Os nomes que utilizamos acotío para identificar un
lugar foron, na súa orixe, un nome común cun significado moi claro para as
persoas que encomezaron a usalos. Estámonos a referir aos topónimos (do grego topos,
lugar, e onoma, nome), nomes propios que serven para distinguir un lugar
preciso nun espazo concreto. A toponimia, que se apoia en disciplinas como a
xeografía, a historia e a lingüística, é útil para traballos de tipo
etnográfico ou histórico, subministrando información para comprender as transformacións
que sofren os territorios ao longo dos séculos, achegando indicios
significativos que nos poden axudar a descubrir restos arqueolóxicos, confirmar
a existencia de cultivos hoxe en día desaparecidos, esquemas de propiedade e
explotacións agro-gandeiras en desuso, nomes dos propietarios ou lugares de
culto que nos poden achegar ás formas de vida dos nosos devanceiros.
Malia o anterior, cómpre aclarar que estamos a movernos
nun terreo esvaradizo. Algúns deses sitios teñen un nome tan vello que se fai
moi difícil precisar o seu significado.
Moitos nomes pérdense no túnel do tempo, na máis
remota prehistoria, nos construtores dos megalitos, nos gravadores dos
petroglifos, nos habitantes dos castros. Os escritores gregos e latinos,
principalmente coa chegada dos romanos, foron os primeiros en documentar moitos
que xa existían, bautizando outros que na actualidade seguen case inalterados
ou, cando menos, coa base que serve para identificalos. Os pobos que os
seguiron (suevos, árabes...) tamén deixaron a súa pegada. De nós depende que
esa riqueza non quede relegada ao esquecemento: non é unha esaxeración afirmar
que con cada vello que morre ou abandona o campo, coa apertura dunha nova
estrada, coa construción dun polígono industrial, coas plantacións
indiscriminadas de árbores alóctonas... desaparece unha parte da nosa Historia.
Somos conscientes de que en máis casos dos desexados
quizais erremos na etimoloxía: en toponimia nunca está escrita a derradeira palabra. Na nosa man está reverdecer legado tan
marabilloso. E iso é o que pretendemos con esta modesta achega a algúns nomes de lugar de
Negueira de Muñiz, concello que forma parte do ámbito lingüístico eonaviego o que conleva que o galego falado no municipio amose, en moitos casos, unhas variantes dialectais que nada teñen que ver, aclaramos, con interesadas invencións de "novos idiomas".
A continuación achegamos tanto os topónimos maiores ou macrotopónimos (núcleos de poboación, ríos principais...), coma os microtopónimos (regueiros, montes...) sobre moitos dos cales non resulta doado establecer, pola súa ambigüidade, a súa etimoloxía, de aí que en ocasións fagamos unha "proposta etimolóxica" por non coñecer o seu significado exacto. Para facelos máis amenos, adobámolos con retallos históricos, costumes, usos das plantas, etc.
E agora retrocedamos no tempo e adentrémonos no significado dos lugares que escolleron as xentes que nos precederon, sitios que para poder identificalos bautizaron cun nome.
Nota: Diante dalgunhas palabras colocamos un asterisco (*). Débese a que se trata dunha palabra dunha lingua desaparecida que se reconstrúe a partir doutras linguas, e non porque quedara un rexistro escrito sobre ela.
ABELLEIRO (Ouviaño): Persoa que se dedica a coidar as colmeas para
obter o mel das abellas, latín apicula.
Apicultor. Ou quizais do patronímico Abellius, Abillus ou Abellicus, pode que unha redución de Ad-vellicus, en que o céltico *ad>a equivale a grande ou o grande Segundo os Interrogatorios do Catastro de Ensenada celebrados no ano 1753, nas freguesías de Negueira e de San Pedro de Ernes había un total de 512 colmeas que producían mel e cera.
AGRO DE ERNES (San Pedro de Ernes): O primeiro elemento vén do latín ager-agri, extensión pequena de terra
cultivada. Para o composto, ver Ernes.
ALTOS DE BUSTARVELLE (Ouviaño): Trátase dun monte situado a 1.021 metros de
altitude sobre o nivel do mar. O primeiro elemento vén do latín altus, alusión a un lugar de grande
altura. Para o composto, ver Bustarvelle.
A ARBELIA (Negueira): Aínda que pode facer alusión a un lugar dun
posesor de nome Arbelius,
tamén pode vir do latín erviliam (lathirus sativus), chícharo ou ervello,
planta do tipo dos legumes. Eladio Rodríguez, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958-1961), fala da arbela, herba medicinal para curar o madrío, un mal que afecta sobre todo ás mulleres. A arbela é tamén unha ave.
BARATÓN (Ouviaño): Segundo a RAE, persoa que trata en compras, vendas e trocos. Mais eiquí cremos que vén de barato, que ten o prezo baixo, quizais referido a un terreo pouco rendible, ermo.
BARCELA (San Miguel): Cabeceira parroquial. A parroquia ten unha extensión
de 16,70 quilómetros cadrados e está formada por sete núcleos depoboación. Segundo Nicandro Ares é diminutivo do galego varcia, terreo chan e fértil situado nas marxes dun río, portugués várzea, palabra de orixe prerromana. Sería, pois, unha Varcenella, así contada en homónimos portugueses. San Miguel (Sanctus Michael), nome que
procede do hebreo e significa "Aquel que se asemella a Deus" ou
"Quen coma El?" que simboliza a forza e a firmeza. San Miguel é o
terceiro arcanxo xunto con San Gabriel e San Rafael. Segundo o Diccionario Madoz (1846-1850), había
unha barca de pasaxe para atravesar o río e os camiños estaban en bo estado;
producíanse cereais, viño e legumes, as colmeas producían mel e cera; a cabana
gandeira estaba formada por vacas, ovellas e cabras; pescábanse troitas,
anguías e salmóns e cazábanse xabaríns e corzos. Nos seus montes podían verse cervos e osos. A freguesía contaba con 430 veciños. A aldea, xunto coa igrexa parroquial e o cemiterio, foi asulagada polo encoro de Salime. No ano 1704, o conde de Altamira inicia preito con Antonio Álvarez e outros sobre reivindicación do lugar de Vilaseca, A Gamalleira e Barcela "y otros muchos hasta el número de treinta y dos".
A BARQUEIRÍA (Río de Porto): Asulagado
polo encoro, o sitio, segundo información de Xaquín Codax (nome no seu
facebook) contaba con dúas casas, A Casa Vella e A Casa Nova. Cando o
río baixaba con pouca auga era un lugar vadeable, e cando ía máis cheo
había unha ponte de caixón. Posible alusión a un antigo paso de barcas
(do latín tardío barca).
O BATÁN (San Pedro de Ernes): Citado no Catastro de Ensenada do ano 1753. No lugar había un muíño fariñeiro. O topónimo vén do latín battuere, bater, golpear; aparello movido pola auga que tiña unhas mazas de madeira coas que se batía a la ou o liño.
BENADE (Negueira): Quizais derive de benenatus, "ben nacido".
BERNAL (Negueira): Podería referise a pastos vernales, de primavera, ou *vernetale, derrivado de vernetum con base vernia/verno, "amieiro. Ou variante de Bernardo, do xermánico Bernhar, "oso forte".
BOELLE (San Pedro de Ernes): Quizais como boedo, alusión a un terreo pantanoso, enchoupado, cuberto de auga. Ou alusión a unha *(Villa) Bonelli, de Bonellus.
BOUZA DO SOUTÍN (Negueira): Bouza vén do latín baltea, terreo sen cultivar e cheo de maleza. O composto é un diminutivo de souto, do latín saltus, arboreda, bosque pedroso, sitio onde hai moitas árbores, sobre todo castiñeiros.
BRAÑA DE ERNES (San Pedro de Ernes): O primeiro elemento vén do galego
braña, pasto de verán sen toxo. Segundo o etimólogo alemán Joseph M. Piel (1903-1992), deriva do vocábulo
prelatino br/brakna, lugar húmido que pode ser prado ou monte baixo.
Para o composto, ver San Pedro de Ernes.
BRAÑA DE FOLGUEIRO (Barcela): Para o segundo elemento achegamos dúas acepcións: *(Villa) Folgarii,
en alusión a un propietario medieval de nome Folgarius, ou filicaria,
fieito, fento, pteridium aquilinum, planta que medra en lugares escuros, fríos e húmidos. Segundo
Eladio Rodríguez, o fento verde utilizábase no Ribeiro para tapar os buratos e
regandixas das adegas para evitar o paso da luz. Os fentos secos usábanse para
chamuscar os porcos na matanza. A raíz machucada e cocida empregábase como
astrinxente.
BRAÑAS DO CASTELO (Barcela): O composto deriva do latín castellu, diminutivo
de castru, referencia a un antigo emprazamento dun castelo ou torre de
vixiancia que, en non poucas ocasións, sinala a presenza dun castro.
BRAÑELA (Ouviaño): Diminutivo de braña, pasto de verán sen toxo. Segundo
J. M. Piel, deriva do vocábulo prelatino br/brakna, lugar húmido que
pode ser prado ou monte baixo. Tamén do antropónimo Braniollus, forma hipocorística de Branius; o teónimo e antropónimo centa Bran significa corvo e sol. A aldea, abandonada e en ruínas, non figura
no nomenclátor dos núcleos de poboación. Nas inmediacións érguese unha capeliña,
restaurada, en honra do San Roque.
BUSBEIRÓN (entre Barcela, San Pedro de Ernes e Asturias): Monte situado a 1.286
metros de altitude sobre o nivel do mar. Semella que estamos diante dun topónimo
composto cuxo primeiro elemento viría do latín bustu, sitio onde
queimaban ou enterraban os cadáveres que logo debeu dar, non sen certos
inconvenientes filolóxicos, como ben apunta Cabeza Quiles no seu Os nomes de lugar (1992), o galego busto,
extensión de terra destinada ao gando que se queimaba para obter pasto. Para o P. Sarmiento (1695-1772) sería
unha derivación do vocábulo latino bos, boi; para outros autores viría
da voz gala bou, vaca. Tamén identifica un lugar ermo. Verbo desta
última acepción, Eladio Rodríguez, citando a Rodríguez Elías, di que a fasquía
inhóspita do terreo puído deberse a que as piras formadas para incinerar os
cadáveres se ergueran varias veces nun mesmo sitio, deixando o chan queimado,
sen vexetación e cuberto de cinza; ou de teren elixido eses lugares.
BUSTARVELLE: Núcleo de poboación pertencente á
parroquia de Ouviaño. Como no caso de Busbeirón, semella que estamos diante dun
topónimo composto cuxo primeiro elemento viría do latín bustu, sitio onde
queimaban ou enterraban os cadáveres que logo debeu dar, non sen certos
inconvenientes filolóxicos, como ben apunta Cabeza Quiles, o galego busto,
extensión de terra destinada ao pasto para o gando. Para o P. Sarmiento sería
unha derivación do vocábulo latino bos, boi; para outros autores viría
da voz gala bou, vaca. Tamén identifica un lugar ermo. Verbo desta
última acepción, Eladio Rodríguez, citando a Rodríguez Elías, di que a fasquía
inhóspita do terreo puído deberse a que as piras formadas para incinerar os
cadáveres se ergueran varias veces nun mesmo sitio, deixando o chan queimado,
sen vexetación e cuberto de cinza; ou de teren elixido eses lugares. No segundo
elemento, velle, semella aparecer o radical indoeuropeu *uel-, elexir; o latín velle
significa querer, desexar. Malia o anterior tamén pode vir do nome persoal Vellius, ou simplemente dun bustar vello. Para Nicandro Ares (1926-2017) sería un Bostar Velli, un estábulo de bois vello. Segundo os interrogatorios do Catastro de Ensenada
do ano 1753, Bustarvelle era couto particular, señorío de Tomás Quindós, veciño de O Trobo (A Fonsagrada).
BUSTELO DE MURIAS: Núcleo de poboación da parroquia de
Negueira. Para o primeiro elemento, ver Busbeirón. Murias,
terreo cercado de pedras. Pedregal. Elixio Rivas Quintas, en Contribución ao
diccionario galego (2001), di que é un muro antigo grande. Tamén hai quen o
identifica coa cor moura.
CABANA (Marentes): Do latín capanna, alusión á existencia de
cabanas de uso preferentemente agrícola e/ou gandeiro.
CALABREO: Núcleo de poboación pertencente á
parroquia de Marentes. A primeira parte do topónimo ademais de derivar do latín
callis, senda, paso estreito entre
montañas, tamén pode vir do latín canale,
canle de auga. Malia o dito, Cal contén o nome dunha divindade prerromana identificada co sol, relacionada coa divindade Coro, o vermello. Canto á segunda parte do topónimo, segundo Caridad Arias (1995) a
palabra brea ten en antigo galego,
ademais de verea, o significado de fonte ou manancial, de aí unha serie de
dualidades con Fontebrea, Pontevedra ou Calabreo que sempre designan hidrónimos
de orixe prerromana. O elemento ber-/ver-
contén o valor semántico de auga, río, fonte que á súa vez adoita facer
referencia a unha divindade relacionada coas augas. En ocasións, estes
elementos toponímicos pasaron a ser utilizados como antopónimos tipo Vera/Verus, con formas derivadas como Veriacius, Veracus, Veranius, Veratius... Ou quizais alusión a unha *(Villa) Qualabredo, de Qualabredus, proveniente de wala, galo, estranxeiro, e bred, táboa ou escudo. J. Piel considérao como un topónimo escuro.
O CAMIÑO OU O CAMÍN: Latín vulgar camminu, sitio polo que se pasa cando se vai dun lugar a outro. Ata non hai moitos anos, a reparación dos camiños corría a cargo dos veciños que, ademais da man de obra, achegaban ferramentas e medios de transporte; a participación dos traballos era obrigatoria, o incumprimento dese deber, agás causa xustificada, podía carrexar a imposición dunha multa.
CAMPELÍN (Negueira): Diminutivo de campo.
CAMPO CAGALLEIRO (Negueira): Campo vén do latín campu, extensión máis ou menos ampla de terreo, situado,
xeralmente, fóra das poboacións. O composto, en principio, pode designar os
excrementos das ovellas, cabras, coellos e outros animais. Tamén pode facer
alusión a unha cousa de pouco valor ou a un sitio que pola espesura e illamento
resulte medorento. A palabra xa aparece en documentos galegos do ano 1319.
CAMPO DA VELLA (Negueira): O composto deriva do latín vetera. Caridad Arias di que pode identificarse coa deusa céltica Vel ou Bel, a branca, relacionada con Venus.
CANCIO: Núcleo de poboación da parroquia de
Barcela. Do latín cantius,
canción, cantiga, aquel con gran sentido do oído. Ou do antropónimo Cantius, do céltico *cant, brillante, luminoso. O nome é bastante frecuente na epigrafía romana. Nicandro Ares achega que o nome Cantius e o seu feminino Cantia virían da raíz indoeuropea *kantho, borde, ángulo, esquina, recanto, e que logo daría Cancio.
CANDELAS (Negueira): Do latín candere, arder. Ou un diminutivo de cando, rama delgada e moi seca.
A CAPELA e A ERMIDA: Latín cappela, de cappa, referencia
ao pedazo da capa que San Martiño deu a un pobre. Oratorio edificado
habitualmente nun sitio ermo e despoboado. Ermida vén do latín eremus, deserto, solitario, ermo, lugares afastados escollidos polos eremitas para adicarse á vida contemplativa. Para máis información sobre as capelas e ermidas do municipio, ver a entrada dedicada ao patrimonio relixioso.
CARBALLEIRA DE SEIRA (Negueira): O Primeiro elemento deriva
da voz prerromana *carb,
pedra, planta nada entre pedras. Terreo poboado de carballos, latín quercur robur.
Na antigüidade, ao carballo considerábano coma unha árbore sagrada, ademais de
curar a sarna, as quebraduras dos nenos, o lumbago ou enfermidades contaxiosas,
tamén agochaba a pedra do raio (machados neolíticos, etc.) polo que se consideraba unha árbore
purificadora. Segundo Estrabón, historiador grego nacido no ano 63 a.C., os
castrexos comían durante boa parte do ano pan de landra, o froito do carballo,
afirmación dirixida a menosprezar a economía dos
“bárbaros” do Noroeste e, así, xustificar a invasión romana. Na actualidade a antiga carballeira foi repoboada con piñeros. Para o composto, ver Seira.
O CARBALLÍN/EL CARBALLÍN: Núcleo de poboación pertencente á
parroquia de Ouviaño. O concello de Negueira de Muñiz forma parte do ámbito lingüístico eonaviego o que amosa as característica propias do galego falado no municipio co uso, en moitos casos, do artigo el por o, de aí El Carballín. Diminutivo de carballo, latín quercur robur. Na antigüidade, ao carballo considerábano coma
unha árbore sagrada, ademais de curar a sarna, as quebraduras dos nenos, o
lumbago ou enfermidades contaxiosas, tamén agochaba a pedra do raio polo
que se consideraba unha árbore purificadora. Segundo Estrabón, historiador
grego nacido no ano 63 a.C., os castrexos comían durante boa parte do ano pan
de landra, o froito do carballo, afirmación dirixida, sen lugar a dúbidas, a
menosprezar a economía dos “bárbaros” do Noroeste e, así, xustificar a invasión
romana.
CARNEIROS (Negueira): Posiblemente veña dunha base precéltica *carn, "pedra". O carneiro tamén é, en Galicia, un osario, o depósito de ósos exhumados dos cemiterios. O Carneiro do Lobo era un impostoque pagaban os labregos que tiñan ovellas, para dar como premio aos cazadores pola caza do lobo. O Carneiro Negro acompañaba á Santa Compaña, a procesión de ánimas en pena.
CASA DO CARBALLÍN (Ouviaño): O primeiro elemento vén do
latín casa, construción
feita polo home. Para o composto, ver O Carballín.
CASA DAS QUINTAS (Ouviaño): O segundo elemento vén do latín quinta, grande propiedade
rústica con casa e terreo de cultivo. Extensión de terreo cultivado. Tamén
quintas partes dos froitos entregados aos donos dunha propiedade.
CASAS DE PEREIRAFRÍA (A Gamalleira-Ouviaño): Pereirafría
está formado por dous elementos: pereira pode facer referencia tanto á pereira brava (pyrus cordata) como á
pereira cultivada (pyrus communis. Fría deriva do latín frigida. Malia o anterior, pereira e
pereiro poderían actuar, como apunta Gonzalo Navaza (2006), como unha variante de
pedreira ou pedreiro. O topónimo, polo tanto, podería facer alusión a unhas
casas situadas non terreo pedroso de temperaturas frías.
CASARÍO BRAÑA DO FOLGUEIRO (Barcela): Caserío, do latín casa, conxunto ou aglomerado de casas.
Braña, do galego
braña, pasto de verán sen toxo que segundo Josep . M. Piel deriva do vocábulo
prelatino br/brakna, lugar húmido que pode ser prado ou monte baixo. Para o último elemento temos dúas acepcións: *(Villa) Folgarii, en alusión
a un propietario medieval de nome Folgarius, ou filicaria,
fieito, fento, planta que medra en lugares escuros, fríos e húmidos. Segundo
Eladio Rodríguez, o fento verde utilizábase no Ribeiro para tapar os buratos e
regandixas das adegas para evitar o paso da luz. Os fentos secos usábanse para
chamuscar os porcos na matanza. A raíz machucada e cocida empregábase como
astrinxente.
CASARÍO DE MURIAS (Negueira): Murias, terreo cercado de
pedras. Pedregal. Elixio Rivas Quintas, en Contribución ao diccionario
galego (2001), di que é un muro antigo grande. Tamén hai quen o identifica
coa cor moura.
CASARÍO DE PALMEÁN: Os termos palma ou paleira poden aludir á presenza de covas. A raíz palm- vincúlase co étimo palma, palmeira, aínda que parece raro que esta árbore garde relación coa fitotoponimia galega. Inclinámonos por relacionalo cun antigo xentilicio. Topónimos tipo palmeira ou palmeiro, de Palmarius, semella provir de nomes de persoa. Aníbal Otero sinala a forma palmeán como papanatas recollida en Vilaquinte, concello de Cervantes. Nicandro Ares di que vén do nome latino Palmianus, desbotando así a hipótese de Joseph Piel que lle dá o significado de "pau mediano".
CASARÍO DE SAN PEDRO (San Pedro de Ernes): San Pedro, nome do apóstolo
"fundador" da igrexa católica e primeiro pontífice, nome que vén do
latín petrus, pedra; mais a verdadeira orixe hai que buscala no grego kephas,
pedra rectangular.
CASTELO: Núcleo de poboación pertencente á
parroquia de Barcela. Latín castellu, diminutivo de castru,
referencia a un antigo emprazamento dun castelo ou torre de vixiancia que, en
non poucas ocasións, sinala a presenza dun castro. Malia o anterior tamén pode
facer alusión a elevacións do terreo que semellan baluartes defensivos.
CASTELO DE CANTÍN: Na parroquia de
Barcela. Dúas acepcións para o composto. Forma preindoeuropea *cant, pedra, rocha, ou
*(Villa) Cantidii, en alusión a un propietario medieval de nome Cantidius.
Para Caridad Arias vén da base céltica *cant, brillante, luminoso, que
deu o antropotopónimo Cantius co seu derivado Cancio.
O CASTRO (Ouviaño): A 315 metros de altitude
sobre o nivel do mar. Recibe o nome unha pequena península no río Navia. Provén do latín castru. Un
castro é un asentamento ou recinto xeralmente fortificado, de forma oval ou
circular, situado a maioría das veces no cumio de outeiros, pero tamén
presentes en esporóns costeiros, ladeiras de zonas montañosas, chairas e illas.
No municipio temos O Castro, O Castriño ou Castrelín e O Carballín, todos na parroquia de
Ouviaño. Para máis información, ver neste blog a entrada Patrimonio arqueolóxico do concello de Negueira de Muñiz.
O CEMITERIO: O culto aos mortos e a preparación da derradeira morada ten en Galicia unha profunda raigame cuxas primeiras manifestacións materiais, en forma de mámoas e antas, veñen do Neolítico. No concello de Negueira de Muñiz, os cemiterios de Barcela, Río de Porto e San Pedro de Ernes foron asulagados polo encoro de Salime.
CHAO DA ARQUELA (Ouviaño): Chao, latín planu, planicie elevada. O segundo elemento é un diminutivo de arca, latín arca, caixa coa tampa roma. Tamén depósito de auga. Pero tamén identificar, como é o caso, un enterramento megalítico.
CHAO DA CABANA (Negueira): O segundo elemento deriva do latín capanna, alusión á existencia de
cabanas de uso preferentemente agrícola e/ou gandeiro.
CHAO DE LEIRA (Río de Porto): O composto vén do céltico lar que deu o vocábulo latino larea
ou glarea, terreo labradío ou cultivado.
CHAO DE OUTARELOS (Negueira): O composto é un diminutivo de outeiro, latín altariu, sitio elevado. Nome xa recollido na súa forma actual no século X no mosteiro de Celanova.
COEDO (Negueira): De croio, coio, canto rodado, da volz céltica crodios, duro. O etimólogo alemán Joseph M. Piel derívao do latín conus, pedra grande.
O CONCELLO: Recibe o nome o organismo formado polo alcalde e os concelleiros que gobernan un municipio. Territorio formado por varias parroquias que están baixo o goberno do mesmo Concello. Antigamente celebránse os chamados Concellos Abertos que consistían en reunir a todos os vecinos ao son da campá da igrexa; Concellos Parroquiais, antiga institución consuetudinaria que funcionaba á marxe das organizacións municipais convencionais e que respondían ás necesidades impostas polo seu illamento; os vecinos reuníanse en asamblea para adoptar medidas de bo goberno, como auxiliar aos veciños pobres, perseguir aos malfeitores, arranxar camiños e atender outros servizos comunais.
A CONGA (San Pedro de Ernes): No mosteiro de Sobrado, no ano 952, lese: Uasa lignea usibus humanis apta a cupa usque ad minimam concan. En Oseira, no 1223, menciónase Ia cunca de ficcos et Ia cesta de castannas. O topónimo faría alusión, entón, a un accidente xeográfico, rocha, etc. con forma de cunca.
AS CORTES (Ouviaño): Construcións cubertas e pechadas, ou lugar
dentro dunha construción, onde se gardan os animais. Tamén pode derivar do céltico *kor, recinto circular.
A CORULA ou A CURULA
(Ernes): A 463 metros de altitude sobre o nivel do mar. O orotopónimo denuncia a forma de
coroa que presentan algúns montes. Para Caridad Arias, o radical cor-o contén a voz céltica koro-s, coiro-s, guerra exército, e koíranos, rei, señor que é tamén o máis alto, de aí que corula ou curula fan alusión ao máis elevado dun lugar. Ás veces, o vocábulo adoita sinalar un
castro.
CORZOS (Barcela): Mamífero rumiante da familia dos cérvidos.
A COUGA (San Pedro de Ernes): Latín accubare, posible alusión a un lugar repousado, descansado.
O COUSO (Barcela, Negueira e SanPedro de Ernes): Latín causu. Leira para
cultivo de legumes. Depósito no que se gardan os cereais. Foxo, lugar preparado
para sitiar as feras. Ou do nome e teónimo celta Cosso, divindade da guerra e a montaña.
COTO DA PRUÍDA DA
FONTE (Negueira): Coto
vén do prerromano
cott, altura, prominencia, lugar dominante, aínda que hai autores que identifican a equivalencia fonética Cotto co deus prerromano Cosso. O segundo elemento deriva do
latín vulgar proditam, outeiro, elevación do terreo. Tanto a primeira
como a segunda parte do topónimo son, polo tanto, unha tautoloxía ou repetición
que veñen a significar o mesmo. O último elemento deriva do latín fons/tis,
fonte, lugar onde mana a auga. En Galicia, a fonte ocupa un lugar sobranceiro
no eido da lenda. Xa no século VI, Martiño de Dumio denunciaba que o campesiño
galego facía ofrendas de pan e viño ás fontes: "Uns adoraban ao sol,
outros á lúa ou ás estrelas, outros ao lume, outros á auga subterránea ou aos
mananciais das augas, crendo que todas estas cousas non foran creadas por Deus
para uso dos homes senón que, nacidas de si mesmas, eran deuses...".
Críase que nelas habitaban certas fadas que, coa fin de atraer aos humanos,
prometían grandes riquezas. Din que cando se soña cunha fonte de auga clara é
sinal de riqueza, cando a auga sae toldada anuncia unha desgraza. Xunto ás
fontes, ao igual que nas praias, as meigas celebraban os aquelarres. Beber de
sete fontes despois das doce da Noite de San Xoán cura o bocio; lavarse coa
auga recollida en sete fontes na mesma noite, adobada con flores aromáticas, é
boa para a pel. Moitas fontes posúen propiedades creadoras, salutíferas e
sandadoras. Deixando de lado o terreo da superstición, as fontes eran un lugar
de reunión de vellos e mozos ao anoitecer, sobre todo no verán.
COTO DO SOUTO (Negueira): O composto deriva do latín saltus, arboreda, bosque pedroso e con altibaixos no terreo; terreo no que hai moitas árbores, sobre todo castiñeiros. Caridad Arias amosa as súas dúbidas canto a que o topónimo se relacione sempre con lugares referidos ás características da paisaxe, de feito sinala a presenza de nomes persoais: Sottus, Suttus, Sotillus, Sottullianus (divindade prerromana), Suttunius, etc.
COVA: Do latín covu, concavidade natural ou artificial, na superficie ou no interior da terra. En Galicia non é rara a cova que non teña unha lenda referida a mouros, xigantes, tesouros ocultos, mulleres enfeitizadas... En Ernes hai una cova asociada a lendas de mouros, os seres fantásticos custodios de fabulosos tesouros. Está documentada outra cova en Vilauxín.
A COVA DOS MOUROS (en Ouviaño e en Vilauxín): Aínda que o composto pode vir da raíz *mor, pedra, tamén pode facer alusión á cor moura ou ao ser sobrenatural vencellado a tantas lendas. Verbo dos mouros e das mouras, cómpre precisar que en Galicia nada teñen que ver cos moros (árabes) que invadiron a Península no século VIII. As nosas mouras e os nosos mouros, habitantes de mámoas, covas e castros onde custodian grandes tesouros, veñen, segundo algún autores, de crenzas nacidas na Prehistoria. Caridad Arias tamén o relaciona coa divindade céltica Modro, sincretizada con Apolo.
CURVA DE CHAELO (Negueira): O primeiro elemento denuncia unha liña que non ten
tramos rectos, dito principalmente dunha estrada ou dun camiño O composto
semella derivar do diminutivo latino planellu, chao, plano, chaira
pequena, ou quizais un derivado do mozárabe -as>-es.
CURVA DA PENA (Marentes): O composto deriva do céltico penn e latín pinna, pedra
grande que sobresae no terreo. Para os galegos, a pedra é algo máis que o
mineral sólido que se atopa de xeito natural na superficie ou no interior da
terra. Pola contra, nas nosas penas latexa o misterio. Nas laxes graníticas os
nosos devanceiros insculpiron os inintelixíbeis petroglifos; xigantescas penas
abaladoiras desafían todas as leis do equilibrio; nas innumerábeis penas
do altar que inzan a nosa xeografía oficiábanse as prácticas relixiosas;
diante dunha pena as parellas de namorados anovan as súas promesas mentres que
outras sandan doenzas físicas e mentais...
A DEGOLADA (Negueira): Como clarifica Cabeza Quiles
no seu Os nomes da terra (2000), temos que diferenciar o topónimo
Agolada, de Golada. O primeiro vén da voz latina aqua lata, auga
conducida ou levada, un caudal dun río desviado para regar ou mover un muíño.
En troques, Golada aparece co significado de porto de montaña ou lugar
montañoso por onde pasa un ou máis camiños.
EIRA DOS LOBOS (Marentes): A segunda parte do topónimo fai alusión ao temible lobo, latín canis lupus, dotado, segundo a lenda, de poderes máxicos, quen o mira fixamente aos ollos queda enfeitizado polo poder da sua mirada. O mítico depredador, protagonista de tantas lendas, animal obxecto de culto primeiro e logo besta maldita fortemente perseguida, ata case o seu exterminio, a partir da Idade Media. Marcial Valladares Núñez (1884) fala tamén do lobo negro, Canis Lycaon, variedade, quizais, do lobo común pero máis fero, cunha mancha branca no fuciño e outra no peito.
EIRA DO VITO (Barcela): O primeiro elemento vén do latín area,
espazo de terra firme ou empedrada con laxes, próximo á casa, usado para mallar
os cereais, secar os legumes e outros usos. A deusa céltica Eira exercía como
médico dos deuses. Vito deriva do nome de persoa Vitus ou Avitus.
ENCORO DE SALIME: Un encoro é unha represa de auga.
As obras do encoro de Salime comezaron no ano 1946 e foi inaugurado no 1956. Nel traballaron unhas 3.000 persoas nunhas condicións bastante precarias. No seu momento foi o maior de España e o segundo de Europa. Coa súa construción, as aldeas de Barcela, O Foxo, Cancio,
Ernes, Vilar e Vilauxín quedaron illadas do resto do concello pola ausencia
dunha ponte. Moitos veciños perderon as súas terras e vivendas que quedaron
asulagadas polas augas, obrigando a moitos a teren que emigrar. Considerado o
máis grande da época, converteuse nun dos símbolos de “progreso” do réxime franquista. Salime, composto de ipsa con valor de artigo, e limens, entrada ou límite, quizais a unha demarcación natural de terras. O preindoeuropeo sal-, máis un prefixo variable, corresponde ao nome dunha divindade solar, primeiro feminina e logo masculina.
ENTRALGO: Núcleo de poboación da parroquia de
Río de Porto. A aldea está situada nunha península do encoro. Latín intraticum, entrada que, como di Joseph M. Piel, indica unha situación do lugar en relación doutro. Nicandro Ares Vázquez di que sería derivado do latín vulgar intraticum, que pasaría ao provenzal intragium, dereito de entrar. A mediados do século XIX pertencía á freguesía de San Pedro de Ernes. No
mes de xuño de 1958, unha gran tormenta afectou gravemente ás videiras e
outros produtos de Entralgo e Sarceada, causando uns danos que
estimaron en 200.000 pesetas, cantidade moi elevada "sobre todo si tenemos en cuenta de que los labradores de dicha zona son los más pobres del término", remata a noticia de El Progreso.
ENTRE AS REGUEIRAS (Ouviaño): A preposición entre expresa
localización espacial no medio respecto de dous ou máis puntos separados, ou no
medio e interior de algo. O composto fai alusión a unhas terras rigarias,
terreos húmidos onde nace un manancial.
ERNES (San Pedro de Ernes): Núcleo de poboación pertencente á
parroquia de San Pedro de Ernes. Nicandro Ares di que podería referirse á propiedade dun posesor que levaría o apelido patronímico de Hernius. Quizais derive da divindade céltica Aerno. Herne era unha divindade británica do carballo.
ESCANLAR: Núcleo de poboación pertencente á parroquia de San
Pedro de Ernes. Quizais veña do triticum dicoccoides ou escanda, unha especie común do trigo que na antigüidade foi unha das especies de trigo máis importante. A forma esc- pode estar relacionada co nome do deus prerromano, identificado coa auga, Esus. A voz scandala aparece citada nun documento galego do ano 1266.
A ESCOLA: Así adoita chamarse ao lugar onde se atopaba a antiga escola. Vén do latín schola, lección, ou do grego skola, estudo.
FERREIROS (Marentes): Referencia ao oficio do traballador do ferro, do latín ferrarius. No século XVI o licenciado Molina xa falaba das excelencias do ferro galego.
FIGUEIRAS (Marentes): Latín ficus caria, árbore que ten como froito o figo, do latín ficu.
FOLGUEIRA (San Pedro de Ernes): Dúas acepcións: *(Villa) Folgarii,
en alusión a un propietario medieval de nome Folgarius, ou filicaria,
fieito, fento, pteridium aquilinum, planta que medra en lugares escuros, fríos e húmidos. Segundo
Eladio Rodríguez, o fento verde utilizábase no Ribeiro para tapar os buratos e
regandixas das adegas para evitar o paso da luz. Os fentos secos usábanse para
chamuscar os porcos na matanza. A raíz machucada e cocida empregábase como
astrinxente.
FONTAÍÑA (Barcela): Diminutivo de fonte, latín fons, -tis.
FONTAOS (Marentes): Latín fontanu, diminutivo
de fonte.
A FONTE: Latín fontem. En Galicia,
a fonte ocupa un lugar sobranceiro no eido da lenda. Xa no século VI, Martiño
de Dumio denunciaba que o campesiño galego facía ofrendas de pan e viño ás
fontes: "Uns adoraban ao sol, outros á lúa ou ás estrelas, outros ao lume,
outros á auga subterránea ou aos mananciais das augas, crendo que todas estas
cousas non foran creadas por Deus para uso dos homes senón que, nacidas de si
mesmas, eran deuses...". Críase que nelas habitaban certas fadas que, coa
fin de atraer aos humanos, prometían grandes riquezas. Din que cando se soña
cunha fonte de auga clara é sinal de riqueza, cando a auga sae toldada anuncia
unha desgraza. Xunto ás fontes, ao igual que nas praias, as meigas celebraban
os aquelarres. Beber de sete fontes despois das doce da Noite de San Xoán cura
o bocio; lavarse coa auga recollida en sete fontes na mesma noite, adobada con
flores aromáticas, é boa para a pel. Moitas fontes posúen propiedades
creadoras, salutíferas e sandadoras. Deixando de lado o terreo da superstición,
as fontes eran un lugar de reunión de vellos e mozos ao anoitecer, sobre todo
no verán.
FONTE CADEAS (San Pedro de Ernes): O composto deriva do latín catenam, que ben pode facer alusión ao conxunto de aneis metálicos ou elos que están entrenzados entre si, ou a cada unha das cangalleiras do carro.
FONTE DO COTO (Barcela): O segundo elemento deriva do prerromano
*cott, altura, prominencia, lugar dominante. Hai autores que identifican a equivalencia fonética Cotto co deus prerromano Cosso.
FONTE DO LOBO (Negueira): Latín canis lupus dotado, segundo a lenda, de poderes máxicos, quen o mira fixamente aos ollos queda enfeitizado polo poder da súa mirada, animal obxecto de culto primeiro e logo besta maldita fortemente perseguida, ata case o seu exterminio a partir da Idade Media.
FONTE A VARITA (San Pedro de Ernes): O composto semella derivar do
latín varicam, de varam, pau utilizado como soporte,
poste. Tamén pode vir do latín virgam,
rama flexible. Vara ou Vera tamén significa en céltico "a auga", sánscrito var, vari, raíz que está presente incluso en linguas non indoeuropeas como o árabe ou o bereber wadi ou guadi. Faría alusión a unha primitiva deusa-nai.
FONTEIRA (Ouviaño): De fonte.
FORMIGUEIROS (Negueira): Do latín formica, formiga, o insecto que vive en sociedade. Para Eladio Rodríguez, o formigueiro é tamén a ave que chaman peto quese alimenta de formigas.
FORNOS DA FUROCA (Río de Porto): A primeira parte do nome deriva
do latín furnu. En principio, o forno é o espazo pechado dentro da
cociña onde se preparan os alimentos ou se coce o pan; tamén un dos máis de
trinta nomes polos que se coñecen as estruturas pétreas dos enterramentos
megalíticos. O composto provén do latín foratu, furado, por analoxía
cova; tamén paso terrestre. O topónimo pode denunciar, quizais, uns fornos
situados nunha cova adicados, quizais, a unha actividade metalurxica.
O FOXO: Núcleo de poboación da parroquia de
Barcela. O étimo deriva do latín foveum,
alusión a un antigo foxo para a caza do lobo ou a un elemento defensivo dun
castro. Nesta aldea fundouse unha comuna nos anos setenta do pasado século.
AS GALIAS (Barcela): Posible alusión a un lugar
abundante en pedra cuxo nome habería que remontalo á raíz prerromana *cal co significado de pedregoso. Gal ou Cal, con numerosos derivados, é o nome dunha divindade prerromana de compoñente solar que deu nome a Galicia, A Galia (Francia), Gael (Irlanda) ou Gales, é a deusa do ocaso, identificada con Goro ou Coro, o vermello, que personifica ao sol afundíndose no mar e entra no Outro Mundo para resucitar ao día seguinte.
A GALIEIRA (Barcela): Posible alusión a un lugar abundante en pedra cuxo nome habería que remontalo á raíz prerromana *cal coa terminación abundancial -eira.
A GAMALLEIRA: Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Ouviaño.
Denuncia un terreo cuberto de arbustos ou árbores novas (gamallos), tal vez emparentado, segundo Nicandro Ares, con calamus, cana, variña delgada. No
ano 1704, o conde de Altamira inicia preito con Antonio Álvarez e
outros sobre reivindicación do lugar de Vilaseca, A Gamalleira e Barcela
"y otros muchos hasta el número de treinta y dos".
AS GRALLEIRAS (Barcela): Lugar onde aniñan as grallas, latín gracula, paxaro da familia dos
córvidos que aniña nos ocos dos muros e nas covas.
A GRANDA (Negueira): Variante de gándara, do céltico ganda, pedregal, terreo improdutivo e cheo de maleza. Tamén lugar onde medran as uces.
A HORTA: Outro topónimo que nos remite á actividade agrícola no concello. Vén do latín horta, terreo situado preto da casa destinado a cultivo de verduras, legumes e outros usos.
A IGREXA: Adoita denominarse así o lugar onde se levanta a igrexa
parroquial. Latín vulgar eclesia, asemblea, edificio consagrado ao culto
cristián. As igrexas de Barcela, Ernes e de Río de Porto foron asulagadas cando a construción do encoro de Salime. Para máis información, ver a entrada dedicada ao Patrimonio relixioso.
LABORÍN (San Pedro de Ernes): Diminutivo de labor, do latín labor, oris, acción e efecto de traballar. Ou quizais derive do nome de persoa Laborinus, un propietario medieval.
O LAVADOIRO: Esparexidos por moitos puntos do concello temos
estas construcións de uso público destinadas a lavar a roupa. Para máis información, ver a entrada dedicada á Etnografía.
A LAVANDEIRA: Núcleo de poboación da parroquia de
Marentes. Cabeza Quiles recolle a hipótese
formulada por Rivas Quintas explicando o topónimo como derivado da raíz
preindoeuropea *nava, chaira entre montes, valgada, auga, conclusión á que
chega, polo demais, o etimólogo Joseph M. Piel que o interpreta como prado húmido. Mais
pode derivar do verbo lavo, lavar, en alusión a un lugar destinado a
lavar a roupa. Por outra banda, a lavandeira é un paxaro pertencente á familia
dos motacílidos, de peteiro e patas finas, cor gris-verdosa no lombo e branca
ou amarela no pico. No eido da superstición, a lavandeira, xunto coa dona, a
serea e a virxe, é un espíritu das augas.
LEIRÓN (Marentes): Aumentativo de leira, latín larea, herdade, terreo labradío ou cultivado. A palabra leira xa aparece documentada no século X no mosteiro de Celanova, e no XI no de Oseira.
LOMBA GRALLE (Ouviaño): A primeira parte do topónimo deriva do latín lumbu,
lombo, referido a un montículo pequeno e arredondado. A segunda parte
do topónimo pode ser unha variante de gralla, a ave semellante ao corvo pero
máis pequena,
LOMBA DO NAVALLO (Ouviaño): O composto deriva da partícula
prerromana *nav, concavidade do terreo, depresión montañosa.
A MADEÑA (San Pedro de Ernes): Posible alusión á madroña, calzado de madeira dunha soa peza que presenta, a diferenza do zoco, un tacón marcado e dous tacos dianteiros, illando, ao camiñar, do barro e da humidade. Lugar citado no Catastro de Ensenada do ano 1753. Había un muíño fariñeiro.
O MARCO: A palabra deriva do céltico mark e do latín marco, pedra fincada no chan que delimita os lindes dunha terra. O primeiro documento onde se menciona a utilización de monumentos prehistóricos como marcos é no Parochiale Suevorum, do século VI, onde se fai unha relación de trece dióceses do Reino Suevo de Galicia. Nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada do ano 1753 cítanse varios marcos que actuaban como fitos demarcadores das freguesías de Negueira e de San Pedro de Ernes: Marco do Carballín, Marco Valía de Covas, Marco da Vaca do Campo, Marco Lagúa do Rebolín, Marco Vao das Trabas, Marco Lagoa de Correlos, Marco de Espiñeiro, Marco da Sufreira das Pereiras, Marco do Furadón...
MARENTES (Santa María Madanela): Debido a unha curiosa división territorial, a cabeceira da parroquia atópase en Asturias e as catro aldeas que a conforman en Galicia. A parroquia ten unha extensión de 2,88 quilómetros cadrados e está
formada por catro núcleos de poboación. Quizais derivado do nome de persoa Maurentius ou Marentius, formado á súa vez de Maurus.
J. Piel cataloga o topónimo entre os nomes de orixe escura. Nicandro Ares pregúntase: Podería corresponder a unha *(villa) maiorentis, cabaleiro de cortexo, ou sería un xenitivo dun posuidor con nome baseado no participio merens, -entis, o merecente? Segundo o Diccionario Madoz
(1846-1850) a produción baseábase no trigo, centeo, millo, patacas, nabos,
viño, liño, castañas, combustible; gando vacún, de porco e ovino.
A MEDORRA: Monumento prehistórico en forma
de meda ou túmulo que sinala o lugar dun enterramento megalítico. Mámoa. O
Megalitismo, do grego megas, grande, e lithos, pedra,
desenvolveuse en Galicia a partires do V milenio a.C, acadando o máximo
apoxeo no III milenio e mantendo o seu uso ata o 1500 a.C., xa na Idade do
Bronce. Esta cultura caracterízase pola construción con grandes pedras
destinadas, fundamentalmente, a usos funerarios o que se traduciu nun fenómeno
nunca visto ata entón: a humanización da paisaxe. O vocábulo medorra é un dos
máis de trinta nomes que reciben en Galicia os enterramentos megalíticos. Para máis información, ver a entrada dedicada ao Patrimonio arqueolóxico.
MONTE DA BARCELA (Barcela): Do latín monte, monte, elevación natural do
terreo. Para o composto, ver Barcela.
MONTE BUSBEIRÓN (entre Barcelas, Ernes e Asturias): Para o composto, ver Busbeirón.
MONTE DE BUSTARVELLE (Ouviaño): Para o segundo elemento, ver Bustarvelle.
MONTE DO CANTÍN (San Pedro de Ernes): Dúas acepcións para o
composto. Forma
preindoeuropea *cant, pedra, rocha, ou *(Villa) Cantidii, en
alusión a un propietario medieval de nome Cantidius. Para Caridad Arias
vén da base céltica *cant, brillante, luminoso, que deu o
antropotopónimo Cantius co seu derivado Cancio.
MONTE DO CARBALLÍN (Ouviaño): Para o composto, ver O
Carballín.
MONTE CHAELO (Negueira): O composto semella derivar do diminutivo latino planellu, de planu,
chao, plano, chaira pequena.
MONTE DOS CHAOS (Ouviaño): A 1.025 metros de altitude sobre o nivel do
mar. Chao, latín planu, planicie elevada.
MONTE DE COVAS (Barcela): Do latín covu, concavidade natural ou
artificial, na superficie ou no interior da terra. En Galicia é rara a cova que
non teña unha lenda referida a mouros, xigantes, tesouros ocultos, damas
enfeitizadas.
MONTE FORMAR (Negueira): Chama a atención a raíz form- que está presente en topónimos lugueses, tipo Formado
(Abadín) ou Formarán (Castro de Rei), e mesmo temos A Forma en Allariz. Existe
o étimo formus co significado de
quente. En Cervantes temos ademais o topónimo Fonquente. Haberá algunha
relación entre a raíz form- que faga
referencia a lugares de augas quentes?
MONTE DO FOXO (Barcela): Para o composto, ver O
Foxo.
MONTE DA GAMALLEIRA (Ouviaño): Para o composto, ver A Gamalleira.
MONTE MOURAL (Negueira): A 832 metros de altitude sobre o nivel do
mar. Do prerromano *mor,
pedra, lugar pedroso. Segundo Caridad Arias, da base céltica mor- ou mort- proceden os enigmáticos morta e moitos moura da toponimia galega que puidera estar relacionado coa deusa celta Modron ou Modred e a súa variante irlandesa Morrigan.
MONTE MURIAS (Negueira): Murias, terreo cercado de pedras.
Pedregal. Elixio Rivas Quintas, en Contribución ao diccionario galego (2001),
di que é un muro antigo grande. Tamén hai quen o identifica coa cor moura.
MONTE ROBLEDO (Marentes): Ver Robledo.
MONTE DE SANTALLA (Barcela): Santalla, nome de orixe grega, Sancta Eulalia, que
en galego deu Olaia, Baia, Olalla... Significa "a ben falada". A santa, vítima de diferentes tormentos (o
potro ou ecúleo, entre outros), morreu crucificada no século IV.
MONTE DE TALLOBRE (Ouviaño): Para o composto, ver Tallobre.
MONTE VILASECA (Negueira): Para o composto, ver
Vilaseca.
MONTE DE VILAUXÍN (Barcela): Para o composto, ver
Vilauxín.
MOROCO (San Pedro de Ernes): Morteiro ou pedra redonda para moer o millo ou o trigo.
OS MUÍÑOS: Latín molinu, de molere,
alusión a pequenos muíños hidráulicos movidos pola forza da auga. En moitas
aldeas o uso do muíño era comunal, de aí a muiñada, reunión nocturna mentres se
esperaba o turno. Destas reunións xurde a muiñeira, a danza popular galega que
se baila por parellas soltas, e música que a acompaña. Para o seu
funcionamento, o muíño precisaba dunha ristra de pezas que compoñían o seu
mecanismo: agulla, alevadoiro, bolo, borneira, buxa, cangalleira, canoura,
capón, cepa, dorneira, eixo, garruchos, moa, allo, pé, quenlla, rodicio,
tanxedeira, tolda, etc. O argadelo é o aparello xiratorio no que se colocan as
meadas para dobalas. Segundo os Interrogatorios do Catastro de Ensenada celebrados nas freguesías de Negueira e de San Pedro de Ernes no ano 1753 decláranse un total 31 muíños fariñeiros, moitos dos cales foron asulagados polo encoro de Salime.
O MULÍN (San Pedro de Ernes): Citado no Castastro de Ensenada de 1753. Nome que recibía un muíño fariñeiro. Variante dialectal de muíño.
NAVALÓN (San Pedro de Ernes): O composto deriva da partícula
prerromana *nav, concavidade do terreo, depresión montañosa.
NEGUEIRA (San Salvador): Capital municipal e
cabeceira da parroquia. A parroquia ten unha extensión de 14,41 quilómetros
cadrados e está formada por seis núcleos de poboación. Do latín nucarias, abundancial de nogueira (juglans
regia), árbore cuxo froito é a noz, do latín nux, nome que designa a
todos os froitos de casca dura. Malia o anterior, Nicandro Ares Vázquez di que se pode ver un derivado do adxectivo latino niger, -gra, -grum, negro que se converteu en nome persoal, polo que Negueira sería inicialmente unha (Villa) Negeria. Nalgunhas partes de Galicia a xente cría que a
sombra da nogueira traía mala sorte. San Salvador,
Sanctus Salvatorem, nome de orixe latina que significa "Aquel que é
salvador". Segundo o Diccionario
Madoz (1846-1850), había gando de todas as especies, exportábase viño,
cultivábanse cereais, legumes e patacas, había árbores froiteiras, as colmeas
producían mel e cera; nos ríos pescábanse troitas, anguías e salmóns. A
mediados do século XIX a freguesía contaba cos mesmos núcleos de poboación que
na actualidade onde vivían 540 persoas.
NEGUEIRA DE MUÑIZ: O concello de Negueira foi creado no
ano 1928, cando se independizou do de Burón, pertence ao arciprestado da
Fonsagrada e á diócese de Lugo. Pertenceu á diócese de Oviedo ata o 1954, ano en que pasou á de Lugo. O composto é en honra de Antonio Muñiz Alonso,
natural de Vilar de Ernes, que loitou por mellorar as condicións da economía da
zona mediante a creación de sociedades agrarias. Como agradecemento cara a súa
persoa, o concello solicitou no 1928 pasar a denominarse Negueira de Muñiz, o
que foi aprobado pola Real Orde de 2 de decembro de 1929. O elemento Muniaego é un xentilicio do nome Muno ou Munio que deu Muñis e Muñiz; Aegia Muniaeco é unha divindade galaica das alturas. Muñiz vén do
patronímico do nome Munio. Ver a entrada neste mesmo blogue Historias, lendas e tradicións.
OS NOVOS (Negueira): Do latín novus.
O OUTARELO: Na Serra de Cuias, parroquia de Marentes. Diminutivo de outeiro, latín altariu, sitio elevado.
OUVIAÑO (Santiago): Cabeceira parroquial. A
parroquia ten unha extensión de 16,91 quilómetros cadrados e está formada por
seis núcleos de poboación. Topónimo rematado en –ano que derivaría do nome propio Albinus ou Albinianus, de albinea, de cor branca. Non falta quen o identifique cun hidrotopónimo
de orixe prerromana *ar-, *er-, "moverse (rápido)". Santiago o
Maior, coñecido tamén como o Zebedeu, foi discípulo de Xesús. Segundo a
tradición foi no ano 33 cando pisou por primeira vez a Gallaecia para
evanxelizala. Fóra dos Evanxeos, só aparece nomeado nos Feitos dos
Apóstolos, cando é martirizado en Xerusalén no ano 44 por orde de Heródes
Agripa. Será no ano 813 cando o ermitán Paio descubra a suposta tumba no monte
Libredón, onde o enterraran os discípulos que arrivaran co seu cadáver a Iria
Flavia (Padrón), nun lugar onde xa existía unha necrópole precristiá e onde
logo se ergueu a catedral. Hai quen asegura que os restos venerados na catedral
son os de Prisciliano, o famoso heresiarca galego do século IV. O primeiro texto que menciona o mito da predicación de Santiago na Península é o himno titulado O Dei Verbum, composto entre o 783 e o 788, atribuído ao Beato de Liébana. A difusión do culto xacobeo é durante o reinado de Afonso II. No ano 1631, o mosteiro de Villanueva de Oscos reclama a sexta parte da aldea de Ouviaño e outros bens na xurisdición de Burón.
PARADA (Ouviaño): Do participio latino paratus, a, um, do verbo parare, parar, facer unha parada nunha viaxe. Posible alusión a un descanso orográfico.
PENA DA AGUIA (San Pedro de Ernes): A 1.007 metros
de altitude sobre o nivel do mar. A primeira parte do topónimo vén do céltico penn e do latín pinna,
pedra grande que sobresae no terreo. O composto vén do latín aquila, a ave de presa diurna da familia das falcónidas. No
concello é frecuente ver aguias albelas ou falcóns pequenos, ademais de
gabiáns, bufos, avelaionas e papuxas montesas. Mais o anterior, aquila pode estar relacionado co árabe al-Nasr/Nustur, aguia, relativo a un punto alto, de observación; aguiar relaciónase con hayyara ou arquitectura de forma fortificada.
PENA BRANCA: O composto tanto pode derivar da forma preindoeuropea *alb, monte, altura, como do latín albus, branco. Mais esas, Branco, Branca aparece en moitos nomes prerromanos sen relación co adxectivo branca ou branco e que ben puidera estar relacionado cunha divindade solar.
PENA DOS CARRILOS OU DOS CARRÍS (Negueira): A 736 metros de altitude
sobre o nivel do mar. O composto semella derivar do latín carrile en alusión ás pegadas
deixadas sobre a rocha polos carros. Para Marcial Valladares, no Diccionario
gallego-castellano (1884), corte, máis ou menos grande, feito nun muro para
pasar os carros. Tamén pode vir do antropónimo Carrillus que contén o radical car-r; Caro-s ou Carro-s é unha divindade prerromana identificada máis tarde con Marte.
PENA DAS CHOCAS (Negueira): A 845 metros de altitude sobre o nivel do mar. Temos varias acepcións para o composto. Dise da ave que está no período febril propio da época de incubación, que está chocosa. Grandes pedazos de carbón mal queimados. Tamén pode levar o nome porque dentro da pena se produce algún tipo de son. Bernardo de Acevedo y Huelves e Marcelino Fernández y Fernández no seu Vocabulario del bable de occidente (1932), din que a choca é unha bóla de madeira e xogo que con ela se fan dándolle cun pau en forma de caxato, xogo que se practicou moito do Navia ao Eo. Engade que a palabra utilízase moito para designar o aparello que levan as cabalerías dos arrieiros, e tamén as vacas e carneiros que soa cando se moven.
PENA CORRELOS (San Pedro de Ernes): A 1.022 metros
de altitude sobre o nivel do mar. O composto pode derivar de curro, alusión a un curral pequeno, ou do céltico *kor, recinto circular. Como no caso da Pena dos Carrilos, pode vir do antropónimo Carrillus que contén o radical car-r; Caro-s ou Carro-s é unha divindade prerromana identificada máis tarde con Marte.
PENA DOS COUTOS (Barcela): O segundo elemento deriva da raíz latina cautum, couto; terra
acoutada, vedada ao gando; conxunto de lugares, aldeas ou parroquias
pertencentes a un señor, mosteiro, etc; terreo comunal. Hai autores que o identifican co teónimo Cotto ou Coso, deus prerromano da guerra e da montaña.
PENA DE DOADE (San Pedro de Ernes): Hai quen relaciona o segundo elemento co euskera ate ou gate, porta, porto. Mais, segundo Caridad Arias, o latín Donatus, na forma xenitiva, era nos seus inicios nome de escravos e libertos, rexistrando formas toponímicas galegas e portuguesas Doade, Doadi.
PENA DOS ENCANTOS (Ouviaño): Na aldea de Vilarmeor. Atalaia xeolóxica cun gran dominio visual. Segundo Carré Alvarellos (1951), O Encanto é un ser mitolóxico que habita nos castros, bosques e penas; considéraselle custodio de fabulosos tesouros ocultos. Para Eladio Rodríguez González (1958), é un ente misterioso que se converte en ser material e activo a pesares das súas cualidades sobrenaturais. Asociada a unha lenda dunha moura (ver a lenda, neste mesmo blogue, no apartado adicado ás Historias, lendas e tradicións).
PENA GRALLE OU PENA GALLA (Ouviaño): A 823 metros de altitude sobre o nivel do
mar. A segunda parte do topónimo pode ser unha variante de gralla, a ave
semellante ao corvo pero máis pequena. Tamén pode derivar da base gallus que segundo Menéndez Pidal se recoñece o adxectivo vasco otz, frío.
PENA DA LAGOA (Ouviaño): A 1.008 metros de altitude sobre o nivel do
mar. O composto deriva do latín lacus. Arredor de lagos e lagoas tecéronse un elevadísimo
número de lendas que falan de vilas asolagadas, castigo inflixido pola
divindade pola falla de caridade dos seus habitantes. Nalgunhas lagoas
apareceron armas e outros útiles prehistóricos polo que se cre que os nosos
antergos considerábannas lugares sagrados, de aí que lle depositaran ofrendas.
PENA DE LIBRIA (San Pedro de Ernes): A 836 metros de altitude sobre o nivel do mar. O segundo elemento semella unha variante de libre, en alusión a un lugar que gozaba de franquicias e exencións. En documentos galegos dos séculos XI e XII está documentada algunha *(villa) Libri dun posesor de orixe latina que atendería polo nome de Liberius.
PENA DA MADEIRA (San Pedro de Ernes): O composto vén do latín materiam. En principio pode
referirse á materia dura que teñen as árbores e arbustos debaixo da cortiza.
PENA MONCHADA (Negueira): A 1.006 metros de altitude sobre o nivel do
mar. A segunda parte é un posible topónimo composto, cuxo primeiro elemento viría do latín mons, -tis, monte, ou quizais do nome celta Monto ou Montus.
PENA MARCELLÁ OU MARCELLANA (Barcela): A 517 metros de altitude sobre o nivel do
mar. Remate no sufixo latino -ana que ía despois do nome dun posesor e que denominaba unha propiedade agrícola. Faría alusión, entón, a unha *(villa)
Marcelli pertencente a unha explotación agraria dun home que atendía polo
nome de Marcellus ou Marcellianus.
PENA DA NOGUEIRA: Núcleo de poboación da parroquia de Marentes. O
composto vén do latín nucarias, abundancial de nogueira (nome científico juglans
regia), árbore cuxo froito é a noz, do latín nux, nome que designa a
todos os froitos de casca dura. O xénero, juglans, deriva do latín Iovis,
Xúpiter, e a especie, regia, significa propio de reis. Nalgunhas partes
de Galicia a xente cre que a sombra da nogueira trae mala sorte. O día 5 de
outubro de 1936 aquí foi asasinado polos fascistas o veciño de Suarna (A
Fonsagrada), Antonio Álvarez González, labrego de 45 anos.
PENA DA POUSA (Negueira): Do latín pausare, parar, repousar. Nome galego xa documentado no século XIII. O etnógrafo Xaquín Lorenzo Fernández (1907-1989) documentou en Galicia varios pousiños, unha sorte de mesas de madeira situadas nos campos e que tiñan por obxecto pousar os feixes para que o portador ou a portadora puidera descansar ou para axudar a erguer os feixes.
PENA DO TRIGO (Negueira): O composto fai alusión ao cereal do xénero triticum.
PENA DE SAN BRAIS (San Pedro de Ernes): San Brais foi médico e bispo de Sabaste, en Armenia. Durante a
persecución dos cristiáns, Brais non quixo abandonar aos seus, só cando llo
pediu Deus retirouse a vivir nunha cova ata que amainara o temporal. Os paxaros
levábanlle comida a diario e os animais selvaxes acodían, mansos, xunto del. Un
día, uns cazadores que non atoparan nin un só animal en toda a xornada, pasaron
cabalgando diante da cova e alí os viron a todos reunidos en torno ao eremita.
Os cazadores informaron do feito ao prefecto que mandou aos seus esbirros para
que apreixaran a Brais quen, incluso na cadea, seguía a recibir a moitos enfermos.
Cóntase que unha muller acodiu xunto o santo co seu fillo ao cal se lle cravara
unha espiña na garganta. Brais colocou as sús mans sobre o rapaz e este curou.
Negándose a renegar da súa fe, o prefecto ordenou que cun garfo lle arrincaran
a carne dos ósos e despois tiráronno a un lago para que se afogara, mais o
santo foi camiñando sobre as augas. Visto que ningún dos intentos por acabar
coa súa vida funcionaba, ao final decapitáronno no ano 316. Polo seus milagres,
Brais é avogado contra as infeccións de garganta, anxinas, tose, bocio e dor de
moas, tamén contra as treboadas e a mala conciencia. Na iconografía adoita
aparecerse calzado con zapatos de distinta cor, en alusión á lenda que di que a
Virxe tiña vergoña de facer a súa presentación no templo despois do parto, polo
que Brais calzou así para que os maliciosos mirasen para el en vez de para a
Virxe. En Galicia facían queimadas para curar a tose ferina con caña, follas de
loureiro, cascas de limón e invocábase ao santo, dicindo: "San Brais, leva
a tose e deixa ao rapaz", ou "San Brás, San Brás manda a espiña para
atrás". En Monforte de Lemos, os devotos camiñan ata a igrexa de San
Vicente do Pino onde existe unha reliquia do santo e lévanlle a bendicir cintas
azuis os homes e de cor rosa as mulleres, tradición que se remonta ao século
XVI.
PENAS LONGAS (Barcela): A 926 metros de altitude
sobre o nivel do mar. O adxectivo longo deriva do latín longus, que ten moita lonxitude ou máis medida do normal.
PENEDO DOS VALLOS (Barcela): A 1.208 metros de altitude
sobre o nivel do mar. O primeiro elemento vén do céltico penn e do latín pinna,
pedra grande que sobresae no terreo. O composto vén do latín vallum,
muralla de terra ou pedra, que antigamente se aplicou a un lugar fortificado.
Hai autores que o fan derivar de vallis, val. Caridad Arias di que non
está relacionado co latín vallis, senón que contén o antropotopónimo
celta Val(l)o ou Val(l)io, con derivados latinizados Valius,
Valiacus...
PENÓN (Barcela): Aumentativo de pena.
PICO DE CANTÍN (Barcela): A 959 metros de altitude. Pico, latín beccu, é un
sinónimo de cima, cume, curuto. Dúas acepcións para o composto. Forma preindoeuropea *cant,
pedra, rocha, ou *(Villa) Cantidii, en alusión a un propietario medieval
de nome Cantidius. Para Caridad Arias vén da base céltica *cant,
brillante, luminoso, que deu o antropotopónimo Cantius co seu derivado Cancio.
PICO DA LAGÚA (Ouviaño): A 1.184 metros de altitude
sobre o nivel do mar. O composto deriva do latín lacuna. Arredor de lagos e lagoas tecéronse un elevadísimo
número de lendas que falan de vilas asolagadas, castigo inflixido pola
divindade pola falla de caridade dos seus habitantes. Nalgunhas lagoas
apareceron armas e outros útiles prehistóricos polo que se cre que os nosos
antergos considerábannas lugares sagrados, de aí que lle depositaran ofrendas.
PICO PRIVAFORNELAS (San Pedro de Ernes): O composto, Fornelas, é un diminutivo de furna, "caverna", emparentado co latín furnus, "forno". Máis complicado é o primeiro elemento deste nome que pode vir do latín privare, despoxar a alguén de algo que posuía ou propio dunha persoa.
PICO RONDEL (San Pedro de Ernes): A 603 metros de altitude sobre o
nivel do mar. De rotundam en alusión a unha forma arredondada.
PICO DO TOMBO (Río de Porto): A 715 metros de altitude sobre o nivel
do mar. O composto pode facer alusión a unha lomba non moi alta de forma arredondada. Como hipótese,
tamén podería derivar de tumbam,
sepulcro. Mais para Cabeza Quiles pode facer referencia ao ritual popular de facer rodar o corpo dos meniños para libralos do mal coñecido como "asombramento" que consiste en ir á misa, facerse coa sotana do cura sen que se decate, tendela no chan ou sobre unha sepultura e facer que dea tombos por riba dela.
PICO VELOUSO (Barcela): A 1.192 metros de altitude sobre o nivel do
mar. O segundo elemento pode vir do latín villoso
que faría alusión a un pico cuberto por algún tipo de matogueira ou outra
vexetación similar, dalgunha maneira, ao velo humano. Mais tamén podería
derivar do latín vigila, de vigilare, en alusión a un lugar de vela
ou vixilancia.
OS PICOS (Barcela): Latín beccu, é un sinónimo de cima, cume,
curuto.
PIEIGA: Núcleo de poboación da parroquia de Negueira. Nicandro Ares Vázquez di que ten semellanza con piega, traba, obstáculo, baseada no latín pedica, ligadura dos pés, pexa. Mais engade, seguindo a J. Piel, que pon a Pieiga entre os "nomes de orixe escuro". Remata preguntándose se non será da familia do baixo latín pedagia, peaxe.
PIEIGA DO MONTE (Negueira): O composto deriva do latín monte,
monte, elevación natural do terreo.
PIÑEIROSA (Marentes): Deriva do latín pinus, pino, árbore de follas perennes, útiles pola madeira e resina que producen.
A PONTE: Latín pons/tis, construción que permite pasar dun lado a outro dun río, etc. Caridad Arias asegura que o nome non sempre fai alusión a esta estrutura, senón que viría dun nome persoal, posiblemente de Pontidius, ou dunha divindade vencellada á auga. No concello a ponte máis coñecida é a Ponte de Boadil, sobre o río Navia, entre as parroquias de Marentes e Ouviaño. Ten a orixe a principios do século XX e estaba formada por un só arco e nove de apoio; cando a construción do encoro de Salime foi necesario elevala. Hai quen escribe Boabdil (coma o nome do derradeiro rei de Granada) mais é Boadil, de boado; a zona xa se chamaba así antes da ponte, cando había un barqueiro. Ponte de Marondo, na parroquia de Ouviaño, lindeira co concello de A Fonsagrada, dun arco salva o río Navia; segundo nos contou un veciño de Vilarmeor, de noventa e tres anos, entre os concellos de Negueira de Muñiz e A Fonsagrada houbo un preito polos límites municipais neste punto; pode conter o vocábulo preindoeuropeu *mor, pedra; Aníbal Otero Álvarez (1967) fala dun palleiro grande; Xosé Luis Franco Grande (1972) di que significa íntegro, referíndose a un animal macho, especialmente ao porco e ao boi. Ponte sobre o río Ibias, inaugurada, segundo amosa un monolito que se ergue no lugar, o día 2 de setembro do ano 1989, sendo presidente da Xunta de Galicia Fernando González Laxe. A ponte colgante de Negueira estaba suxeita por uns cables a unhas columnas e tiña o piso de madeira; foi destruída por unha enchenta. Para salvar os cursos de auga tamén se utilizaban outros sistemas consistentes nunhas estruturas en forma de caixa suxeita por cordas en ambas dúas ourelas que se deslizaba ao tirar por elas. No interesante blog, Embalse de Salime, pueblos y aldeas bajo el agua, cóntase que un home que decidira gatuñar polo cable da caixa que permitía atravesar o río de Porcos caeu á auga e afogou. Cando o meteron no cadaleito para soterralo no cemiterio de Ouviaño, atopáronse con que non cabía debido á súa elevada estatura; para encaixalo non tiveron máis remedio que rachar a táboa do fondo do ataúde e enterralo cos pés fóra.
O PONTIGO (San Pedro de Ernes): Citado no Catastro de Ensenada do mes de xuño de 1753. Había un muíño fariñeiro. Pequena ponte de madeira para atravesar un regueiro ou un río estreito. Localizamos unha pontiga de madeira, prácticamente arruinada, xunto un muíño na parroquia de Barcela.
PONTIGO DE BOELLE (San Pedro de Ernes): Quizais como boedo, alusión a un terreo pantanoso, enchoupado, cuberto de auga. Ou alusión a unha *(Villa) Bonelli, de Bonellus.
POZO DE PENA TALLADA (Negueira): O primeiro elemento vén do latín puteum, excavación profunda no solo para depósito de auga; burato que hai no terreo e que está cheo de auga; para os celtas, certos lagos e pozos era sagrados, un lugar de entrada ao "Outro Mundo". A segunda parte fai alusión a unha pena cortada ou separada.
PRADO DE COVAS (Barcelas): O primeiro elemento vén do latín pratu, terreo, xeralmente húmido, onde se deixa medrar ou se sementa a herba para alimentar o gando. O composto deriva do latín covum, cavidade no terreo, oco.
PRADÓN (San Pedro de Ernes): Aumentativo de prado.
RASELA (Ouviaño): De rasa, que deriva do verbo latino radere, raer, rozar.
REBOLEIRA (San Pedro de Ernes): Do latín vulgar repullus, unha variante do carballo, latín robur.
REGUEIRO ACEVEDO (Barcela): Un
regueiro, do latín rigarium, é unha pequena corrente de auga, máis
grande ca o regato e máis pequena ca o río. O segundo elemento fai referencia a un terreo poboado de acevos, latín ilex aquifolimun, arbusto ou arboriña que, utilizado como adorno navideño, case provocou a súa desaparición. O froito, alimento de determinados animais, é perigoso para o home polas súas características diuréticas e gomitivas. Segundo a lenda, posúe propiedades prodixiosas para atraer o amor.
REGUEIRO BUSBEIRÓN (San Pedro de Ernes): Para o composto, ver Busbeirón.
REGUEIRO DAS CANDAS (Negueira): A última parte do topónimo deriva da partícula *cand, rocha, sitio
pedroso. Segundo Joseph Maria Piel, pode derivar do apelativo románico cando que
designaría ao tronco dunha árbore. Corominas faino derivar do latín candere,
arder. Ou quizas do céltico *kand ou *cant, alumar, locir, que ten correspondencia co antigo irlandés (s)kend, relocir, claro, e co bretón cant e o galo cand, moeda de prata.
REGUEIRO CIMA DA PASADA (Negueira): O último elemento fai referencia a un curso de
auga que se pode cruzar a pé.
REGUEIRO DO COUSO (Barcela, Río de Porto e San Pedro de Ernes): Para o segundo elemento, ver O Couso.
REGUEIRO DE COVAS (Barcela): Para o composto, ver Cova.
REGUEIRO GALIEIRA (Barcela): Para o composto, ver A Galieira.
REGUEIRO LAVANDEIRA (Negueira): Para o composto, ver A Lavandeira.
REGUEIRO DOS MUÍÑOS (Negueira): O segundo elemento deriva do latín molinu, de molere, alusión a
pequenos muíños hidráulicos movidos pola forza da auga. En moitas aldeas o uso
do muíño era comunal, de aí a muiñada, reunión nocturna mentres se esperaba o turno.
Destas reunións xurde a muiñeira, a danza popular galega que se baila por
parellas soltas, e música que a acompaña. Para o seu funcionamento, o muíño
precisaba dunha ristra de pezas que compoñían o seu mecanismo: agulla,
alevadoiro, bolo, borneira, buxa, cangalleira, canoura, capón, cepa, dorneira,
eixo, garruchos, moa, allo, pé, quenlla, rodicio, tanxedeira, tolda, etc. O
argadelo é o aparello xiratorio no que se colocan as meadas para dobalas.
REGUEIRO RÍO DE PORTO: Ver Río de Porto.
REGUEIRO SANFORMAR: Ver Sanformar.
REGUEIRO VAL DO PAN (San Pedro de Ernes): O segundo
elemento deriva do latín vallis,
chaira de terra entre montes e alturas. A última parte do topónimo é unha nidia
alusión a unha plantación de trigo. Malia o anterior, e como precisa o profesor
Cabeza Quiles, pan pode ter o mesmo significado que o galego pando, do latín pandu, en alusión a un terreo chan,
encurvado ou deprimido situado entre montañas.
REGUEIRO VALIA (Marentes): A segunda parte é un diminutivo de val, latín vallis, chaira de terra entre montes e alturas; tamén pode vir do latín vallum, cerca, valado. Ou quizais da divindade solar celta Bel ou Bal que significa lume.
REGUEIRO VILARELLO (Barcela): O composto é un diminutivo
de vilar, do latín villare,
pequeno núcleo de poboación co conxunto das súas terras. O vilar ou casal, de
menor rango cá vila, xurde a partires dos séculos XII e XIII por mor da
modificación na organización da produción agraria.
RIAÑO ((Marentes): É composto de rivi angulus, ángulo do río.
RIO ABELLEIRO ou RIÓ VAL DO ABELLEIRO (Ouviaño): Latín rivu. Segundo a
crenza popular a auga dos ríos arrastran a enfermidade como arrastran o
sedimento. Para o composto,
ver Abelleiro.
RÍO IBIAS: Ibias está documentado dende o século
X (Ibiam). De orixe prelatina, *ib-a-,
significa corrente de auga. O río nace no concello asturiano de San Antolín de
Ibias, e actúa como linde natural entre as freguesías de Barcela e Marentes.
RÍO NAVALLO: Discorre polo límite das parroquias de Ouviaño e a fonsagradina de Monteseiro.
O composto deriva da partícula prerromana *nav, concavidade do terreo, depresión
montañosa.
RÍO NAVIA: Atravesa o municipio de norte a sur. En Galicia está amplamente documentada na epigrafía
a deusa prerromana Navia. Para Blanca García Fernández-Albalat, no seu Guerra
y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas (1990) sería unha
divindade que facilitaría o acceso ao Máis Alá a traves da auga. Para algúns autores tamén poidera derivar de naus, unha palabra indoeuropea que fai alusión á condición de navegable.
RÍO DE PORTO (San Brais da Barqueiría): Cabeceira parroquial. A
parroquia ten unha extensión de 4,59 quilómetros cadrados e está formada por
catro núcleos de poboación. Latín portu, paso natural entre montañas. Para o patrón da
parroquia, ver Pena de San Brais. Aínda que só como hipótese, coidamos que o
alcume da Barqueiría que leva o santo pode facer alusión a un antigo paso de
barcas. Barqueiría era un pequeno núcleo de poboación. A mediados do século XIX, Río de Porto pertencía á freguesía de San Pedro de Ernes. A aldea foi asulagada polo encoro de Salime.
RÍO DA POUSADA (Negueira): O último elemento vén do latín pausata,
de pausare, parar, cesar, repousar. Lugar onde remata unha xornada de
viaxe. Casa onde facer noite que logo daría nome a unha villae. Tamén
pode facer alusión a antigas pousas ou fincas medievais pertencentes a reis,
nobres ou eclesiásticos semellantes ás quintas, granxas e pazos.
RÍO DA RASEDA: Núcleo de poboación da parroquia de Río de Porto. Do latín rasum, raso. Ou do latín reseda, planta aromática.
RÍO RODIL: O composto fai alusión a un prado
situado en terras labrantías. Tamén a un tipo de pedras, ou xenitivo do antropónimo Rutilius.
ROBLEDA (Negueira): Ver Robledo.
ROBLEDO: Núcleo de poboación da parroquia de Marentes.
Roboretum, indicando co sufixo -etum o abundancial. Terreo
poboado de carballos, latín quercur robur, cuxo xénero do nome foi dado
polos romanos pola dureza da súa madeira. Na antigüidade ao carballo
considerábano coma unha árbore sagrada, ademais de curar a sarna, as
quebraduras dos nenos, o lumbago ou enfermidades contaxiosas, tamén agochaba a
pedra do raio polo que se consideraba unha árbore purificadora. Segundo
Strabón, historiador grego nacido no ano 63 a.C., os castrexos comían durante
boa parte do ano pan de landra, o froito do carballo, afirmación dirixida, sen
lugar a dúbidas, a menosprezar a economía dos "bárbaros" do Noroeste
e así xustificar a invasión romana. A madeira, de boa calidade e difícil
putrefacción utilizábase para facer doelas dos bocois e na construción naval.
ROZADAS: Núcleo de poboación da parroquia de
Bacela. Forma
latina ruptiare, romper, roturar, en referencia a un monte de terra
virxe que se cava ou queima a broza para logo cultivalo.
SAN PEDRO DE ERNES (San Pedro): Cabeceira parroquial. A
parroquia ten unha extensión de 16,77 quilómetros cadrados e está formada por
tres núcleos de poboación. San Pedro, nome do apóstolo "fundador" da
igrexa católica e primeiro pontífice, nome que vén do latín petrus,
pedra; mais a verdadeira orixe hai que buscala no grego kephas, pedra
rectangular. Do segundo elemento, Nicandro Ares di que podería referirse á propiedade dun posesor que levaría o apelido patronímico de Hernius. Ou quizais derive da divindade céltica Aerno; Herne era unha divindade británica do carballo. Verbo deste topónimo, aínda que no nomeclator da Xunta de Galicia figura sen o "h", en documentos dos séculos XVIII e XIX podemos velo escrito das dúas formas. A igrexa de Ernes nunca chegou a rematarse, foi asulagada, ao igual que o cemiterio, polo encoro de Salime. A mediados do século XVIII, Entralgo, Río de Porto, Sarceada e Vilagudín pertencían a esta freguesía.
SAN ROMÁN (Barcela): Nome derivado do latín Sanctus Romanus, que vén a significar aquel que procede de Roma. Este santo, natural de Antioquía, morreu durante a persecución dos cristianos por Maximiano. Sábese que estivo na Península antes do século IV.
SANFORMAR: Núcleo de poboación da parroquia de
Negueira. Topónimo complicado (no seu momento xa foi considerado problemático por J. Piel) que, a primeira vista, semella referirse a un
enganoso haxiotopónimo. Quizais de Sala Frumari, que literalmente significa "habitación de Frumario"; a primeira parte, san, pode ter a orixe no xermánico sal, habitación, convertido ao pasar ao romance en sala que evolucionaría, ao perder o l intervocálico, a saa, e ocasionalmente, como no presente caso, a san, facendo alusión a un pequeno espazo agrícola pechado. Mais esas chama a atención a raíz form- que
está presente en topónimos lugueses, tipo Formado (Abadín) ou Formarán (Castro
de Rei), e mesmo temos A Forma en Allariz. Existe o étimo formus co significado de quente. En Cervantes está o
topónimo Fonquente. ¿Haberá algunha relación entre a raíz form- que faga referencia a lugares de augas quentes? Nicandro Ares pregúntase se estará formado por salice máis o nome dun posesor visigodo que atendía por Osmar, engadindo a continuación que se quedaría coa hipótese de L. López Santos en que Sanctius rexístrase en documentos medievais en posición proclítica que desembocarían nun falso nome de santo cando van seguidos doutro nome ou apelido. Segundo o Diccionario Madoz (1846-1850), o clima
era san aínda que se experimentaban “febres gástricas”; había escola os catro
meses de inverno custeada polos pais dos alumnos; os camiños estaban mal
coidados; producíanse patacas, centeo, millo, viño brancoe castañas, nos ríos
pescábanse troitas; e a cabana gandeira estaba formada por vacas e ovellas; a
freguesía contaba con 350 habitantes. No
ano 2018, a Asociación polo Desenvolvemento de Negueira (ADN) decidiu
rescatar máis de 20 adegas centenarias e poñelas en valor coa
celebración da I xornada da vendima de Negueira. O derradeiro habitante de sanformar foi o señor Evaristo.
SANTALLA: Núcelo de poboación da parroquia de
Barcela. Nome de
orixe grega, Sancta Eulalia, que en galego deu Olaia, Baia, Olalla... Significa "a ben falada". A santa, vítima de
diferentes tormentos (o potro ou ecúleo, entre outros), morreu crucificada no
século IV.
SARCEADA: Núcleo de poboación da parroquia de Río
de Porto. Da forma variante Soc(c)ius
(antropónimo) poden derivar o topónimo galego Souceda e os apelidos Sarceda
e Sarces, cuxa filiación, non moi clara, puidera derivar do nome celta Sarcio. Tamén do latín salicem, salgueiro. Nicando Ares di que podería derivar do latín *(Villa) Sarcinata, dun posesor de nome Sarcinatus, baseado no participio pasivo de sarcinare, remendar, cargar de equipaxe. A mediados do século XIX pertencía á freguesía de San Pedro de Ernes. No
mes de xuño de 1958, unha gran tormenta afectou gravemente ás videiras e
outros produtos de Entralgo e Sarceada, causando uns danos que
estimaron en 200.000 pesetas, cantidade moi elevada "sobre todo si tenemos en cuenta de que los labradores de dicha zona son los más pobres del término", remata a noticia de El Progreso.
SEIRA: Núcleo de poboación da parroquia de
Negueira. O nome, de orixe incerta, pode facer alusión a unha
cesta grande e sen asas, xeralmente feita de esparto, para conter a froita,
transportar terra, cascallos, etc., denunciando, polo tanto, un lugar de forma
cóncava. O lingüísta Moralejo Lasso no seu Toponimia gallega y leonesa (1977) opta por un gótico *sahrja. Tamén pode
ser unha variante de sieira ou sieiro,
frío seco, ou derivar do indoeuropeu *s-r-, auga. Para Caridad Arias é unha forma reducida de saleria ou salaria; o elemento sal- está presente en antropónimos de orixe celta. Tamén podería vir, segundo Nicandro Ares, dunha *(villa) Saria ou Serias, é dicir, a vila propia de Sarius ou Serius. O topónimo Seira xa está rexistrado en documentos do ano 1151.
SERRA DE CUIAS: A 940 metros de altitude sobre o nivel do mar. Unha serra, cordal montañoso de pouca extensión.
O segundo elemento pode derivar do prerromano *kor, rocha, monte, altura.
SERRA DE GALLARDO (Barcela-San Pedro de Ernes):
Gallardo, forma irlandesa *gal, e do
sufixo xermánico *hard, “valentía”. Hai quen defende a teoría dunha
orixe francesa gallard ou do latín gallus, gallicus,
"galo", en alusióna unha persoa valente. En Galicia tamén chaman así
ao boi ou á vaca que ten os cornos longos e cara arriba.
SERRA DE PENAS APAÑADAS: Supera os 1.000 metros de altitude
sobre o nivel do mar. Aquí houbo unha explotación mineira de ouro en época romana. O último elemento quizais sinale un lugar favorable, útil, axeitado para o uso a que se destina. Elixio Rivas (1988) di que se denomina apañada a unha ferida infectada. Para Constantino García González (1985) chámase apañado a unha extensión de monte desbrozado.
SERRA DE VILAR (San Pedro de Ernes): Para o composto, ver Vilar.
SESTO DO FORNO (San Pedro de Ernes): O composto deriva
do latín furnu. En principio, o forno é o espazo pechado dentro da
cociña onde se preparan os alimentos ou se coce o pan; tamén un dos máis de
trinta nomes polos que se coñecen as estruturas pétreas dos enterramentos
megalíticos.
O SESTÓN ou O XESTÓN (San Pedro de Ernes): Monte cunha altitude 600 metros sobre o nivel do mar. Sestón, en principio, semella derivar do
latín sextum, posible alusión á sesta
parte dun terreo. Hai veciños que din que o monte non se chama O Sestón, senón O Xestón que derivaría do latín genista, xesta.
SOUTO DO HÓRRIO (San Pedro de Ernes): O primeiro elemento vén do latín saltus, arboreda, bosque pedroso e con altibaixos no terreo. Terreo no que hai moitas árbores, sobre todo castiñeiros. Caridad Arias amosa as súas dúbidas canto a que o tóponimo se relacione sempre con lugares referidos ás características da paisaxe, de feito sinala a presenza de nomes persoais: Sottus, Suttus, Sotillus, Sotullianus (divindade prerromana), Suttunius, etc. A segunda parte do topónimo deriva do latín horreum, edificio no que se gardan os produtos do campo, sobre todo gran. Durante o Imperio Romano a palabra horreum empregábase para sinalar un lugar destinado a conservar cousas de calquera natureza. Hai autores que o fan derivar dun hórreo prerromano presente na toponimia e na hidronimia, e que tería o significado de silo para o gran.
SUREIRA (Marentes): Quizais derivado dun atropónimo prerromano Suriacus, Surus ou Surusis que na Idade Media deu o nome Suero; ou do árabe surar, planta colorante.
TALLOBRE: Núcleo de poboación da parroquia de Ouviaño. Talos ou Talo, segundo o autor romano Hesiquio, é unha divindade solar cretense que foi arroxado do ceo por un rival, e polo tanto quedou coxo a resultas da caída; traballa o ferro na súa fragua subterránea. En céltico talos equivale tamén a "fronte" que xunto coa "cara" son frecuentes nomes ou elementos de nomes do sol. Deriva deste nome o celta táil, machada. O composto, bre, aparece como sufixo, relacionado coa dinvindade prehistórica Bel, Vel, Bal... A forma sufixada -bre é frecuente nos hidrónimos e que provén do xenitivo bere, resultado da latinización do indoeuropeo *ver ou *ber, auga. En moitos caso pasa a -briga ou -brica confundíndose, segundo Caridad Arias, con briga, cidade, fortaleza. Mais temos aquí a partícula celta all-o, grande, o grande. Menéndez Pidal teorizou sobre un antigo *Talobriga. Moralejo Lasso comparou Tallobre co galego tallo, corte, e co nome persoal galo Talius.
TALLÓN (San Pedro de Ernes): Quizais do latín talea, rama, estaca, e latín vulgar taleare, cortar, tallar.
TESO BUÍDE (Marentes): Teso, latín tensus, de tendere,
estirar, extender; lugar alto no campo, monte alto e escarpado. O composto pode
referirse a un lugar puído, desgastado, alisado, ou quizais do antropónimo Boniatus ou Boninus que logo deu o apelido Bonín.
TESO DO ESPIÑEIRO (Barcela): Latín spinale, monte onde
medran arbustos espiñosos.
TESO VIÑAS (Marentes): Para o composto, ver As Viñas.
TOXAL (Barcela): Do prerromano toju, toxo, o arbusto espiñoso tan abundante en Galicia. O toxo tiña un gran valor na economía campesiña que se rozaba para estrume e cama para o gando; tamén para protexer os valados.
TRASMONTE (Negueira):
Latín trans illum monte, lugar situado detrás ou ao outro lado do monte. Mais esas, o cultismo trans- tamén pode proceder do xermánico thrasa, batalla, combate, como o antropónimo Transsamund, o que protexe a batalla, nome dun rei vándalo.
VAL DE ARMADELA (San Pedro de Ernes): O primeiro elemento deriva do latín vallis, chaira de terra entre montes ou alturas. Segundo Elixio Rivas, antigas trampas para cazar animais. Corominas derívao de arma. Mais non se pode desbotar que faga alusión a unha anta megalítica, por referencia ás armazóns pétreas destes enterramentos prehistóricos.
VAL DE BUSBEIRÓN (Barcela): Para o composto, ver Busbeirón.
VAL DE MADEIRO (Ouviaño): O composto vén de madeira, do latín materia.
VAL DE PENAS
APAÑADAS (Ouviaño): O segundo elemento vén do céltico penn e latín pinna, pedra
grande que sobresae no terreo. Para os galegos, a pedra é algo máis que o
mineral sólido que se atopa de xeito natural na superficie ou no interior da terra.
Pola contra, nas nosas penas latexa o misterio. Nas laxes graníticas os nosos
devanceiros insculpiron os inintelixíbeis petroglifos; xigantescas penas
abaladoiras desafían todas as leis do equilibrio; nas innumerábeis penas
do altar que inzan a nosa xeografía oficiábanse as prácticas relixiosas;
diante dunha pena as parellas de namorados anovan as súas promesas mentres que
outras sandan doenzas físicas e mentais... Para o último elemento, ver Serra de Penas Apañadas.
VALENTÍN (San Pedro de Ernes): Do nome propio de orixe latina Valentinus, ou diminutivo de valente, latín valens, entis, forte, robusto.
VALÍA DE COVAS (Negueira): A primeira parte é un diminutivo de val, latín vallis, chaira de terra entre montes e alturas; tamén pode vir do latín vallum, cerca, valado. Ou quizais da divindade solar celta Bel ou Bal que significa lume. Para o composto, ver Cova.
VALÍA GRANDE (Marentes): Ver Valía de Covas.
VALÍA DE OURAL (Ouviaño): A 1.044 metros de altitude sobre o nivel do
mar. O composto vén da base prerromana *or, monte, altura; tamén pode facer alusión
a un lugar onde abunda o ouro. Ou do indoeuropeo *or, *our, auga, río.
VALIÑA DA AIRA (San Pedro de Ernes): Segundo o Castastro de Ensenada do ano 1753, no lugar había un muíño fariñeiro. O primeiro elemento é un diminutivo de val, latín vallis. O composto vén do latín area, espazo de terra firme ou empedrada con laxes, próximo á casa, para mallar os cereais, secar os legumes e outros usos.
VEIGA DAS MOURAS (Negueira): A primeira parte do topónimo deriva do prerromano *baika, terreo sempre húmido, chan e fértil. Mais esas, o prerromano Barra ou Varra, nome dunha divindade logo coñecida como Venus, tamén pode estar presente no vocábulo veiga. Aínda que o composto pode vir da raíz *mor, pedra, tamén pode facer alusión á cor moura ou ao ser sobrenatural vencellado a tantas lendas. As nosas mouras e os nosos mouros nada teñen que ver cos moros (árabes) que invadiron a Península no século VIII; as mouras e os mouros de Galicia habitantes, de covas, mámoas e castros onde custodian grandes tesouros, veñen, segundo algúns autores de crenzas nacidas na Prehistoria.
VEIGAS (Marentes): Plural de veiga.
VILAGUDÍN: Núcleo de poboación da parroquia de Río de Porto. (Villa)
Guntini dun posesor medieval de orixe xermánica que atendía
polo nome de Guntinus. Aínda que non coñecemos testemuñas nas fontes diplomáticas dunha orientación agro-gandeira, o termo villa pode facer alusión a unha explotación altomedieval ou a unha aldea. A documentación medieval dos séculos IX e X xa fala de herdades na zona e no que a Igrexa sería fundamental para artellar o ordenamento social destes núcleos; o control exercido polo Cabido da Catedral de Oviedo amósannolo varios privilexios reais, entre outros cando o rei Fernando II lle concede no ano 1186 ao bispo Rodrigo o castelo de Burón. A mediados do século XIX pertencía á freguesía de San Pedro de Ernes. Malia o anterior, hai autores que din que Gudín pode estar identificado coa divindade xermánica Wodan ou Wotan que equivale a Odín, o deus da sabedoría, a guerra, a morte e a maxia. Na actualidade a aldea atópase abandonada.
VILAR: Núcleo de poboación da parroquia de San
Pedro de Ernes. Do latín villare,
pequeno núcleo de poboación co conxunto das súas terras. O vilar ou casal, de
menor rango cá vila, xurde a partires dos séculos XII e XIII por mor da
modificación na organización da produción agraria. Aquí naceu José Antonio Muñiz Álvarez no ano 1883.
VILARELLO (Barcela): diminutivo de vilar, do latín villare.
VILARMEOR: Núcleo de poboación da parroquia de
Ouviaño. Villare minor. Topónimo composto cuxa segunda parte, meor, é unha variante do
adxectivo menor, máis pequeno, máis novo, en contraposición a maior ou máis vello. Documentos do ano 1273 cita aos "frades meores". Malia o dito, Nicandro Ares fai notar que Minor tamén foi antropónimo, quizais o posuidor do vilar. Segundo nos contou un dos veciños, de noventa e tres anos, en Vilarmeor tiña casa o mestre de Ouviaño.
VILASECA: Núcleo de poboación pertencente á
parroquia de Negueira. Por vila, latín villa,
entendíase unha aldea ou grupo de casas dentro duns límites precisos con
edificacións para vivir e gardar as colleitas, animais e aparellos,
converténdose nun elemento básico dende o século X. O composto vén do latín siccam. Estariamos, pois, diante dun lugar que se secou ou que non ten humidade. No
ano 1704, o conde de Altamira inicia preito con Antonio Álvarez e
outros sobre reivindicación do lugar de Vilaseca, A Gamalleira e Barcela
"y otros muchos hasta el número de treinta y dos".
VILAUXÍN: Núcleo de poboación da parroquia de
Barcela. Por
vila, latín villa, entendíase unha
aldea ou grupo de casas dentro duns límites precisos con edificacións para
vivir e gardar as colleitas, animais e aparellos, converténdose nun elemento
básico dende o século X. O composto quizais provén de ustium, porta; o significado sería, entón, o de "entrada da vila". Mais tamén pode derivar do celta uxo, o elevado, que foi á vez un nome e logo antropónimo latino Usiano, nome documentado en Lugo no século X. Nicandro Ares Vázquez di que podería ser unha villa Augini, de Auginus.
AS VIÑAS (Barcela e Negueira): Latín vinea, terreo plantado de videiras. Os
primeios cultivos de viño dátanse ao redor do terceiro milenio a.C. no Oriente
Próximo, Sumeria e Exipto. O viño aparece na Biblia tras o Diluvio
Universal da man de Noé, e tamén no Gilgamesh sumerio. O viño chegou a
Grecia, vía Creta, onde mesmo lle adicaron un deus: Dionisio. Na Península
Ibérica parece que chegou da man dos fenicios proveniente de Italia. A súa
divulgación foi grazas aos romanos que pouco a pouco substituíu a outras
bebidas, en Galicia á cervexa dos habitantes dos castros segundo narran os
autores clásicos. En Roma tamén tivo un deus: Baco. Os vales de Negueira de Muñiz posúen as condicións bioclimáticas propias dunha ribeira do interior de Galicia; dende o ano 2011 celébrase a Feira do Viño, creada con fins comerciais. Segundo os Interrogatorios do Catastro de Ensenada celebrado na freguesía de Negueira o día 9 de maio de 1753 sembrábanse 80 ferrados de viñas.
XESTEIRA (San Pedro de Ernes): Lugar abundante en xestas, latín genista.