APELIDOS DO CONCELLO DE NEGUEIRA DE MUÑIZ

Os apelidos naceron pola necesidade social de identificar ás persoas, de diferenciar uns individuos doutros, alcumes cun significado moi claro para aqueles que encomenzaron a usalos.

O apelido, o nome de familia con que se designan ás persoas e que pasa de pais a fillos, aparece coa sociedade romana.

Para compoñer os apelidos, os nosos antepasados tomaron como referenza todo aquilo que formaba parte das súas vidas: a relixión (nomes de santos, festividades relixiosas...), os oficios (ferreiro, muiñeiro...), cargos civís, eclesiásticos e militares (alcalde, abade, cabaleiro, guerreiro...), formados a partir dun nome propio (López, Álvares, Rodríguez...), da condición das persoas (vasalo, criado...), da idade (novo, vello...), do parentesco (sobriño, neto...), dos animais (coello, vaca...), das características persoais (delgado, branco, calvo...), do lugar onde vivían (casal, vilar...), da orografía (coto, montaña...), da profesión (barqueiro, ferreiro...). Se ben é certo que moitos apelidos proceden do lugar de orixe dos devanceiros, na antigüidade eran as persoas as que adoitaban perpetuar o seu nome no lugar onde elas habitaron.

A partir do ano 1870 regulaméntase por lei o sistema actual de apelidos o que obriga a rexistrar aos recén nados co primeiro apelido do pai e o segundo da nai. A onomástica persoal (antroponimia) segue a sufrir os efectos letais herdados dos Reis Católicos, co prace da Igrexa, que prohibiron poñer nomes galegos aos batizados, prohibición que durou 400 anos, deturpando este inigualable arquivo do noso pasado, da nosa orixe, mesmo "traducindo" ata o ridículo nomes e apelidos sen correspondencia co castelán, eiva subsanada en parte pola lei que modifica algúns artigos do Código Civil e a lei do Rexistro Civil que hoxe permite mudar os apelidos.

Co presente traballo pretendemos achegar un pequeno gran de area para que non se perda este marabilloso legado. Somos conscientes de que, en máis casos dos desexados, podemos errar na etimoloxía, mais, como acontece coa toponimia, na onomástica persoal nunca está dita a derradeira palabra; proba delo son os distintos significados que achegamos para algúns apelidos.

Para rematar, queremos destacar que fuximos de interpretacións ridículas e grandilocuentes de supostos entendidos en heráldica (escudos) e árbores xenealóxicas, deses que nos queren facer ver que todos descendemos de liñaxudos antepasados, cando a maioría das persoas nada ten que ver coa aristocracia nin nada que se asemelle. Ao final todo é moito máis sinxelo. E máis próximo.

Ata o presente recollemos no concello de Negueira de Muñiz os seguintes:

ABAD: En galego Abade. Vén do latín abbas, abbatis, superior dun mosteiro. Aplicado a unha persoa que servía ao superior dun convento ou mosteiro ou estaba sometido ao seu señorío. 

ALONSO: Xermánico que vén a significar estratega. Este apelido é unha deturpación da forma galega Afonso. O primeiro elemento deste nome pode vir de *ath-, combate, loita.  

ÁLVAREZ: Patronímico derivado do nome propio Álvaro ou Álvar, "fillo de Álvaro". *(Villa) Alvari en alusión a un propietario medieval de nome Alvarus. A orixe pode estar no árabe all + warjan que significa "que se defende de todos", ou no xermánico alls + wars, "moi prudente". 

ARIAS: Patronímico derivado do nome xermánico Aria, Ariano ou Ariamiro que vén a significar afamado, estimado. Apelido proveniente de Galicia e Asturias, logo difundido por toda a península. 

BALBOA: Orixe toponímica. Variante de val, latín vallis, "chaira de terra entre montes ou alturas", e bona, boa. Balbo, derivado de Balbus, foi nome patriarcal romano que significa "de fala entrecortada". Mais, segundo Caridad Arias, o suposto val do principio podería ser vallum, equivalente a castro ou cidade fortificada, que posteriormente foi confundida coas súas homófonas vallis e val; e o segundo elemento, sen relación co adxectivo latino bonus, -a sería unna interpretación latino-romance.

BALDEDO: Do latín vallem, val.

BARCIA: Terreo plano e cultivado. Francisco Porto Rey, no seu Diccionario gallego-castellano (1900), di que é unha variante de breixo, extensivo a varios arbustos de igual xénero. Tamén pode vir do prerromano *bar-, auga. Na Idade Media escribiuse Várzena. Posible orixe céltica *barcina, campo que se inunda e cultiva.

BARRERO: En Galego, Barreiro. Do prerromano barro, lama, fango, que non debemos confundir co barrum céltico, barreira, estacada. Verbo deste barrum, A. Moralejo di que Barreira pode derivar del, en alusión a un obstáculo, artificial ou non. Elixio Rivas apunta os nomes comúns bara e bareira, "encosta, caeira". Méndez Ferrín ve a raíz indoeuropea *bhar-, *bhor-, extremo agudo, prominencia.

BARRIO: Deriva da palabra de orixe áraba barri que designa un lugar situado ás aforas, no arrabalde. Cabeza Quiles, citando a L. Meruéndano, di que Barrio Novo e Rúa Nova poden referirse a un asentamento xudeo. Segundo Eladio Rodríguez é un apelido típicamente hebreu.

BASADRE: Segundo Nicandro Ares Vázquez semella ter a orixe nun nome persoal en xenitivo. Corominas supón que viría do latín versatilis, versátil, que dá volta ou cambia con facilidade. A parroquia de Basadre atópase no concello de Agolada.

BERMÚDEZ: Xermánico berht, ilustre, e mund-, protección. Patronímico derivado do nome propio Vermudo, de Veremundo. O rei Vermudo I gobernou Galicia entre os anos 789 e 792.

BLANCO: Alusión á cor pálida dunha persoa ou á cor do cabelo. Na actualidade non se conserva a forma galega Branco documentada no século XIV. Segundo Caridad Arias é un nome galego que nalgún caso pode ter orixe celta con formas Blannico, Branico, Branco que significa corvo ou sol. 

BORRAS: En galego, o pouso do viño. Quizais do antropónimo Boranus ou Borranus en cuxa base está o nome celta Buro. 

BRAÑA: Do galego braña, pasto de verán sen toxo. Segundo J. M. Piel, deriva do vocábulo prelatino br/brakna, lugar húmido que pode ser prado ou monte baixo.

BRAVO: Algúns autores aseguran que provén do latín pravus que significa malvado, cruel; a evolución de p- en b- puidera ser un préstamo dunha lingua xermánica ou do grego brabeion, "premio de vitoria". Malia o anterior, Corominas propón que vén a partir de barbarus, bárbaro, pasando por un *bravu, tese que comparte, entre outros, Nicandro Ares Vázquez. Joseph Piel di que pode vir do antropónimo latino Priapi. Nicando Ares cita un documento de Lugo do ano 1184 onde se le Pelagius Bravus.

CACHÁN: Filgueira Valverde e outros autores falan dun home mulleriego. Eladio Rodríguez e Franco Grande do espírito da luxuria. Constantino García González do carneiro vello que de noite topa contra a porta. Tamén é un dos nomes do diaño. Caridad Arias identifícao co nome céltico Caccanius que en ocasión pode proceder dun fonema sch como o nome persoal Cachán documentado no concello galego de Riotorto. Nicandro Ares di que quizais sería un alcume persoal, derivado de cap(u)la, cacha, ou *cacculus, cacho. 

CAMPA: Campo, latín campu, pero de extensión máis ampla. Para Luis Aguirre del Río (1858) e outros autores, lápida sepulcral, a coberta do sepulcro.

CAMPO: Latín campu, espazo de terra fóra das poboacións. Segundo Caridad Arias, moitos teónimos europeos básanse no radical prerromano do nome da súa divindade tópica Camo, Cambo ou Camallo, o torto, o curvo, celta kamb, frecuentemente asociado a hidrónimos ou a un antropónimo que o contén. 

CANCIO: Do latín cantius, “canción, cantiga, aquel con gran sentido do oído”. Ou do antropónimo Cantius, do céltico cant, brillante, luminoso. Tamén hai quen o identifica coa raíz indoeuropea *kantho, borde, ángulo, esquina.  

CANEL: Quizais como canella, camiñoo estreito entre elevacións do terreo. Rúa ou camiño estreito entre valos ou casas. Tamén como canelo, ferradura dos bois ou das vacas, ou peza do tear na que se enrola o fío, ou talo oco dalgunhas plantas (millo, canas, etc.).

CANGAS: Céltico cambicas, curvo.

CAÑIZAL: Lugar poboado de cañizos, planta que medra en lugares húmidos.

CAPELO: Dignidade de cardeal da igrexa católica. Capa feita de palla ou xuncos. Cume cuberta pola brétema. Capucho para cubrir a cabeza.

CARBAJAL: En galego carballal. Da voz prerromana *carb, pedra, planta nada entre pedras. Lugar poboado de carballos cuxa casca, moi rica en tanino, utilizábase para o curtido do coiro. No toro críase un lique con que se tinguían os tecidos, cocéndoos en auga con cinza. Alusión aunha persoa forte.

CARRASCO: Masculino de carrasca, arbusto da familia das ericáceas. Variedade de Carballo. Voz emparentada co latín cerrus, quercus, aciñeira pequena, queiroga. Segundo Cuveiro Piñol (1876), pucheiro. Para Elixio Rivas (2001), rastrel grande de madeira.

CASTELAO/CASTELLANOS: Señor feudal que vivía nun Castelo, latín castellum, diminutivo de castrum. Tamén persoa orixinaria de Castela.

CEREIJIDO: En galego Cereixido. Toma o nome da árbore da cerdeira cuxo froito é a cereixa, latín cerasia, co sufixo -etum que indica abundancia. A voz cereijido non existe en castelán.

COUSO: Latín causu. Leira para o cultivo de legumes. Depósito no que se gardan os cereais. Foxo, lugar preparado para sitiar as feras. Ou do nome e teónimo celta Cosso, divindade da guerra e a montaña. Nicandro Ares Vázquez di que quizais deriva de currere, correr, e de cautum, lugar apto para a caza.

CRESPO: Non hai acordo canto á orixe deste apelido. Uns sitúano na Roma Imperial, emparentándoo cun lexionario romano chamado Crespi. Mais semella proceder do radical cres- ou cris-, latín crispus, crecho, crencho, grego chrisós, ouro.

CUERVO: En galego corvo. Do latín corvu, o paxaro omnívoro asociado á mala sorte. Nicando Ares di que dentro da patrística cristiá, o corvo era o símbolo do demo, do pagán ou do pecador.

DÍAZ, DÍEZ: Patronímicos derivados do nome propio Diego que á súa vez vén de Didacus, alusión a un posesor dunha *(villa) Didaci. Diego, en hebreo, significa "o segundo, fillo segundo". Didacus foi un nome utilizado en Galicia durante a Idade Media. 

ESPAÑA: Do derivado spatham, espada longa e ancha, máis o sufixo -annam formaríase espadaña ou espadana. 

FANDIÑO: Un curioso significado que achegan nunha desas non menos curiosas páxinas de heráldica é a súa procedencia de "fan" e "iño", alusión a unha persoa que fai viño. Malia o anterior, Rivas Quintas (1991) di que é unha redución de Infantinus. Albaigés di de "fandos", do latín fari, falar, de onde fandus, que fala "parlanchín". Fandiño, en barallete, é burro. Hai autores que defenden unha orixe xermánica Fandinus, nome de persoa que actuaría como patronímico. O apelido Fandino está documentado en Galicia no ano 1316 (Fernandus Fandino), e Fandiño no ano 1432 (Johan Fandino, carniceiro). 

FERNÁNDEZ: Patronímico derivado do nome Fernando, "fillo de Fernando" que tería a súa orixe nun propietario xermánico de nome Fredenandus, formado polas raíces *frith, paz, e *nanth, audacia, intelixencia.

FERREIRA: Deriva da forma ferraria, lugar onde se traballa o ferro, latín ferrum, -i.

FERREIRO: Latín ferrarius, alusión á persoa que traballa o ferro, latín ferrum.

FONTEIRIZ: Topónimo que leva o vocábulo fonte, latín fontem. A segunda parte semella facer alusión a un posesor de orixe xermánica. *(Fontem) Eurici, de Euricus, nome persoal xa documentado no século X. 

FORONDA:

FREIJE: Vén do latín fraxinus, freixo, árbore que medra na beira dos ríos e en lugares húmidos. Ou quizais do nome persoal gótico Fredesindus, propietario dunha (villa Fredesindi. Antigamente, o freixo utilizábase para facer os eixos dos carros , xugos, etc; a casca moumiña (a do medio) era boa para a dor de cabeza.

FULGUEIRA: Dúas acepcións: *(Villa) Folgarii, en alusión a un propietario medieval de nome Folgarius. Tamén pode vir do latín filicaria, "fieito, fento", pedra que medra en lugares escuros, fríos e húmidos.

FUNSANDÍN: Fontem Sandini ou Sendini, dun posesor medieval de nome Sandinus ou Sendinus.

GARCÍA: Patronímico derivado do nome propio García que en godo vén a significar "príncipe de vista agraciada". García, rei de Galicia e Portugal dende o 1065 ao 1072, é considerado como o derradeiro monarca dunha Galicia independente que foi destronado polo seu irmán Afonso de León, orde executada por un famoso mercenario: o Cid. 

GARDES: Apelido de orixe vasca co significado de cordilleira? Ou quizais unha variante de Karat ou Karta, a enxendrada, nome dunha deusa prerromana.

GARGALLO: Segundo o Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958) de Eladio Rodríguez González, flema case coagulada que se expele da gorxa; dise da persoa esmirrada e frouxa.

GÓMEZ: Gómez, Gomis, Gomiz ou Gomes utilizábase como nome propio de persoa. Para Menéndez Pidal ten unha orixe vasca, Gomes, que significaría "coruscante, brillante". J. M. Piel retrotráeno ao gótico gum, home, varón.

GONZÁLEZ: De Gundisalvo, nome xermánico frecuente en Galicia a partir do século X. Patronímico derivado do nome propio Gonzalo (Gunth + salv), "home disposto para a loita". 

GRAÑA: De grania, antigas fundacións eclesiásticas de rango inferior a mosteiros e priorados. Forma que vén a ser un galicismo, francés grange, granxa, relacionado, segundo Joseph M. Piel, coa acción colonizadora dos monxes do Císter.

GREGORIO: Grego Gregorios, o vixiante, que se corresponden co latín vigilo.

HERRANZ: Do xermánico heri ou hari, exército.

IBIAS: Orixe prelatina *ib-a-, significa corrente de auga.

IGLESIAS: Vén do latín vulgar eclesia, asemblea, edificio consagrado ao culto cristián. Na onomástica, ao contrario do acontecido en toponimia, perdeuse o apelido Igrexas.  Claro exemplo de apelido imposto que se aplicaba en casos de filiación non recoñecida (o mesmo que Expósito, neno recén nacido non recoñecido polo pai).

JUNQUERA: En galego xunqueira. Deriva do latín iuncus co sufixo -eira. Abundancial de xunco, planta que nace en lugares húmidos.

LABOGADO: Curioso apelido que, en principio, fai alusión a un avogado, latín advocatus que significa "chamado en auxilio", persoa licenciada en dereito e que aconsella a outras en asuntos de leis. Tamén santo que, segundo as crenzas relixiosas, protexe a un determinado colectivo. Quizais fora utilizado, nun primeiro momento, como alcume.

LASTRA: Prelatino *lakstra, variante de laxa, pedra grande, plana e delgada. Nos preitos de fidalguía que se conservan no arquivo da Real Chancillería de Valladolid, fálase de Gabriel Antonio de la Lastra, natural de Ouviaño e bautizado na igrexa de Negueira o día 16 de febreiro de 1767; os seus país eran Antonio de la Lastra y Pasarón e Manuela de Nogueiro, e os avós paternos Álvaro de la Lastra e María López de Fegunde.

LINARES: En galego Liñares. Derivado do latín linu, liño. Nicandro Ares Vázquez di que tamén podería derivar do patronímico Linarius. 

LLANO: En galego chan. Latín planus-a-um, planicie elevada. Aquí pode facer alusión a unha persoa franca, aberta, sincera. 

LLEDÍN: Un diminutivo, quizais do antropónimo Ledio, Letinius ou Laetinius. 

LODOS: Latín lutum, lodo, lama. 

LÓPEZ: Patronímico derivado de Lope ou Lopo, latín lupus, lobo.

LOUGEDO: Do prerromano lausa, lousa. Lugar cuberto de lousas.

LOZA: Semella unha variante do castelán Lozano, en galego Louzán, latín lautum, belo, saudable, fermoso, rico.

LOZANO: En galego Louzán. Do latín lautum, "luzán, saudable, rico, fermoso, delicado, luxurioso".

MADROÑO: Érbedo en galego, arbutus unedo L., cuxo froito é o morodo. A casca utilizábase para combater as diarreas, e por teren tanino empregábase para o curtido de peles. Menéndez Pidal (1941) di que pode referirse ao galego madroño ou ao portugués medronho, de maturonis, referido a algúns froitos silvestres.

MAGADÁN: Posible apelido eonaviego derivado do prerromano mag-anus, feiticeiro. Magadán é unha aldea do concello asturiano de Grandas de Salime.

MARONDO: Pode conter o vocábulo preindoeuropeo *mor, pedra. Aníbal Otero Álvarez (1967) fala dun palleiro grande. Xosé Luis Franco Grande (1932) di que significa íntegro, referíndose a un animal macho, especialmente ao porco e ao boi. Nicandro Ares Vázquez di que se asemella a marronda, variante de maronda, femia estéril, e os asturiano marrionda, ovella en celo que, en opinión de García de Diego, sería derivado do latín mas maris, macho, co sufixo -bunda que para Corominas, tería orixe prerromana.

MARTÍNEZ: Patronímico derivado do nome propio Martín ou Martiño "adicado á veneración do deus Marte", "home belicoso, guerreiro". *(Villa ) Martini, do xenitivo latino Martinus.

MEIRAZO: Coas variantes Maurádego e Mourádego, herdeiro único, de morgado, sistema hereditario que se transmite íntegramente ao fillo maior.

MÉNDEZ: Patronímico de Mendo, “fillo de Mendo”.*(Villa) Menendi dun propietario medieval de orixe xermánica de nome Menendus, valeroso, potente. Boullón Agrelo sinala que Menendus é o nome máis usado nos documentos galegos no século X, e un dos máis utilizados nos séculos XI e XII.

MESA: Ao parecer procede de Galicia. Cabeza Quiles cita un documento do ano 1141 no que se lle dá nome de mesa a un monte que tería esa forma: "dehina pro illo monte de Campello et pro illo monte de mesa...".

MILLARADO: Demarcación ou estremeira entre propiedades. Tamén lugar plantado de millo, latín miliu, planta que ten como froito unha mazaroca formada por grans amarelos comestibles. 

MON: Hai autores que o fan derivar do adxectivo posesivo francés mon, meu, que nun principio iría acompañado por outra palabra (ex. mon roi, "o meu rei"). 

MORODO: Froito da amorodeira.

MOSTEIRÍN/MONASTERIO: Do latín monasteriu e do grego monastérion, residencia solitaria. Casa ou convento onde viven os monxes ou monxas en comunidade. 

MONTESERÍN: Latín montem Serini, alusión a un monte dun antigo posesor que atendía polo nome de Serinus. O segundo elemento "serín" sería un diminutivo de seiro (como Monseiro ou Monteseiro) que quizais veña do gótico sahar, xungo, carriza. J. Piel propón que viría de ursarius, oso.

MUÍÑA: Po e pequenos restos vexetais que se producen ao debullar, peneirar ou mallar os cereais, ou que se desprenden de elementos secos como a herba, as follas ou a fariña. Ares Vázquez di que como topónimo leva a molina, substantivo feminino usado polo historiador latino Ammiano; igual ca muíño, abreviación de molinun sarum, e como mola, moa de muíño ou outeiro escarpado coa cima plana.

MUÑIZ: Prerromano *mun-n-, altura, límite. O elemento Muniaego é un xentilicio do nome Muno ou Munio que deu Muñis e Muñiz; Aegia Muniaeco  é unha divindade galaica das alturas. 

MURIAS: Orixe toponímica. Do latín murus. Aínda que frecuente en Galicia, percíbese a influencia das partes limítrofes de Asturias e O Bierzo e cuxa etimoloxía daría "cerca de pedras coa que se pecha un terreo" ou, simplemente, pedregal, montón de pedras. 

NAVEIRAS: Do preindoeuropeo *nav, "depresión, concavidade do terreo". Ou do latín napos, nabo, ou nasa, naba. 

NEIRA: Preindoeuropeo *nar, ner, nor, auga. Desenvolvemento co que non concorda Méndez Ferrín que, baseándose en Amor Meilán, di que o indoeuropeo posuía dúas palabras para varón, guerreiro. Unha *wiro- que o designaba simplemente. Outra, *ner-, *aner- que o designaba cando a súa calidade ía unida á forza (máxica). O antigo irlandés nert e o galo nerth, forza, virían do segundo termo indoeuropeo. Significaría, entón, poder, forza masculina e máxica. Pon como exemplo o galego e mítico Promontorium Nerium, de nerius, bravura, aguerrido. 

NOGUEIRA/NOGUEIRO: Orixe galega. Do latín nucarias, abundancial de nogueira (juglans regia), árbore cuxo froito é a noz, latín nux, nome que designa a todos os froitos de casca dura. Apelido frecuente na documentación galega a partires do século XII. 

NÚÑEZ: Patronímico do nome propio Nuno que nos documentos galegos de época medieval aparece como Nunnus.

OUVIAÑA/OUVIAÑO: Apelido rematado en -ano que derivaría do nome propio Albinus ou Albinianus, de albinea, de cor branca. Non falta quen o identifique cun hidrotopónimo de orixe prerromana *ar-, *er-, "moverse (rápido)".

PALOMBO: Do latín palumbus. Nome vulgar extensivo a unhas aves colombinas representadas por especies selvaxes e outras domésticas. Alusión a unha persoa bondadosa.

PEREDA: Latín piraria. Árbore da familia das rosáceas que produce as peras. Outra posible orixe é a do sustantivo petraria, "lugar onde se extrae a pedra".

PEREIRA: Latín piraria. Árbore da familia das rosáceas que produce as peras. Outra posible orixe é a do sustantivo petraria, "lugar de onde se extrae a pedra".

PERNAS: Do latín perna que vén a significar "muslo de porco", apelido de orixe metonímica, é dicir, que identificaba a unha persoa que vendía pernas de porco, xamóns. 

PINTADO: Do latín pigmentum, colorete. 

POSO: Deriva do latín pausa, pausa, repouso. O apelido quizais veu dunha antiga pousada, latín pausatam, casa destinada ao descanso dos viaxeiros. 

PRIETO: Latín apectorare, apertar, ou de apectoratum, sombrizo, escuro. Derivación castelanizada do preto portugués, negro. Na Idade Media tiña o sentido de negro, moreno.

QUEIPO: Xermánico *kaipo e latino capere, coller. En galego, cesto para a herba.

QUINTANA: En Galicia nada ten que ver co nome Quintius nin con quinta, parte da produción que o labrego entregaba ao propietario dunha explotación. Vén de quintana, adro, terreo chan cercado que está diante da igrexa e que, nalgún tempo, actuaba como cemiterio.

RANCAÑO: Apelido orixinario de Galicia, posiblemente de Riotorto, que durante a Reconquista pasou a Sevilla. Deriva do xermánico rank, torto; aveño de labranza, especie de forcada con dous fortes dentes que se usa para cavar a terra ou para arrincar o esterco das cortes e curráis.

REGUEIRA: Prerromano *rek, rego, curso de auga. Latín rigu, curso pequeno e pouco voluminoso de auga. Tamén sulco natural ou artificial para conducir a auga de regar.

RELLÁN: Alusión a un campo chan, latín agrum planum. Ou quizais antropónimo latino Regula. 

RICO: Do xermánico -rikus, poderoso. 

RÍO: Latín rivu, corrente de auga.

RODEIRO: Eladio Rodríguez González (1958) fala da persoa que cobraba o tributo da roda. Que ronda ou pode rodar. Terreos que arrodean unha casa. Nicandro Ares di que tamén por vir de rotarium, peaxe dunha ruta ou camiñeiro; ou de rotarius, construtor de carros.

RODIL: Prado situado en terras labrantías. Tamén alusión a un tipo de pedra, ou xenitivo do antropónimo latino Rutilius, rutilante, brillante.

RODRÍGUEZ: Patronímico derivado do nome propio Rodrigo, latín medieval Rodericus. Nome de orixe xermánica formado polas plabras hroths, fama, e rikaz, poderoso. O documento máis antigo no que aparece este apelido é do ano 1062. 

RON: Variante de Ronald, do xermánico Reginal, nome composto por ragina, concilio, xuízo e waldan, gobernar. Tería o significado xenérico de xuíz. Segundo Méndez Ferrín, Rom (rematado en m) é o nome do pobo xitano, de onde sae o xentilicio masculino romanó, feminino romaní, plural de ambos os xéneros romané. Orixinarios da India, falan as linguas das comunidades polas que pasan aínda que todos conservan, en maior ou menor medida, fragmentos do seu propio idioma, que é indoeuropeo.

ROXO: En galego Roxo. Adxectivo latino russeus, "tirando a vermello". Podería facer alusión a unha persoa "roxa de pelo". Tamén podería corresponderse co nome de persoa Rusius.

RÚA: Orixe toponímica. Vía, camiño. Segundo Méndez Ferrín vén do latín ruga, engurra, pregadura da pel, que logo pasou a significar suco ou camiño fondo, lugar público entre casas. Nicandro Ares di que pode vir do antropónimo Rossus ou Rusius, con base no adxectivo russeus, roibo subido.

RUITIÑA: Quizais do gótico ric, poderoso.

RUIZ: Patronímico derivado do nome propio Rui. 

SAGASTEGUI: Orixe vasca. De sagas, variante de sagar, mazá, coa sufixación na partícula céltica tegui, casa, lugar. Lugar de maceiras. 

SÁNCHEZ: Patronímico derivado do nome propio Sancho, "fillo de Sancho". Variante de Santo que vén a significar "consagrado á divindade". Segundo Caridad Arias, do nome Sannius, Sannio proceden os antropónimos Sancius, Sansius, Sancia ou Sanctio que nalgúns casos poden confundirse co título Cristián San ou Santo, dando lugar a falsos haxiotopónimos.

SANMARTIÑO: Sancti Martini, ben procedente de San Martiño de Tours ou de San Martiño de Dumio. Martiño, nome propio que significa "adicado á veneración do deus Marte", "home belicoso, guerreiro".

SAN PEDRO: San Pedro, nome do apóstolo "fundador" da igrexa católica e primeiro pontífice, nome que vén do latín petrus, pedra; mais a verdadeira orixe hai que buscala no grego kephas, pedra rectangular. 

SAN ROMÁN: A forma Román actual é por influxo do castelán, pois en Galicia o sufixo latino -anu evoluíu desnasalizándose ata -ao (pronunciado en ditongo), así os exemplos mao, irmao. Deriva do latín romanus, "aquel que procede de Roma".

SANTISO: Variante de San Tirso, Sanctus Thyrsus, santo católico martirizado no ano 251 en Frixia durante a persecución de Decio.

SENA: Quizais do galo sena, río, auga. Para Caridad Arias Sena é "a vella", antigo nome celta da deusa nai de tres aspectos ou funcións, equivalente a Venus.

SOTO: En galego Souto. Apelido de natureza toponímica. Latín vulgar saltus, bosque pedroso e con altibaixos no terreo no que hai moitas árbores, sobre todo castiñeiros. Caridad Arias amosa as súas dúbidas canto a que o nome se relacione sempre con lugares referidos ás características da paisaxe, de feito sinala a presenza de nomes persoais: Sottus, Suttus, Sotillus, Sotullianus (divindade prerromana), Suttunius, etc.

TÁBOAS: Do latín tabulata, madeira. Variante do apelido Traba. 

TEIJEIRO: En galego Teixeiro e Teixedo. Lugar onde abunda a árbore do teixo, latín taxus baccata, árbore moi tóxica, pois contén un alcaloide, a taxina, que produce a morte en breve tempo. Segundo a lenda, os defensores do Monte Medulio, derradeiro bastión galego contra as poderosas lexións romanas, inmoláronse, logo dun longo asedio e denantes seren escravizados, polo veleno do teixo e as propias armas. Tamén pode facer alusión ao teixo ou porco teixo. O vocábulo teijeiro non existen en castelán. 

URÍA: *(Villa) Honorici dun propietario medieval de nome Honoricus. Ou quizais dun prerromano *or-, *ur, altura, auga. 

VALLE, DEL VALLE: En Galego Val e Do Val. Latín vallis, val, chaira de terra entre montes ou alturas.

VALLEDOR: Toponímico. Coido que en galego é como Valadouro, o municipio da Mariña Luguesa. Latín vallis, val, e a raíz prerromana *or, monte, val, altura.

VARELA: Varela ou Barela semella derivar do prerromano *bar, depresión, altura, costa. Gonzalo Navaza defende a procedencia de "valela", diminutivo de val, latín vallis, en alusión a un pequeno val. Méndez Ferrín identifícao cun alcume; di que en latín existe o adxectivo varus, -a, um que significa zambo, trenco, cambeiro, mal disposto dos pés ou das pernas ou das patas en persoas e animais. Posto no feminino, posto nos alcumes tan a miúdo, e en diminutivo -ela teriamos o Varela, persoa mal asentada de pés ou mans. Malia o anterior, o probable é que este toponomástico veña do nome Varellius con formas femininas Varelia ou Varella. A datación máis antiga deste apelido sitúase na segunda metade do século XII.

VEIGA: Prerromano *baika, "terreo sempre húmido, chan e fértil". Mais o anterior, o prerromano Barra ou Varra, nome dunha divindade logo coñecida como Venus, tamén pode estar presente no apelido Veiga.

VILLABOL: En galego Vilabol. *(Villa) Aboli, dun posesor medieval de nome Abolos, avó. Caridad Arias identifica abol coa divindade solar céltica Bel ou Baal que nada ten que ver co galego abol que significa indixente, vil ou malo.

VILLANUEVA: En galego Vilanova. Latín villa nova, pequeno núcleo rural. O radical nob-, moi frecuente na onomástica celta, provén do adxectivo indoeuropeo *neuos, *neuios, novo, como o latín novus, radical a miúdo indistinguible doutros como o galego nove, latín novem, celta novius (fundación), etc. 

VILLAR: En Galego Vilar. Latín villare, pequeno núcleo de poboación co conxunto das súas terras. O vilar ou casal, de menor rango ca a vila, xurde a partir dos séculos XII e XIII por mor da modificación na organización da produción agraria.

VITOS:  Deriva do nome de persoa Vitus ou Avitus.

XORDO: Latín surdus, que non oe ou que oe moi pouco.