e así constituírse en
concello propio, independencia que se logrou o día 22 de xullo de 1928 pasando
a chamarse Concello Constitucional de Negueira. O día 22 de novembro de 1929,
por real orde, concédese o cambio de nome de Negueira polo de Negueira de Muñiz
como agradecemento ao seu benfeitor. Denominación que non apraceu a todo o
mundo: O día 30 de abril de 1929 no xornal El
Orzán da Coruña, Antonio de Cora asinaba un artigo titulado Buscando un apellido onde amosaba a súa
discrepancia co novo nome do municipio, propoñendo, entre outros, o de Negueira
de Navia. Co golpe militar do
18 de xullo de 1936, don José Antonio Muñiz, republicano, é encarcerado na
prisión provincial de Lugo, confiscándoselle, ademais, todas as súas
propiedades. Morreu en Lugo o día 3 de xaneiro de 1956.
Pouco sabemos da participación
dos veciños do concello de Negueira de Muñiz na Guerra Civil. Ademais do encarceramento
de José Antonio Muñiz Álvarez polas súa ideoloxía democrática e republicana,
coñécese o asasinato polos fascistas de Antonio Álvarez González e algún outro episodio que relatamos no apartado dedicado ás Historias, lendas e tradicións.
A lenta pero continuada merma
demográfica que encomezou a padecer o concello a partir do ano 1930,
converteuse en imparable coa construción dun dos símbolos do rexíme
franquista: o encoro de Salime, inaugurado no 1956, que
asulagou terras e vivendas, provocando o éxodo de parte da poboación a cambio
dunhas miserentas indemnizacións, abandonando uns lugares que os seus antepasados,
ao longo dos séculos, conseguiran dominar para facelos habitables e produtivos.
Para facernos unha idea do descenso poboacional, no Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones
de Ultramar, o coñecido como Diccionario
Madoz, escrito entre o 1846 e o 1850, vemos que só nas freguesías de
Barcela, Negueira e San Pedro de Ernes vivían a mediados do século XIX 1.320
persoas. E no primeiro censo de poboación publicado no ano 1930, o municipio
contaba con 1.534 habitantes. No 1970 xa diminuira a poboación a un terzo, con 590 habitantes. No ano 2020, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), contaba con 225 habitantes (116 homes e 99 mulleres), coa densidade de poboación máis baixa de Galicia (0,40 habitantes por quilómetro cadrado).
Xabier Moure