AS ALDEAS DO CONCELLO DE NEGUEIRA DE MUÑIZ

O concello de Negueira de Muñiz comprende na actualidade seis parroquias distribuídas en 30 aldeas: Cancio, Castelo, O/El Foxo, Rozadas e Santalla (Barcela), Calabreo, A Lavandeira, Pena da Nogueira e Robledo (Marentes), Bustelo de Murias, Negueira, Pieiga, Sanformar, Seira e Vilaseca (Negueira), Bustarvelle, O/El Carballín, A Gamalleira, Ouviaño, Tallobre e Vilarmeor (Ouviaño), Entralgo, Río da Raseda, Sarceada e Vilagudín (Río de Porto), Ernes, Escanlar e Vilar (San Pedro de Ernes). Aínda que non figuran no nomenclátor, tamén hai algunhas aldeas abandonadas e caseríos. O río Navia atravesa o concello de norte a sur, dividíndoo en dúas partes case iguais, con tres parroquias nun lado e outras tres no outro. Nas outras entradas do blog ampliamos a información.


PARROQUIA DE BARCELA (San Miguel)

A parroquia ten unha extensión de 16,70 quilómetros cadrados e está formada por sete núcleos depoboación. Segundo Nicandro Ares é diminutivo do galego varcia, terreo chan e fértil situado nas marxes dun río, portugués várzea, palabra de orixe prerromana. Sería, pois, unha Varcenella, así contada en homónimos portugueses. San Miguel (Sanctus Michael), nome que procede do hebreo e significa "Aquel que se asemella a Deus" ou "Quen coma El?" que simboliza a forza e a firmeza. San Miguel é o terceiro arcanxo xunto con San Gabriel e San Rafael.

Segundo o Diccionario Madoz (1846-1850), había unha barca de pasaxe para atravesar o río e os camiños estaban en bo estado; producíanse cereais, viño e legumes, as colmeas producían mel e cera; a cabana gandeira estaba formada por vacas, ovellas e cabras; pescábanse troitas, anguías e salmóns e cazábanse xabaríns e corzos. Nos seus montes podían verse cervos e osos. A freguesía contaba con 430 veciños. 

BARCELA 
 
Cabeceira parroquial. A aldea, xunto coa igrexa parroquial e o cemiterio, foi asulagada polo encoro de Salime. A ruínas poden verse en períodos de sequía. 
 
No ano 1704, o conde de Altamira inicia preito con Antonio Álvarez e outros sobre reivindicación do lugar de Vilaseca, A Gamalleira e Barcela "y otros muchos hasta el número de treinta y dos".  
 
En Barcela celebrábase unha feira anual que adoitaba estar moi concorrida, tal como nolo achega El Pueblo Gallego do 25 de outubro de 1931.
 
 

CANCIO 
 
O nome deriva do latín cantius, canción, cantiga, aquel con gran sentido do oído. Ou do antropónimo Cantius, do céltico *cant, brillante, luminoso. O nome é bastante frecuente na epigrafía romana. Nicandro Ares achega que o nome Cantius e o seu feminino Cantia virían da raíz indoeuropea *kantho, borde, ángulo, esquina, recanto, e que logo daría Cancio.
 
 
CASERÍO BRAÑA DO FOLGUEIRO 
 
Caserío, do latín casa, conxunto ou aglomerado de casas. Braña, do galego braña, pasto de verán sen toxo que segundo Josep M. Piel deriva do vocábulo prelatino br/brakna, lugar húmido que pode ser prado ou monte baixo. Para o último elemento temos dúas acepcións: *(Villa) Folgarii, en alusión a un propietario medieval de nome Folgarius, ou filicaria, fieito, fento, planta que medra en lugares escuros, fríos e húmidos. Segundo Eladio Rodríguez, o fento verde utilizábase no Ribeiro para tapar os buratos e regandixas das adegas para evitar o paso da luz. Os fentos secos usábanse para chamuscar os porcos na matanza. A raíz machucada e cocida empregábase como astrinxente. 
 
  
CASTELO 
 
Do latín castellu, diminutivo de castru, referencia a un antigo emprazamento dun castelo ou torre de vixiancia que, en non poucas ocasións, sinala a presenza dun castro. Malia o anterior tamén pode facer alusión a elevacións do terreo que semellan baluartes defensivos. Aínda que non se conservan restos, a tradición sitúa eiquí un castelo medieval. Nunha casa hai unha pedra gravada coa inscrición "AE NAVIA".
 
 
O/EL FOXO 
 
O étimo deriva do latín foveum, alusión a un antigo foxo para a caza do lobo ou a un elemento defensivo dun castro. 
 
Nesta aldea fundouse unha comuna nos anos setenta do pasado século.
 
 
ROZADAS 
 
En Barcela. Forma latina ruptiare, romper, roturar, en referencia a un monte de terra virxe que se cava ou queima a broza para logo cultivalo. Hai un caserío.


SANTALLA 
Nome de orixe grega, Sancta Eulalia, que en galego deu Olaia, Baia, Olalla... Significa "a ben falada". A santa, vítima de diferentes tormentos (o potro ou ecúleo, entre outros), morreu crucificada no século IV.
 
 
VILAUXÍN 
 
Por vila, latín villa, entendíase unha aldea ou grupo de casas dentro duns límites precisos con edificacións para vivir e gardar as colleitas, animais e aparellos, converténdose nun elemento básico dende o século X. O composto quizais provén de ustium, porta; o significado sería, entón, o de "entrada da vila". Mais tamén pode derivar do celta uxo, o elevado, que foi á vez un nome e logo antropónimo latino Usiano, nome documentado en Lugo no século X. Nicandro Ares Vázquez di que podería ser unha villa Augini, de Auginus.
 


 
PARROQUIA DE MARENTES (Santa María Madanela)
 
Debido a unha curiosa división territorial, a cabeceira da parroquia atópase en Asturias e as catro aldeas que a conforman en Galicia. A parroquia ten unha extensión de 2,88 quilómetros cadrados e está formada por catro núcleos de poboación. Quizais derivado do nome de persoa Maurentius ou Marentius, formado á súa vez de Maurus. J. Piel cataloga o topónimo entre os nomes de orixe escura. Nicandro Ares pregúntase: Podería corresponder a unha *(villa) maiorentis, cabaleiro de cortexo, ou sería un xenitivo dun posuidor con nome baseado no participio merens, -entis, o merecente? Segundo o Diccionario Madoz (1846-1850) a produción baseábase no trigo, centeo, millo, patacas, nabos, viño, liño, castañas, combustible; gando vacún, de porco e ovino.
 
 
CALABREO 
 
A primeira parte do topónimo ademais de derivar do latín callis, senda, paso estreito entre montañas, tamén pode vir do latín canale, canle de auga. Malia o dito, Cal contén o nome dunha divindade prerromana identificada co sol, relacionada coa divindade Coro, o vermello. Canto á segunda parte do topónimo, segundo Caridad Arias (1995) a palabra brea ten en antigo galego, ademais de verea, o significado de fonte ou manancial, de aí unha serie de dualidades con Fontebrea, Pontevedra ou Calabreo que sempre designan hidrónimos de orixe prerromana. O elemento ber-/ver- contén o valor semántico de auga, río, fonte que á súa vez adoita facer referencia a unha divindade relacionada coas augas. En ocasións, estes elementos toponímicos pasaron a ser utilizados como antopónimos tipo Vera/Verus, con formas derivadas como Veriacius, Veracus, Veranius, Veratius... Ou quizais alusión a unha *(Villa) Qualabredo, de Qualabredus, proveniente de wala, galo, estranxeiro, e bred, táboa ou escudo. J. Piel considérao como un topónimo escuro.
 
 
A LAVANDEIRA 
 
Cabeza Quiles recolle a hipótese formulada por Rivas Quintas explicando o topónimo como derivado da raíz preindoeuropea *nava, chaira entre montes, valgada, auga, conclusión á que chega, polo demais, o etimólogo Joseph M. Piel que o interpreta como prado húmido. Mais pode derivar do verbo lavo, lavar, en alusión a un lugar destinado a lavar a roupa. Por outra banda, a lavandeira é un paxaro pertencente á familia dos motacílidos, de peteiro e patas finas, cor gris-verdosa no lombo e branca ou amarela no pico. No eido da superstición, a lavandeira, xunto coa dona, a serea e a virxe, é un espíritu das augas.
 
 
 
PENA DA NOGUEIRA
 
O primeiro elemento deriva do céltico penn e do latín pinna, pedra. O composto vén do latín nucarias, abundancial de nogueira (nome científico juglans regia), árbore cuxo froito é a noz, do latín nux, nome que designa a todos os froitos de casca dura. O xénero, juglans, deriva do latín Iovis, Xúpiter, e a especie, regia, significa propio de reis. Nalgunhas partes de Galicia a xente cre que a sombra da nogueira trae mala sorte. 
 
O día 5 de outubro de 1936 aquí foi asasinado polos fascistas o veciño de Suarna (A Fonsagrada), Antonio Álvarez González, labrego de 45 anos.
 
 
ROBLEDO
  
Roboretum, indicando co sufixo -etum o abundancial. Terreo poboado de carballos, latín quercur robur, cuxo xénero do nome foi dado polos romanos pola dureza da súa madeira. Na antigüidade ao carballo considerábano coma unha árbore sagrada, ademais de curar a sarna, as quebraduras dos nenos, o lumbago ou enfermidades contaxiosas, tamén agochaba a pedra do raio polo que se consideraba unha árbore purificadora. Segundo Strabón, historiador grego nacido no ano 63 a.C., os castrexos comían durante boa parte do ano pan de landra, o froito do carballo, afirmación dirixida, sen lugar a dúbidas, a menosprezar a economía dos "bárbaros" do Noroeste e así xustificar a invasión romana. A madeira, de boa calidade e difícil putrefacción utilizábase para facer doelas dos bocois e na construción naval.
 



PARROQUIA DE NEGUEIRA (San Salvador)
 
A parroquia ten unha extensión de 14,41 quilómetros cadrados e está formada por seis núcleos de poboación. O nome deriva do latín nucarias, abundancial de nogueira (juglans regia), árbore cuxo froito é a noz, do latín nux, nome que designa a todos os froitos de casca dura. Malia o anterior, Nicandro Ares Vázquez di que se pode ver un derivado do adxectivo latino niger, -gra, -grum, negro que se converteu en nome persoal, polo que Negueira sería inicialmente unha (Villa) Negeria. Nalgunhas partes de Galicia a xente cría que a sombra da nogueira traía mala sorte. San Salvador, Sanctus Salvatorem, nome de orixe latina que significa "Aquel que é salvador".  
 
Nos interrogatorios do Catastro de Ensenada, celebrados na freguesía no mes de maio de 1753, di que era señorío do conde Altamira ao que pagaban 280 reás de vellón ao ano. O Coto de Bustarvelle, que na actualidade se atopa na parroquia de Ouviaño, era señorío de Thomás Quindós. Había viñedos, soutos de castañas, árbores foiteiras, prados e montes. Tamén 22 muíños fariñeiros e 333 colmeas de mel. A cabana gandeira estaba composta por bois, vacas, tenreiros, cabras... Contaba con unha taberna pero, curiosamente, non había barcas de río. En toda a freguesía só había un pobre de solennidade. 
 
Segundo o Diccionario Madoz (1846-1850), había gando de todas as especies, exportábase viño, cultivábanse cereais, legumes e patacas, había árbores froiteiras, as colmeas producían mel e cera; nos ríos pescábanse troitas, anguías e salmóns. A mediados do século XIX a freguesía contaba cos mesmos núcleos de poboación que na actualidade onde vivían 540 persoas.
 
BUSTELO DE MURIAS  
 
Aldea da parroquia de Negueira. O primeiro elemento viría do latín bustu, sitio onde queimaban ou enterraban os cadáveres que logo debeu dar, non sen certos inconvenientes filolóxicos, como ben apunta Cabeza Quiles no seu Os nomes de lugar (1992), o galego busto, extensión de terra destinada ao gando que se queimaba para obter pasto. Para o P. Sarmiento (1695-1772) sería unha derivación do vocábulo latino bos, boi; para outros autores viría da voz gala bou, vaca. Tamén identifica un lugar ermo. Verbo desta última acepción, Eladio Rodríguez, citando a Rodríguez Elías, di que a fasquía inhóspita do terreo puído deberse a que as piras formadas para incinerar os cadáveres se ergueran varias veces nun mesmo sitio, deixando o chan queimado, sen vexetación e cuberto de cinza; ou de teren elixido eses lugares. Murias, terreo cercado de pedras. Pedregal. Elixio Rivas Quintas, en Contribución ao diccionario galego (2001), di que é un muro antigo grande. Tamén hai quen o identifica coa cor moura.
 

CASERÍO DE MURIAS 
 
Caserío, do latín casa, conxunto ou aglomerado de casas. Murias, terreo cercado de pedras, pedregal. Elixio Rivas Quintas, en Contribución ao diccionario galego (2001), di que é un muro antigo grande. Tamén hai quen o identifica coa cor moura. O caserío atópase en ruínas.
 

NEGUEIRA
 
Capital municipal.  
 
Por documento do 1 de xaneiro de 1760, o cura de San Salvador de Negueira, Sebastián Fulgencio Alonso Faiz, urxe a Alonso Magadán y Ron sinalar os días para recoller os décimos que lle corresponden. 

 
PIEIGA 
 
Nicandro Ares Vázquez di que ten semellanza con piega, traba, obstáculo, baseada no latín pedica, ligadura dos pés, pexa. Mais engade, seguindo a J. Piel, que pon a Pieiga entre os "nomes de orixe escuro". Remata preguntándose se non será da familia do baixo latín pedagia, peaxe.
 
 
SANFORMAR  
 
Topónimo complicado (no seu momento xa foi considerado problemático por J. Piel) que, a primeira vista, semella referirse a un enganoso haxiotopónimo. Quizais de Sala Frumari, que literalmente significa "habitación de Frumario"; a primeira parte, san, pode ter a orixe no xermánico sal, habitación, convertido ao pasar ao romance en sala que evolucionaría, ao perder o l intervocálico, a saa, e ocasionalmente, como no presente caso, a san, facendo alusión a un pequeno espazo agrícola pechado. Mais esas chama a atención a raíz form- que está presente en topónimos lugueses, tipo Formado (Abadín) ou Formarán (Castro de Rei), e mesmo temos A Forma en Allariz. Existe o étimo formus co significado de quente. En Cervantes está o topónimo Fonquente. ¿Haberá algunha relación entre a raíz form- que faga referencia a lugares de augas quentes? Nicandro Ares pregúntase se estará formado por salice máis o nome dun posesor visigodo que atendía por Osmar, engadindo a continuación que se quedaría coa hipótese de L. López Santos en que Sanctius rexístrase en documentos medievais en posición proclítica que desembocarían nun falso nome de santo cando van seguidos doutro nome ou apelido. Nalgúns documentos aparece citado como Sanzormar.
 
Segundo o Diccionario Madoz (1846-1850), o clima era san aínda que se experimentaban “febres gástricas”; había escola os catro meses de inverno custeada polos pais dos alumnos; os camiños estaban mal coidados; producíanse patacas, centeo, millo, viño brancoe castañas, nos ríos pescábanse troitas; e a cabana gandeira estaba formada por vacas e ovellas; a freguesía contaba con 350 habitantes.
 
No ano 2018, a Asociación polo Desenvolvemento de Negueira (ADN) decidiu rescatar máis de 20 adegas centenarias e poñelas en valor coa celebración da I xornada da vendima de Negueira
 
 
SEIRA 
 
O nome, de orixe incerta, pode facer alusión a unha cesta grande e sen asas, xeralmente feita de esparto, para conter a froita, transportar terra, cascallos, etc., denunciando, polo tanto, un lugar de forma cóncava. O lingüísta Moralejo Lasso no seu Toponimia gallega y leonesa (1977) opta por un gótico *sahrja. Tamén pode ser unha variante de  sieira ou sieiro, frío seco, ou derivar do indoeuropeu *s-r-, auga. Para Caridad Arias é unha forma reducida de saleria ou salaria; o elemento sal- está presente en antropónimos de orixe celta. Tamén podería vir, segundo Nicandro Ares, dunha *(villa) Saria ou Serias, é dicir, a vila propia de Sarius ou Serius. O topónimo Seira xa está rexistrado en documentos do ano 1151.
 
 
VILASECA   
 
Por vila, latín villa, entendíase unha aldea ou grupo de casas dentro duns límites precisos con edificacións para vivir e gardar as colleitas, animais e aparellos, converténdose nun elemento básico dende o século X. O composto vén do latín siccam. Estariamos, pois, diante dun lugar que se secou ou que non ten humidade. 
 
No ano 1704, o conde de Altamira inicia preito con Antonio Álvarez e outros sobre reivindicación do lugar de Vilaseca, A Gamalleira e Barcela "y otros muchoss hasta el número de treinta y dos". 
 


PARROQUIA DE OUVIAÑO (Santiago)
 
A parroquia ten unha extensión de 16,91 quilómetros cadrados e está formada por seis núcleos de poboación. Topónimo rematado en –ano que derivaría do nome propio Albinus ou Albinianus, de albinea, de cor branca. Non falta quen o identifique cun hidrotopónimo de orixe prerromana *ar-, *er-, "moverse (rápido)". Santiago o Maior, coñecido tamén como o Zebedeu, foi discípulo de Xesús. Segundo a tradición foi no ano 33 cando pisou por primeira vez a Gallaecia para evanxelizala. Fóra dos Evanxeos, só aparece nomeado nos Feitos dos Apóstolos, cando é martirizado en Xerusalén no ano 44 por orde de Heródes Agripa. Será no ano 813 cando o ermitán Paio descubra a suposta tumba no monte Libredón, onde o enterraran os discípulos que arrivaran co seu cadáver a Iria Flavia (Padrón), nun lugar onde xa existía unha necrópole precristiá e onde logo se ergueu a catedral. Hai quen asegura que os restos venerados na catedral son os de Prisciliano, o famoso heresiarca galego do século IV. O primeiro texto que menciona o mito da predicación de Santiago na Península é o himno titulado O Dei Verbum, composto entre o 783 e o 788, atribuído ao Beato de Liébana. A difusión do culto xacobeo é durante o reinado de Afonso II.  
 
BRAÑELA 
 
Diminutivo de braña, pasto de verán sen toxo. Segundo J. M. Piel, deriva do vocábulo prelatino br/brakna, lugar húmido que pode ser prado ou monte baixo. Tamén do antropónimo Braniollus, forma hipocorística de Branius; o teónimo e antropónimo centa Bran significa corvo e sol. 
 
A aldea, abandonada e en ruínas, non figura no nomenclátor dos núcleos de poboación. Nas inmediacións érguese unha capeliña, restaurada, en honra do San Roque.
 
 
 
BUSTARVELLE
 
Como no caso de Bustelo de Murias, na parroquia de Negueira, semella que estamos diante dun topónimo composto cuxo primeiro elemento viría do latín bustu, sitio onde queimaban ou enterraban os cadáveres que logo debeu dar, non sen certos inconvenientes filolóxicos, como ben apunta Cabeza Quiles, o galego busto, extensión de terra destinada ao pasto para o gando. Para o P. Sarmiento sería unha derivación do vocábulo latino bos, boi; para outros autores viría da voz gala bou, vaca. Tamén identifica un lugar ermo. Verbo desta última acepción, Eladio Rodríguez, citando a Rodríguez Elías, di que a fasquía inhóspita do terreo puído deberse a que as piras formadas para incinerar os cadáveres se ergueran varias veces nun mesmo sitio, deixando o chan queimado, sen vexetación e cuberto de cinza; ou de teren elixido eses lugares. No segundo elemento, velle, semella aparecer o radical indoeuropeu *uel-, elexir; o latín velle significa querer, desexar. Malia o anterior tamén pode vir do nome persoal Vellius, ou simplemente dun bustar vello. Para Nicandro Ares (1926-2017) sería un Bostar Velli, un estábulo de bois vello. 
 
Segundo os interrogatorios do Catastro de Ensenada do ano 1753, Bustarvelle era couto particular, señorío de Tomás Quindós, veciño de O Trobo (A Fonsagrada).
 
 
O/EL CARBALLÍN
 
O concello de Negueira de Muñiz forma parte do ámbito lingüístico eonaviego o que amosa as característica propias do galego falado no municipio co uso, en moitos casos, do artigo el por o, de aí El Carballín. Diminutivo de carballo, latín quercur robur. Na antigüidade, ao carballo considerábano coma unha árbore sagrada, ademais de curar a sarna, as quebraduras dos nenos, o lumbago ou enfermidades contaxiosas, tamén agochaba a pedra do raio polo que se consideraba unha árbore purificadora. Segundo Estrabón, historiador grego nacido no ano 63 a.C., os castrexos comían durante boa parte do ano pan de landra, o froito do carballo, afirmación dirixida, sen lugar a dúbidas, a menosprezar a economía dos “bárbaros” do Noroeste e, así, xustificar a invasión romana. 
 
Segundo os interrogatorios do Catastro de Ensenada celebrados no mes de maior de 1753, polo Carballín pasaba o Camiño Real da Fonsagrada.
 
 
CASAS DE PEREIRAFRÍA 
 
Na Gamalleira. Pereirafría está formado por dous elementos: pereira pode facer referencia tanto á pereira brava (pyrus cordata) como á pereira cultivada (pyrus communis. Fría deriva do latín frigida. Malia o anterior, pereira e pereiro poderían actuar, como apunta Gonzalo Navaza (2006), como unha variante de pedreira ou pedreiro. O topónimo, polo tanto, podería facer alusión a unhas casas situadas non terreo pedroso de temperaturas frías. 
 
 

CASERÍO DE QUINTAS

Caserío, do latín casa, conxunto ou aglomerado de casas. Quinta pode derivar do latín quinta, propiedade rústica, con casa e terreo cultivado. Tamén poder facer alusión a unha *(Villa) Quintia ou Quintiani dun posesor medieval de nome Quintius ou Quintianus.
 

A GAMALLEIRA 
 
Denuncia un terreo cuberto de arbustos ou árbores novas (gamallos), tal vez emparentado, segundo Nicandro Ares, con calamus, cana, variña delgada. 
 
No ano 1704, o conde de Altamira inicia preito con Antonio Álvarez e outros sobre reivindicación do lugar de Vilaseca, A Gamalleira e Barcela "y otros muchoss hasta el número de treinta y dos". 
 

  
OUVIAÑO
 
Cabeceira da parroquia. No ano 1631, o mosteiro de Villanueva de Oscos reclama a sexta parte da aldea e outros bens na xurisdición de Burón.
 

 
TALLOBRE

Talos ou Talo, segundo o autor romano Hesiquio, é unha divindade solar cretense que foi arroxado do ceo por un rival, e polo tanto quedou coxo a resultas da caída; traballa o ferro na súa fragua subterránea. En céltico talos equivale tamén a "fronte" que xunto coa "cara" son frecuentes nomes ou elementos de nomes do sol. Deriva deste nome o celta táil, machada. O composto, bre, aparece como sufixo, relacionado coa dinvindade prehistórica Bel, Vel, Bal... A forma sufixada -bre é frecuente nos hidrónimos e que provén do xenitivo bere, resultado da latinización do indoeuropeo *ver ou *ber, auga. En moitos caso pasa a -briga ou -brica confundíndose, segundo Caridad Arias, con briga, cidade, fortaleza. Mais temos aquí a partícula celta all-o, grande, o grande. Menéndez Pidal teorizou sobre un antigo *Talobriga. Moralejo Lasso comparou Tallobre co galego tallo, corte, e co nome persoal galo Talius.
 
 
VILARMEOR  
 
Villare minor. Topónimo composto cuxa segunda parte, meor, é unha variante do adxectivo menor, máis pequeno, máis novo, en contraposición a maior ou máis vello. 
 
Documentos do ano 1273 cita aos "frades meores". Malia o dito, Nicandro Ares fai notar que Minor tamén foi antropónimo, quizais o posuidor do vilar. Segundo nos contou un dos veciños, de noventa e tres anos, en Vilarmeor tiña casa o mestre de Ouviaño.
 
 
 

PARROQUIA DE RÍO DE PORTO (San Brais da Barqueiría)
 
A parroquia ten unha extensión de 4,59 quilómetros cadrados e está formada por catro núcleos de poboación. Latín portu, paso natural entre montañas. Para o patrón da parroquia, ver Pena de San Brais. Aínda que só como hipótese, coidamos que o alcume da Barqueiría que leva o santo pode facer alusión a un antigo paso de barcas. A Barqueiría era un pequeno núcleo de poboación. A mediados do século XIX, Río de Porto pertencía á freguesía de San Pedro de Ernes. A aldea foi asulagada polo encoro de Salime. 
 
 
A BARQUEIRÍA
 
Asulagado polo encoro, o sitio, segundo información de Xaquín Codax (nome no seu facebook) contaba con dúas casas, A Casa Vella e A Casa Nova. Cando o río baixaba con pouca auga era un lugar vadeable, e cando ía máis cheo había unha ponte de caixón. Posible alusión a un antigo paso de barcas (do latín tardío barca).
 
 

ENTRALGO 
 
A aldea está situada nunha península do encoro. Latín intraticum, entrada que, como di Joseph M. Piel, indica unha situación do lugar en relación doutro. Nicandro Ares Vázquez di que sería derivado do latín vulgar intraticum, que pasaría ao provenzal intragium, dereito de entrar. A mediados do século XIX pertencía á freguesía de San Pedro de Ernes.
 
 
 
RÍO DA RASEDA
 
O primeiro elemento vén do latín rivu, río. O composto deriva do latín rasum, raso. Ou do latín reseda, planta aromática.
 
 
SARCEADA 
 
Da forma variante Soc(c)ius (antropónimo) poden derivar o topónimo galego Souceda e os apelidos Sarceda e Sarces, cuxa filiación, non moi clara, puidera derivar do nome celta Sarcio. Tamén do latín salicem, salgueiro. Nicando Ares di que podería derivar do latín *(Villa) Sarcinata, dun posesor de nome Sarcinatus, baseado no participio pasivo de sarcinare, remendar, cargar de equipaxe. A mediados do século XIX pertencía á freguesía de San Pedro de Ernes.
 
 
VILAGUDÍN 
 
(Villa) Guntini dun posesor medieval de orixe xermánica que atendía polo nome de Guntinus. Malia o anterior, hai autores que din que Gudín pode estar identificado coa divindade xermánica Wodan ou Wotan que equivale a Odín, o deus da sabedoría, a guerra, a morte e a maxia. Aínda que non coñecemos testemuñas nas fontes diplomáticas dunha orientación agro-gandeira, o termo villa pode facer alusión a unha explotación altomedieval ou a unha aldea. A documentación medieval dos séculos IX e X xa fala de herdades na zona e no que a Igrexa sería fundamental para artellar o ordenamento social destes núcleos; o control exercido polo Cabido da Catedral de Oviedo amósannolo varios privilexios reais, entre outros cando o rei Fernando II lle concede no ano 1186 ao bispo Rodrigo o castelo de Burón. A mediados do século XIX pertencía á freguesía de San Pedro de Ernes. Segundo información recollida de www.floracantabrica.com, a Vilagudín pertencía o Caserío de Xangarín, asulagado polo encoro de Salime.
 




PARROQUIA DE SAN PEDRO DE ERNES (San Pedro)
 
A parroquia ten unha extensión de 16,77 quilómetros cadrados e está formada por tres núcleos de poboación. San Pedro, nome do apóstolo "fundador" da igrexa católica e primeiro pontífice, nome que vén do latín petrus, pedra; mais a verdadeira orixe hai que buscala no grego kephas, pedra rectangular. Do segundo elemento, Nicandro Ares di que podería referirse á propiedade dun posesor que levaría o apelido patronímico de Hernius. Ou quizais derive da divindade céltica Aerno; Herne era unha divindade británica do carballo. Verbo deste topónimo, aínda que no nomeclator da Xunta de Galicia figura sen o "h", en documentos dos séculos XVIII e XIX podemos velo escrito das dúas formas. A igrexa de Ernes nunca chegou a rematarse, foi asulagada, ao igual que o cemiterio, polo encoro de Salime.
 
Nun documento do ano 1779, os veciños de Valledor, no concello de Allande (Asturias), preitean polo uso da braña de Ernes.  
 
A mediados do século XVIII, nos interrogatorios do Catastro de Ensenada, Entralgo, Río de Porto, Sarceada e Vilagudín pertencían a esta freguesía. A freguesía de San Pedro de Ernes era señorío do conde de Altamira ao que lle pagaban os impostos. Había viñas, soutos de castañas, árbores froiteiras, etc. Contaba con nove muíños fariñeiros, un batán e 109 colmeas de mel. A cabana gandeira estaba composta por bois, vacas, potros, cabras, etc. Había unha taberna, pero non panaderías e carnizarías, tampouco barcas de río. Celebrábase unha feira. En toda a freguesía había catro pobres de solennidade. 
 
 
CASERÍO DE BOELLE
 
Caserío, do latín casa, conxunto ou aglomerado de casas. O composto quizais sexa como boedo, alusión a un terreo pantanoso, enchoupado, cuberto de auga. Ou unha *(Villa) Bonelli, de Bonellus. 
 
 
CASERÍO DE EL BUELLE
 
No límite con Asturias.
 


CASERÍO DE SAN PEDRO
 
Caserío, do latín casa, conxunto ou aglomerado de casas. San Pedro, nome do Apóstolo "fundador" da Igrexa Católica e primeiro pontífice, deriva do latín petrus, pedra; mais a verdadeira orixe hai que buscala no grego kepas, pedra rectangular.
 
ESCANLAR 
 
Quizais veña do triticum dicoccoides ou escanda, unha especie común do trigo que na antigüidade foi unha das especies de trigo máis importante. A forma esc- pode estar relacionada co nome do deus prerromano, identificado coa auga, Esus. A voz scandala aparece citada nun documento galego do ano 1266. 
 

VILAR 
 
Do latín villare, pequeno núcleo de poboación co conxunto das súas terras. O vilar ou casal, de menor rango cá vila, xurde a partires dos séculos XII e XIII por mor da modificación na organización da produción agraria. Aquí naceu José Antonio Muñiz Álvarez no ano 1883.