NEGUEIRA, MÁIS CA UN ENCORO

Situado no oriente da provincia de Lugo, lindeiro con Asturias, Negueira de Muñiz é un concello pertencente á comarca da Fonsagrada. Cunha superficie de 72,3 quilómetros cadrados, está formado polas parroquias de Barcela (coas aldeas de Cancio, Castelo, O/El Foxo, Rozadas, Santalla e Vilauxín), Marentes (cos núcleos de Calabreo, A Lavandeira, Pena da Nogueira e Robledo), Negueira (coas aldeas de Bustelo de Murias, Negueira, Pieiga, Sanformar/Sanzormar, Seira e Vilaseca), Ouviaño (cos sitios de Bustarvelle, O/El Carballín, A Gamalleira, Ouviaño, Tallobre e Vilarmeor), Río de Porto (coas entidades de Entralgo, Río da Raseda, Sarceada e Vilagudín), e San Pedro de Ernes (coas aldeas de Ernes, Escanlar e Vilar).
 
 
O concello de Negueira foi creado por Real Decreto do 22 de xullo de 1928 (de feito, a separación administrativa producírase tres anos antes, no 1925), pasando a denominarse Concello Constitucional de Negueira por iniciatia de Antonio Muñiz Álvarez. Anteriormente formaba parte, xunto coa Fonsagrada, do Concello de Burón, creado no 1833. No 1928, como agradecemento á súa persoa, pasou a chamarse Negueira de Muñiz, proposta que foi aprobada por Real Decreto do 22 de novembro de 1929.

A súa xuventude como municipio con entidade xurídica propia non significa, nin moito menos, que careza de historia. Como testemuñan as medorras que se conservan, por estas terras xa camiñaba o ser humano, polo menos, hai uns 6.000 anos. Presenza da que volvemos ter noticia no derradeiro milenio antes de Cristo coa aparición dos castros que no cambio de era foron reaproveitados polos romanos para controlar o territorio, asegurando así a produción mineira, principalmente de ferro e ouro, actividade que tivo a súa continuidade durante a Idade Media e que perdurou ata entrado o século XX.
 

 
De invernos fríos, de accidentada orografía (dende o punto de vista físico é un dos municipios máis accidentados de Galicia), con relevos formados principalmente por xistos e lousas. Os vales, situados nas ourelas do río Navia, con temperaturas máis suaves, son escasos, o que non impediu un relativo desenvolvemento socio-económico. 
 
Pola documentación histórica sabemos da produción de cereais (trigo, centeo, millo), patacas, nabos, legumes, árbores froiteiras, castañas, noces e viño que, pola súa boa calidade, mesmo se exportaba. As colmeas, protexidas en cortíns, fornecían as economías familiares de mel e cera. A cabana gandeira estaba composta por gando vacún, ovino, porcino e cabrún, produción que se complementaba coa caza de corzos e xabaríns.
 
 
 
Canto á fauna, ademais dos corzos, en ocasións pode verse ocasionalmente algún oso pardo, tamén lobos, zorros, xabaríns, teixugos, ardillas, nutrias, aguias, gabiáns, azores...
 

  
Os ríos tamén eran outra fonte de alimento, coa pesca de troitas, anguías e salmóns. Na rede fluvial salienta o río Navia onde desembocan varíos ríos e regueiros como o Ibias, Couso, Pasadas, Marondo, Abelleiro, etc. Na actualidade, a base económica do concello asenta na gandaría e na explotación de madeira (piñeiros de repoboación que en moitas zonas substituíron ás sobreiras, érbedos, cerquiños, carballos, castiñeiros, etc.); a escasa superficie dedicada á agricultura oriéntase cara o autoconsumo, se ben está a acadar cada vez maior importancia a produción de viño. Nos últimos anos, principalmente en Entralgo, está a comercializarse a cortiza da sobreira.
 
A área de montaña, que ocupa máis das dúas terceiras partes do concello, foi declarada no 2001 Lugar de Importancia Comunitaria (LIC), forma parte da Rede Natura 2000 en Galicia e, no 2007, da Reserva da Biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón. Esta última abrangue catorce municipios de Asturias e Galicia (Castropol, A Veiga, Taramundi, Santiso de Abres, Vilanova de Ozcos, Santalla de Ozcos, San Martín de Ozcos, Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz), acadando unha superficie de 158.883 hectáreas, das que 15.518 constitúen espazos especialmente protexidos de paisaxes, ecosistemas e especies. 
 
 

Se a climatoloxía e a orografía do terreo xa non facían doada a existencia, os seus habitantes tiveron que padecer, ademais, a rapina dos señores feudais, entre outros os dos condes de Trastámara dende o século XIV, e logo a dos condes de Lemos e de Altamira que camparon por estas terras a partir do último terzo do século XV, obrigando aos seus “servos” a pagar abusivos trabucos (agás Bustarvelle, que era couto particular pertencente a Tomás Quindós, de O Trobo, na Fonsagrada). O levantamento Irmandiño contra os tiranos, ben alcumados como “malfeitores” (nobres e eclesiásticos), puído trocar o devir histórico, non só de Negueira, senón de Galicia. Mais as tropas feudais, que en todo momento contaron co apoio da xerarquía eclesiástica, mellor organizadas e con moderno armamento, apoiadas polos reis de Castela e Portugal, ao que hai que sumar a división dentro das forzas populares, rematou coa revolta.
 
 

Durante o século XIX, Negueira tampouco foi allea aos acontecementos bélicos acontecidos en Galicia e no resto do Estado. Na Guerra da Independencia está documentado que cando o día 5 de xullo de 1810 o exército francés rompeu a coñecida como “liña do Navia”, a Xunta de Vitos (Grandas de Salime) trasladouse a Ouviaño, e de alí a Cecos (Ibias) para non caer nas mans das forzas napoleónicas. Tamén hai autores que apuntan a participación dalgúns veciños na primeira e segunda Guerra Carlista (1833-1840 e 1846-1849). O triunfo dos liberais non mudaron substancialmente as condicións de vida das xentes dos pobos de Negueira, a baixa nobreza que substituíra os grandes propietarios feudais, encarnada pola fidalguía, continuaba a ser a grande beneficiada dos privilexios que lles proporcionaban os foros. Así, existe constancia de que a loita social a favor da redención foral foi unha constante entre as xentes do municipio ata a súa abolición (Redención dos Foros) no ano 1925, que culminou co Decreto-lei do 1 de agosto de 1926, o que en teoría permitiu aos campesiños a adquirir a propiedade das terras que cultivaban.
 
 
Foi nesta época cando entra en escea José Antonio Muñiz Álvarez, un home orixinario de Vilar de Ernes, quen no ano 1883, despois de regresar á súa aldea (estivera emigrado en Cuba e en Francia), convence aos veciños das freguesías de Barcela, Ernes, Marentes, Negueira, Ouviaño e Río de Porto para segregarse da Fonsagrada e así constituírse en concello propio, independencia que se logrou o día 22 de xullo de 1928 pasando a chamarse Concello Constitucional de Negueira. O día 22 de novembro de 1929, por real orde, concédese o cambio de nome de Negueira polo de Negueira de Muñiz como agradecemento ao seu benfeitor. Denominación que non apraceu a todo o mundo: O día 30 de abril de 1929 no xornal El Orzán da Coruña, Antonio de Cora asinaba un artigo titulado Buscando un apellido onde amosaba a súa discrepancia co novo nome do municipio, propoñendo, entre outros, o de Negueira de Navia. Co golpe militar do 18 de xullo de 1936, José Antonio Muñiz, republicano, é encarcerado na prisión provincial de Lugo, confiscándoselle, ademais, todas as súas propiedades. Morreu en Lugo o día 3 de xaneiro de 1956.
 
 

Pouco sabemos da participación dos veciños do concello de Negueira de Muñiz na Guerra Civil. Ademais do encarceramento de José Antonio Muñiz Álvarez polas súa ideoloxía democrática e republicana, coñécese o asasinato polos fascistas de Antonio Álvarez González e algún outro episodio que relatamos no apartado dedicado ás Historias, lendas e tradicións.

A lenta pero continuada merma demográfica que encomezou a padecer o concello a partir do ano 1930, converteuse en imparable coa construción dun dos símbolos do rexíme franquista: o encoro de Salime, inaugurado no 1956, que asulagou terras e vivendas, provocando o éxodo de parte da poboación a cambio dunhas miserentas indemnizacións, abandonando uns lugares que os seus antepasados, ao longo dos séculos, conseguiran dominar para facelos habitables e produtivos.
 
  
Para facernos unha idea do descenso poboacional, no Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, o coñecido como Diccionario de Pascual Madoz, escrito entre o 1846 e o 1850, vemos que só nas freguesías de Barcela, Negueira e San Pedro de Ernes vivían a mediados do século XIX 1.320 persoas. E no primeiro censo de poboación publicado no ano 1930, o municipio contaba con 1.534 habitantes. No 1970 xa diminuira a poboación a un terzo, con 590 habitantes. No ano 2020, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), contaba con 225 habitantes (116 homes e 99 mulleres), coa densidade de poboación máis baixa de Galicia (0,40 habitantes por quilómetro cadrado). 
 
patrimoniodenegueira.blogspot.com

PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO DO CONCELLO DE NEGUEIRA

Falamos de: > O megalitismo (medorras). > Os castros. > Época romana (asentamentos, vías, explotacións mineiras). > Outros xacementos: A Pena dos Encantos, Castelo do Cantín e Castelo de Cancio

O MEGALITISMO NO CONCELLO DE NEGUEIRA DE MUÑIZ
Para atopar as primeiras noticias sobre o Megalitismo no oirente da provincia de Lugo temos que mirar ao concello da Fonsagrada, a una referencia á mámoa da Casía da Arquela, na Allonquiña, parroquia da Allonca, feita por Florentino López Cuevillas, citando a Vázquez Seijas. Haberá que esperar ao traballo publicado por Enrique López Fernández no Boletín do Museo provincial de Lugo no ano 1986, e que xa presentara nunha homenaxe a Florentino López Cuevillas en Ourense baixo o título Megalitos y mámoas en el ayuntamiento de Fonsagrada, cando saian á luz preto de 150 enterramentos que o autor distribúe en varias áreas, unha no concello de Negueira de Muñiz: a da Brañela, no Carballín. En Galicia, os enterramentos máis antigos datan do quinto milenio antes de Cristo, acadando o máximo apoxeo no terceiro milenio, e mantendo o seu uso ata o 1500 antes de Cristo. No municipio de Negueira de Muñiz temos as mámoas, coñecidas eiquí como medorras, relacionadas a continuación.
 
MEDORRA DA BRAÑELA
En El/O Carballín, parroquia de Ouviaño. Localizada polo Colectivo Patrimonio dos Ancares no ano 2016. Situada a 1.050 metros de altitude, a pouco máis de 100 metros do límite con Asturias. Ten unhas medidas de 15 metros de diámetro e 0,60 de altura. Apréciase un cráter de violación pouco profundo. Sobre a mámoa vense pequenas pedras que formarían parte da coiraza. Os traballos agrícolas afectaron á masa tumular. Xa foi catalogada por Patrimonio da Xunta de Galicia.

MEDORRA DO CHAN DA ARQUELA
Patrimonio da Xunta de Galicia sitúaa en Vilarmeor, parroquia de Ouviaño, denominándoa como Mámoa da Chan da Arqueta. Pero está mal ubicada, en realidade atópase a 600 metros de distancia, no monte da Gamalleira, a 498 metros de altitude. Moi achandada, ten unhas medidas aproximadas de 16 metros de diámetro. Do cráter de violación asoma unha pedra do dolmen.
 
MEDORRA DO COTO DA LAGOA OU PICO DA LAGOA
No monte da Brañela, parroquia de Ouviaño, a uns 80 metros do límite coa parroquia de Monteseiro, no concello da Fonsagrada. Situada a 1.195 metros de altitude, moi achandada na súa masa tumular, ten unhas medidas aproximadas de 12 metros de diámetro e 0,50 de altura.
MEDORRA DO COUSO
Localizada polo Colectivo Patrimonio dos Ancares en outubro de 2019. Foi no monte Teso do Espiñeiro, a 650 metros de altitude, a carón dun antigo camiño que comunicaba Vilar con Castelo. Situada nun terreo con vexetación de monte baixo (xestas), ten uns 20 metros de diámetro e unha altura de 1,70 metros. O que nos chamou a atención foi unha estrutura circular feita con pedras de lousa de bo tamaño, duns dous metros de diámetro e un metro escaso de altura, que ocupa a parte central do túmulo. Estamos afeitos a ver mámoas reutilizadas para chantar marcos, vértices xeodésicos, etc., pero nunca cunha especie de chozo construído no cráter de violación do enterramento. 
Tiñamos coñecemento da existencia da posible medorra dende hai anos, o noso informante fora un home de Ouviaño que acostumaba ir á importante feira que se celebraba en Barcela antes de que a aldea fora asulagada polo encoro de Salime a finais dos anos cincuenta do pasado século, cuxos habitantes foron "reubicados" forzosamente na Terra Chá. Contounos que de neno escoitara dicir a un de Vilauxín que debaixo da medorra estaba o Pozo Negro que tiña un encantamento; del saía unha voz que chamaba a persoas e animais, e cando se achegaban eran engulidos nas súas profundidades, non volvendo a aparecer nunca máis. Os veciños, entón, decidiron facer un alto muro arredor del para, aínda que oíran a voz, ninguén volvera a caer dentro. Outros aseguraban que os muros eran os restos dunha pequena torre de vixiancia para controlar o camiño que ía cara a aldea de Castelo, a menos de 1,5 quilómetros, onde puído existir unha fortaleza medieval. Á parte das lendas, cremos que se trata dos restos dun chozo onde se recollían os pastores. Secularmente, estes montes foron utilizados como lugar de pastoreo para as cabras. De feito, o sitio onde se atopa chámase O Couso, topónimo que, aínda que adoita facer alusión a un depósito de pedra onde se gardan os cereais ou a un foxo para cazar feras selvaxes, tamén se identifica cunha arca ou ucha, nome polo que son coñecidos os dólmenes prehistóricos. O couso ou foxo tamén pode facer alusión ao burato ou cráter de violación da mámoa. O achado foi comunicado a Patrimonio da Xunta de Galicia para que procederan á súa catalogación.

 
MEDORRAS DO FOXO
 En El/O Foxo, parroquia de Barcela. En Patrimonio da Xunta de Galicia figura unha mámoa no sitio coñecido como Santos, denominada como Mámoa do Foxo, catalogada co código GA27035002, a uns 50 metros do encoro. Aínda que cuberta pola maleza e alterada, ten unhas medidas aproximadas de 20 metros de diámetro. A filóloga Dolores González de la Peña, no seu magnífico blog arqueotoponimia.blogspot.com, achega a descrición que Antonio María Queipo y Ron, en Descripción topográfica del concejo de Allande, 1798, no Diccionario Geográfico de España (Asturias), de Tomás López: "en este número 14 [Foxo] a orillas del Navia se hallan cuatro modorras muy grandes que son unos cúmulos de tierra artificiales de figura de media naranja que habrán sido sepulcros gentílicos". Nesta zona só sabemos da descrita máis arriba, das tres restantes que cita o documento, polo de agora descoñecemos a situación.  
  
MEDORRAS DA BRAÑA DE ERNES
Na citada descrición de Queipo y Ron, tamén di "En esta sierra de Busbeirón o Braña de Ernes se halla una laguna que llaman de Correlos y en la circunferencia de ella, tres o cuatro modorras o sepulcros antiguos".
 
 
MEDORRA DO PICO PRIVAFORNELAS
En San Pedro de Ernes, case no límite con Asturias. Documentada polo Colectivo Patrimonio dos Ancares no mes de xuño de 2020, a 1.094 metros de altitude. Ten unhas medidas de 18 metros de diámetro e un de altura. Figura nun documento de lindes do ano 1875, suscrito entre veciños de San Pedro de Ernes e Valledor, no municipio asturiano de Allande. Foi comunicada a Patrimonio da Xunta de Galicia. Pode tratarse dun dos enterramentos citados no documento anterior. Non moi lonxe, coa tecnoloxía de detección LIDAR cremos que localizamos outras dúas que aínda non visitamos.


OS CASTROS NO CONCELLO DE NEGUEIRA DE MUÑIZ

Pouco sabemos do pobo que habitaba nestas terras durante a Idade do Ferro, quizais os buroflavienses cuxa capitalidade se identifica coa Pobra do Burón, na Fonsagrada. No castro asturiano do Chao de San Martín (Grandas de Salime, Asturias) apareceu un recipiente de cerámica común descuberto nun contexto do século I d.C. que amosa un grafito cunha inscrición que podemos traducir como: "Os buroflavienses desexan sorte en abundancia aos de Ocela". Algúns historiadores sitúan no castro do Chao de San Martín a antiga Ocellum Gallaicorum, capital do pobo dos zoelas, famosos entre os romanos pola calidade do liño que cultivaban. Pero as últimas investigacións apuntan a que os zoelas habitarían a área situada na rexión de Bragança (Portugal), estendéndose cara o leste ata a Terra de Aliste, na provincia de Zamora, e ata a área de Miranda do Douro. Segundo García de la Riega (1844-1914), que refutou as teses de Murguía sobre a orixe celta da poboación galega, a antiga comarca de Burón estivo habitada polos Abólgicos. Tampouco faltan os que apuntan aos pobos dos Albións, Cibarcos ou Egobarros, citados por Plinio o Vello, que é a hipótese máis probable, que se asentarían entre os límites de Asturias e Galicia, encadrados, despois da conquista romana, no Conventus Lucense. Na Corredoira, no municipio de Vegadeo (Asturias) atopouse unha estela coa inscrición“NICER CLUTOSI Ɔ CARIACA PRINCIPIS ALBIONUM AN LXXV HIC S EST”, (Nicer, (fillo) de Clutosi (do castro) de Cariaca,  príncipe dos Albións, de 75 anos, eiquí xace"). O grego Ptolomeo, na súa Xeografía, cita o río Navia Albion.
 
 
CASTRO DO CARBALLÍN
 
No Carballín, parroquia de Ouviaño, preto do Porto de Pedras Apañadas, a 1.175 metros de altiude, lindeiro coa parroquia de Monteseiro (A Fonsagrada). Practicamente destruído por unha canteira, tiña unhas medidas aproximadas de 120 por 100 metros. Aprécianse restos dun foxo. Apareceron muíños de man.
 
 
CASTRO DE VILARMEOR

En Vilarmeor, parroquia de Ouviaño. Situado nun outeiro de lousa a 308 metros de altitude sobre o nivel do mar, nunha pequena península no encoro do río Navia, entre os regos Marondo e Abelleiro. Aínda que a impenetrable matogueira non fai doado adiviñar a forma nin as dimensións, semella presentar unha forma tirando a ovoidal, cunhas medidas no eixo máis longo de 100 metros e de 50 metros no menor. A simple vista non se observan estruturas nin defensivas nin habitacionais. Hortensio, un veciño de Vilarmeor, contounos que de mozo vira na parte máis alta un gran burato de forma redonda de feitura artificial. A forte pendente faino prácticamente inaccesible. Ao castro só se pode acceder polo SL que é por onde estaría a entrada, sitio que foi alterado pola construción dun edificio de cemento, construído na primeira metade dos anos sesenta do século XX, destinado á transformación das obras do aproveitamento hidroeléctrico do salto do "Gran Suarna", hoxe en día en desuso. 
 
Ao seu carón discorría, posiblemente, un ramal da vía romana que unía, a través da Vía XIX, Lucus Augusti e Lucus Asturum
 
Hai unha lenda que di que este castro e o próximo do Castriño comunicaban por medio dun gran túnel coa explotación aurífera de Pedras Apañadas.
 

 
O CASTRIÑO OU CASTRELÍN 

Na parroquia de Ouviaño. A 270 metros de altitude. Situado, como o anterior, nunha pequena península do encoro, a poucos metros de O Castro, xunto a Ponte de Marondo que fai de liña divisoria entre os concellos da Fonsagrada e Negueira de Muñiz. Como no caso do Castro de Vilarmeor, érguese nun outeiro de xisto xunto un ramal da vía que ía dende Lucus Augusti a Lucus Asturum e estaría vencellado ás explotacións mineiras de ouro de época romana. Cuberto por mesta matogueira, non se observan restos de estruturas, só algunhas pedras de boa feitura esparexidas polo sitio, ademais dun burato artificial feito, seguramente, para buscar tesouros. A entrada estaría xunto o camiño asfaltado que baixa cara a aldea de Río de Porcos ou Riodeporcos onde apareceron unhas lucernas e ferramentas de época romana.



A ÉPOCA ROMANA NO CONCELLO DE NEGUEIRA DE MUÑIZ

O concello foi practicamente esquecido no estudo da época romana, tanto no tocante ás explotacións mineiras como ás vías de comunicación. Mais esas, as terras de Negueira de Muñiz, como veremos de seguido, non foron alleas a ese período.

A VÍA LUCUS AUGUSTI-LUCUS ASTURUM

Para a explotación dos recursos económicos e o control político, administrativo e militar, os romanos tiveron a necesidade de crear unha serie de infraestruturas. Entre outras temos a rede viaria que nun primeiro momento utilizarían os camiños xa existentes, moitos de épocas anteriores.

A vía partiría de Lucus Augusti (Lugo), atravesaba a comarca da Fonsagrada e proseguía polo Alto do Acevo, castro do Chao de San Martín, Grandas de Salime e remataba en Lucus Asturum (Lugo de Llanera, no concello asturiano de Llanera) que antes da chegada dos romanos estaría habitado polos Luggones. A esta vía secundaria fai alusión o Anónimo de Rávena (non aparece no Itinerario de Antonino, ao mellor porque en tempos de Antonino Caracalla aínda non fora trazada), obra do século X pero baseada en textos dos séculos IV e V.

Segundo Sáez Taboada, no seu Elementos para el estudio de la caminería en la Galicia romana: la vía Lucus Augusti-Ponte-Abei (1998), o trazado adentraríase en terras da Fonsagrada por Paradavella, proseguindo polo Alto do Acevo e Vieiro ata Santiso (que identifica coa mansión viaria da Ponte/Fonte Abei/Albei), continuando en dirección a Santa Xuliana, Cereixido, Estoupela, Vilabol e Vilar de Cuíña, para logo seguir o curso do río Navia por Fornaza e Vilarmeor (este xa no concello de Negueira de Muñiz), ata o límite con Asturias.
 

 
Neste percorrido, o camiño pasaría a carón dos castros do Castriño e O Castro situados nunhas pequenas penínsulas do río Navia (hoxe encoro), pouco despois da ponte de Marondo que separa os concellos da Fonsagrada e Negueira de Muñiz, seguindo por Vilarmeor dende onde continuaría cara o norte, transitando xunto o castro do Carballín, e deiquí polas cercanías da explotación aurífera de Pedras Apañadas para, dende o Alto do Acevo, proseguir cara o Chao de San Martín e Lucus Asturum.
 

 
Cómpre aclarar que este itinerario semella tratarse dun ramal dunha complexa rede viaria cuxo camiño principal sería o que co decorrer dos séculos utilizou o Camiño Primitivo a Santiago e que coincide coa estrada actual abeirada por varias necrópoles megalíticas. 

Hai quen achega a hipótese de identificar a mansión de Ponte Abei con Ponte Naviae, esta última citada dúas veces no Itinerario de Antonino, situada xunto a vía XIX nas Pontes de Gatín, en Becerreá, que comunicaba Lucus Asturum (Astorga) con Lucus Augusti (Lugo). O arquitecto Carlos Sánchez-Montaña empraza Pons Naviae na confluenza dos ríos Navia e Ibias, en Negueira de Muñiz, lugar onde están as aldeas de Ouviaño, Pena da Nogueira e Calabreo que posúen entre si, teoriza, unha relación xeométrica perfecta dun triángulo equilátero dunha milla romana de lado e que de maneira estratéxica controlan a confluenza das dúas cuncas fluviais. Polo exposto máis arriba, non concordamos con Sánchez-Montaña canto á ubicación de Ponte Neviae que cremos estaría nas Pontes de Gatín, en Becerreá; o trazado da vía XIX pola comarca dos Ancares que, dende A Braña (Veiga de Valcarce) entraba no concello de Cervantes polo Comeal, está claro. No tocante ás vías de comunicación, podería considerarse a utilización dunha vía fluvial proporcionada polo río Navia, citado por Plinio o Vello (23-79 d.C.) e Ptolomeo (100-170 d.C.). Ademais, Neviae e Abei distínguense perfectamente para ver unha corrupción dos nomes (José Manuel González en Mansiones del trayecto de vía romana Lucus Asturum-Lucus Augusti, 1956).


AS EXPLOTACIÓNS AURÍFERAS

En época prerromana, a extracción de ouro limitábase á explotación artesanal dos filóns e dos praceres fluviais. Coa chegada de Roma transfórmase este tipo de explotación nunha industria extractiva a grande escala. Os tipos de explotación son fundamentalmente dous: un sobre xacementos primarios (filóns en rocha e de cuarzo aurífero), e outro sobre xacementos secundarios (filóns en aluvións e praceres fluviais). O primeiro facíase a base de grandes cortas ou furados a ceo aberto.

Plinio o Vello conta que das minas da Gallaecia, Asturia e Lusitania saían 20.000 libras de ouro ao ano (uns 6.500 quilogramos), estimándose en 600 millóns de metros cúbicos os que foron removidos en case 500 minas abertas ao longo de tres séculos, onde traballaban entre 10.000 e 15.000 homes (Arias Vilas, 1992).

A poboación prerromana explotaría os placeres do río Navia mediante o bateo, aínda que xa coñecerían outros xacementos en galerías. Nas minas romanas, ademáis de homes libres, traballaban escravos e os condenados a traballos forzados (damnati ad metalla), baixo a dirección técnica e o control dos romanos, e vivirían nos castros, algún de nova construción.

A Serra de Pedras Apañadas atópase na fronteira galaico-astur. A análise máis detallada desta explotación aurífera foi a realizada por Enrique López Fernández e que pertence ao primeiro tipo de explotación sinalado máis arriba. Conta Luís de Río, da Asociación para o Desenvolvemento de Negueira (ADN), que a lagúa de Pedras Apañadas, ademais de seren o desaugue natural das minas romanas, tamén era utilizada como bebedoiro do gando e animais selvaxes, ademais de contar con anfibios, laiándose de que se atope nun estado total de abandono. Outra mina ben documentada é a de Penafurada, entre o Alto do Acevo e o castro do Chao de San Martín.
 


 
Outra explotación mineira ben documentada é a de Acevedo, en Castelo, parroquia de Barcela (Negueira de Muñiz), a 700 metros de altitude.
 
 
O asentamento do Chao de San Martín, pola súa cercanía e importancia, desempeñaría un certo papel articulador dos castros da zona onde estarían incluídos os xa citados de Negueira de Muñiz, así como o tamén mineiro de Monte Castrelo, en Pelóu (Grandas de Salime-Asturias).

Na comarca da Fonsagrada existen abondosos vestixios de minas auríferas romanas vinculadas moitas veces con castros. Ao falar das vías de comunicación xa citamos O Castriño e O Castro situados a carón dun posible ramal da vía Lucus Augusti-Lucus Asturum.

Neste período encádrase o coñecido como tesouriño de Monteseiro (parroquia da Fonsagrada limítrofe coa de Ouviaño, en Negueira de Muñiz), uns denarios de prata acuñados en tempos do emperador Galieno (218-268).
 

A toponimia tamén nos achega outra posible explotación mineira na parroquia de Río de Porto. Trátase dos Fornos da Furoca, en Río da Raseda, onde pode que se desenvolvera algún tipo de actividade metalúrxica. Nos Fornos da Furoca localizamos un sitio denominado Da Morta, a 100 metros do rego da Raseda, que cremos puído acoller algún tipo de explotación.
 

Hai unha lenda que di que dos castros de O Castro e O Castrelín partía un túnel que comunicaba coa explotación de Pedras Apañadas.

OUTROS XACEMENTOS

A PENA DOS ENCANTOS

Trátase dun enorme afloramento xistoso situado xunto a aldea de Vilarmeor, parroquia de Ouviaño. A única referencia que coñecemos é a da páxina do Concello de Negueira de Muñiz que a cita como un xacemento arqueolóxico cando non existe evidencia de que no lugar apareceran restos que o confirmen. Segundo nos contaron no ano 2013 os veciños don José Marondo, de 93 anos, e don Hortensio, arredor da pena hai unha lenda dunha moura que adoitaba aparecerse xunto unha fonte que hai no lugar, encantando a todo aquel que dubidara do seu poder. Don José lembrou que a principios dos anos trinta do pasado século XX uns homes baixaron con cordas pola pena para ver de atopar o tesouro que agocha. José Manuel Cuervo Uría dinos que o seu pai, nacido e criado ao pé da pena, lémbrase dos "Señores de Oviedo" (catedrático Uría Ríu e algún axundante) que no 1954 estiveron recoñecendo o cumio da pena e zona da chaira.


CASTELO DE CANCIO/CASTELO DO CANTÍN
 
Castelo é unha aldea da parroquia de Barcela, situada a 604 metros de altitude sobre o regueiro de Acevedo, tributario do Navía. A documentación escrita e arqueolóxica nada aclara sobre a ubicación na aldea do Castelo deste "Castelo de Cancio", catalogado con ese nome pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.
 
 

Pero ao norte, a uns 500 metros da aldea, temos o topónimo Castelo do Cantín, un afloramento rochoso que se eleva a 775 metros de altitude sobre un curso de auga, con mellores vistas pero onde non atopamos ningún resto. O lugar ideal para construír unha fortaleza dominante atópase por riba da aldea do Castelo e Castelo do Cantín, a uns escasos 200 metros deste último. Trátase do Pico do Cantín, situado a 950 metros de altitude, cun amplo control visual sobre unha amplísima zona. Pode que tanto a aldea do Castelo como Castelo do Cantín tomaran o nome dunha fortaleza situada no Pico do Cantín. 

 

  

Nunha casa de Castelo hai unha inscrición da que nos falou Miguel Conde, que puidemos ver no ano 2020; o seu informante foi Salvador, o último habitante da aldea. Lemos: "AE NAVIA".

 

Agora vaiamos co Castelo de Cancio. O xesuíta Luis Alfonso Carballo, no seu Antigüedades y cosas memorables del Principado de Asturias, publicado no ano 1695, di que a familia Cancio (con palacios en Castropol e Vegadeo, entre outros) tomou o apelido da Encomenda de Cancio, e que máis tarde o castelo pasou á súa propiedade por dereito de foro. O primeiro da linaxe, coñecido, sería Gonzalo López de Cerredo, casado con dona Sancha, quen tiveron dous fillos, Nuno e Suero González. O primeiro herdou Cancio e o segundo Burón. Nuno, que tomaría o apelido do castelo de Cancio, casou con María Méndez de Donlebún; tiveron un fillo, Pedro Méndez de Cancio, quen herdou a fortaleza e o señorío nos primeiros lustros do século XIV. Suero posuíu o castelo de Burón, con homenaxe feita ao bispo de Oviedo na era 1359 (ano 1321).


Ampelio Alonso de Cadenas López, no seu Blasonario de la consanguinidad ibérica (1980), di que a linaxe dos Cancio procede do "castillo de Cancio, Nogueira de Burón". Nogueira de Burón refírese, sen dúbida, a Negueira que, xunto coa Fonsagrada, pertencían á xurisdición de Burón.

Foron os desa casa quen construíron eiquí un castelo? Durante canto tempo exerceron o señorío? Porque, ao parecer, a mediados do século XIV estaba en mans dos Trastámara, pasando no ano 1480 á Casa de Altamira que, ao menos ata mediados do século XVIII (tal como nolo achega o Catastro de Ensenada), controlaba o cen por cen da Fonsagrada e Negueira, agás os coutos de Bustarvelle e Marentes que eran propiedade, respectivamente, de Tomás Quindós e Bartolomé Rodón. Cando a Revolta Irmandiña (1467-1469), o castelo de Burón foi derrubado e quen obrigou a reconstruílo foi a familia Moscoso.

Agora queda o complicado: localizar onde estaría situado ese posible castelo.

 

patrimoniodenegueira.blogspot.com