HISTORIAS, LENDAS E TRADICIÓNS DO CONCELLO DE NEGUEIRA

Ademais de relatos fantásticos e lendarios tecidos ao longo dos séculos, e dos ritos e tradicións, tamén achegamos episodios reais, moitas veces tráxicos, que forman parte da Historia de Negueira, unha Historia que aínda está por escribir.
 
Quen desexe enviarnos algunha historia, lenda ou tradición pode facelo ao correo que indicamos a continuación, agás manifestación en contra, citarase a fonte.
 
Falamos de: > A Cova dos Mouros, > A Pena dos Encantos, >O Castro e o Castriño, > O mal de ollo, > Para curar a úlcera, > Fórmula para curar os orizós, > Remedio contra a caída da paletilla e a espinilla, > A vasoira, > O Saludador, > A neve do cuco e a neve da rá, > O vagalume, > O Catastro de Ensenada, > A Guerra da Independencia, > As Guerras Carlistas, > Estanco, > Guerra de Cuba, > O servizo de Correos, > Reemprazo de 1902, > Ponte de Boadil, > Ponte de Marondo, > Ponte sobre o río Ibias, > Ponte colgante de Negueira, > Ponte da Barqueiría, Ponte de Río de Porto, > O gaiteiro de Ferreiría (Ibias), > O Ensino, > José Antonio Muñiz Álvarez, > El Caballero de París, > Festa en Cancio, > Temporal en Galicia. Destrución da ponte de Barcela, > Xunta dos alcaldes de Grandas de Salime e Negueira de Muñiz, > Fastoso recibimento a funcionarios de Obras Públicas, > Sucesos, > Casa do Concello, > A Pascua na ermida da Virxe da Veiga, > Vida social, > Necrolóxicas, > Feira en Barcela, > Casamentos, > Tradición romancística en Negueira de Muñiz, > As eleccións municipais de 1931, > O Estatuto de Autonomía de Galicia, > Protesta sindical, > Multa ao párroco de Ouviaño, > Pasamento, > Detido por desvalixar ao xastre, > Roubo de ferramentas, > Solidaridade con Asturias, > Declaración de labregos de Ouviaño, > Denuncia por disparar contra un veciño, > Guerra Civil e a ditadura, > Reinando Franco (artigo), > Construción do encoro de Salime e éxodo, > Comunicacións, > As corporacións municipais franquistas, > Fusión de Concellos, > Arranxo da estrada Lugo-A Fonsagrada, > Arriscada carta a Franco, > San Pedro de Ernes incomunicado, > A Comuna, > As eleccións municipais en Negueira de Muñiz, > Curiosidades colonialistas: unha asociación asturiana reclama catro concellos da provincia de Lugo para o Principado, > "Guera" de lindes territoriais, > Casa do Médico. Consultorio Médico de Negueira, > Oficina de Farmacia, > O viño, > Sobre a fauna do concello de Negueira de Muñiz, > O escudo de Negueia de Muñiz, > Festival do Alto Navia.



A COVA DOS MOUROS

Asociadas a mouros que custodian fabulosos tesouros, no concello están A Cova, en Ernes, e A Cova dos Mouros na parroquia de Ouviaño e en Vilauxín.

A PENA DOS ENCANTOS

Trátase dun enorme afloramento xistoso situado xunto a aldea de Vilarmeor, parroquia de Ouviaño. A única referencia que coñecemos é a da páxina do Concello de Negueira de Muñiz que a cita como un xacemento arqueolóxico cando non existe evidencia de que no lugar apareceran restos que o confirmen. Segundo nos contaron os veciños don José Marondo, de 93 anos, e don Hortensio, arredor da pena hai unha lenda dunha moura que adoitaba aparecerse xunto unha fonte que hai no lugar, encantando a todo aquel que dubidara do seu poder. Don José lembra que a principios dos anos trinta do pasado século XX uns homes baixaron con cordas pola pena para ver de atopar o tesouro que agocha. José Manuel Cuervo Uría dime que o seu pai, nacido e criado ao pé da pena, lémbrase dos "Señores de Oviedo" (catedrático Uría Ríu e algún axundante) que no 1954 estiveron recoñecendo o cumio da pena e zona da chaira.


O CASTRO E O CASTRIÑO

Dise que destes castros, situados en dúas pequenas penínsulas sobre o río Navia, partía un túnel que os comunicaba coa explotación aurífera de Pedras Apañadas.


O MAL DE OLLO

Lisón Tolosana, no seu Brujería, estrutura social y simbolismo en Galicia (1979), conta que a bruxa, na súa loita ritual contra a meiga, non só se vale da navalla; necesita tamén para as súas cerimonias salutíferas e preventivas pantalóns e camisas. Cando asumen que a envexa ten enferma a unha vaca ou que o mal de ollo é a causa do seu anormal comportamento, recórrese á buxaría, chámase a unha muller, a bruxa, que vén á casa e queima un pantalón de home nun caldeiro con cornos de carneiro ou cabra; antes de queimalo cruzan con el o lombo do animal. No concello de Negueira de Muñiz para quitar a meiguería e o mal de ollo dos animais, sacar as meigas da casa e para facer posibles curacións e adiviñas, pasaban os pantalóns por riba das vacas ou cabalarías con bruxedo.

O mesmo autor conta que en Negueira había unha anciá inválida dun brazo, de difícil convivencia, "mala como a peste, botaba maldicións, só tiña lingua útil" á que lle pagaban os seus veciños para que non lles botara o mal de ollo.
 
En Ouviaño, o mal de ollo é un mal vistazo dunha persoa que ten forte a vista.
 
Os de Barcela e Foxo, cando ían co gando á feira de San Antolín de Ibias, evitaban pasar por Marcellana porque había unha vella moi envexosa que aollaba o gando.
 

PARA CURAR A ÚLCERA
 
Jesús Rodríguez López, no seu Supersticiones de Galicia (1910), recolle nalgunha parte do antiguo Concello da Fonsagrada, das que formaban parte as actuais freguesías de Negueira de Muñiz, un remedio para curar a úlcera, a viruela e as lombrigas dos nenos, remedio case calcado que nos contaron en Ouviaño. Despois de botar nun prato de freixo nove cabezas de ortigas e nove areas de sal, fanse sobre o corpo do neno varias cruces e varios círculos ao mesmo tempo que se recita: "Sal de salgar, ortiga de ortigal,/vaite úlcera, pro teu lugar,/que nin crezas, nin avivezas,/nin fagas cousa que mal parezas./Polo poder de dios e da virxe María./Un Padrenuestro e un Avemaría".
 

FÓRMULA PARA CURAR OS ORIZÓS
 
Doenza benigna que afecta principalmente a nenos e xóvenes, que aparece na beira das pálpebras. Para curala, collíanse sete pallas, unha delas cun no, que se colocaban de forma triangular e prendíaselle lume. Logo poñíase a parte onde estaba o orizó sobre o fume mentres se recitaba: "Queimo a palla e o meu orizó".
 

REMEDIO CONTRA A CAÍDA DA PALETILLA E A ESPINILLA
 
A espiña dorsal ou "espinilla", chamada tamén espiña, trátase dun conxunto de vértebras dispostas en fileira e unidas entre si que forman o cixo do esqueleto e sosteñen o corpo humano. Co nome de "paletilla", tamén chamada paleta, é cada un dos ósos planos que articulan o brazo co ombro. Esta enfermidade consiste no dislocamento dalgún óso e caída das vísceras que provoca unha malformación que as xentes comprobaban do seguinte xeito: Deitábase á persoa no chan coas pernas estiradas e xuntas, tendo en conta que os pés estiveran xuntos tamén, e xuntábanse os brazos por detrás da cabeza. Se as palmas das mans ao xuntarse quedaban a distinto nivel é que se padecía esta enfermidade. Na parroquia de Negueira, en vez de coas mans medíase cos dedos polgares. Para curar existían unha serie de exercicios, como colgarse dunha porta coas mans sen que os pés tocaran o chan ou, como facían en Ouviaño, colocábanse unha serie de herbas baixo os calcaños durante sete días, ben suxeitas para que non se moveran.

A VASOIRA

Nalgunhas aldeas do concello de Negueira de Muñiz non se varría a cociña pola noite porque se temía que se botaban para fóra da casa o recollido, botaban tamén ás ánimas e con elas a boa sorte para os seus moradores.
 

O SALUDADOR
 
En Ouviaño chaman así ao sétimo fillo, varón, cando a nai tivo antes seis fillos seguidos. Asegúrase que o Saludador ten unha cruz no ceo da boca ou debaixo da lingua, e que a súa saliva ten virtudes curativas. Se nace en sábado ten a cualidade de curar as tercianas e cuartanas. Tamén posúen a virtude chamada Roda de Santa Catarina, por medio da cal curan co alento algunhas enfermidades. Cando os enfermos padecen do estómago, botan o alento sobre un anaco de pan e danllo a comer. A terciana e cuartana (malaria ou paludismo) é unha enfermidade infecciosa producida por un parásito e trasmitida por mosquitos. Recibe o nome de cuartana porque a quentura entra con frío de catro en catro días.
 
Fr. Martín Sarmiento (1695-1772) escribiu que o abade de Samos e o médico de Oseira lle enviaron unha planta para el descoñecida. Cando a viu comprobou que era a escurripa ou herba das tercianas (nome científico Gratiola officinalis L.), coñecida tamén como herba da fame, que curaba esta enfermidade si se tomaba en viño, si se cocía e se tomaba o caldo. 

A NEVE DO CUCO E A NEVE DA RÁ

A neve de primavera coñécese polos veciños como a "neve do cuco" xa que tras os primeiros cantos desta ave soen chegar días fríos, nos que deixa de cantar e mesmo pode nevar. Unha vez que soben as temperaturas, o cuco volve a cantar. Ademais, tras pasar a "neve do cuco", aínda queda a "neve da rá".
 

O VAGALUME
 
O vagalume (nome científico Lamprys noctiluca) é o insecto coleóptero de abdome luminoso que produce unha luz fosforescente, coñecido en Galicia por varios nomes. Fr. Martín Samiento (1695-1772), tras mencionar o nome en grego, latín, castelán (luciérnaga), francés e italiano, rexistra o galego locecú e o portugués cagafogo. Leandro Carré Alvarellos, no seu Diccionario galego-castelán (1926-1931) é un dos primeiros en recoller a expresión "Vella facendo papas", alusión a unha vella arrastrando un farol que prepara a cea ou se anica na cociña. Ademais da citada por Carré, no concello de Negueira escoitamos as denominacións Coco de luz, Coquiño da luz, Coco nené, Vella ceando e Vella facendo o caldo.


O CATASTRO DE ENSENADA

O Catastro de Ensenada é a máis antiga e completa enquisa sobre os pobos da Coroa a mediados do século XVIII. Estaba formado por 40 preguntas onde os representantes dos veciños das distintas freguesías respondían ao subdelegado gobernativo sobre a xurisdición de pertenza, extensión, tipos de terras e árbores, valor dos froitos, décimos, minas, muíños, gando, censo de poboación, cregos, conventos, casas, gastos, festas, fontes, trabucos, tabernas, tendas, pontes, feiras, hospitais, médicos, canteiros, etc.

Nos Interrogatorios, celebrados os días 9 e 10 de maio do ano 1753, só existen datos das freguesías de Negueira (escrito Nigueira) e de San Pedro de Ernes (escrito San Pedro de Hernes) das que dependían o resto das aldeas. Lembrar que daquelas non existía como tal o municipio de Negueira de Muñiz senón o de Burón.


A continuación achegamos algúns datos de interese. Así lemos como as terras pertencían ao conde de Altamira ao que os veciños lle pagaban os trabucos por razón de señorío, tanto en especie como en moeda (reás de vellón, moeda principal entre os séculos XVI e XIX), entre outros a froitosa, antigo dereito señorial que se aboaba ao señor en caso de falecemento do vasalo. Bustarvelle era couto particular, señorío de Tomás Quindós, veciño de O Trobo, en A Fonsagrada, e ao que os veciños non pagaban nada por dereito de señorío. A Igrexa recibía a súa parte en forma de décimos (o 10% dos froitos que se producían). Ao párroco, ademais, pagábaselle por razón de ofrendas o día do patrón da parroquia. Cada veciño casado, viúvo e viúva pagaban décimos por razón de voto ao deán do Cabido da catedral de Santiago e do Cabido da catedral de Oviedo, así como ao bispo desta última cidade. A superfice do territorio faise en leguas, medida de lonxitude, vixente dende época romana, que equivalía a pouco máis de cinco quilómetros e medio, e a medida utilizada era o ferrado de centeo que constaba de 26 varas castelás. En Negueira había 22 muíños fariñeiros, e 9 en San Pedro de Ernes. Canto ás colmeas que producían mel e cera, declaran 333 en Negueira e 179 en San Pedro de Ernes. Había árbores froiteiras, abundando os castiñeiros, maceiras e cerdeiras que, polo xeral, se plantaban "sen orde nin regra", tamén prados de regadío e de secano, hortas, terras de sembradura, centeo, millo, coles, verduras e viño, montes particulares e do común, terras labradías e de leña que sacaban das árbores que, segundo o seu tipo, necesitaban para seren produtivos dun determinado número de anos.


Cada freguesía contaba cunha taberna, a de Negueira a cargo do taberneiro Xoán Arias, e a de San Pedro de Ernes a cargo de Francisco Álvarez. En Negueira tiñan un estanco de tabaco rexentado por Antonio Robledo. Tamén fala de marcos divisorios, camiños con valados e montes sen produción ("inútiles"). Non había minas, salinas nin batáns. Canto á gandaría, os veciños responden que había, entre outros, vacas, bois, ovellas, cabras e porcos. Carecían de hospital, médico, boticario e escribán, mais si tiñan ferreiro e carpinterio. Non había propietarios de embarcacións nin barcas de río. Canto aos eclesiásticos, Negueira contaba con sete, e San Pedro de Ernes con dous. Na freguesía de Negueira había un pobre de solemnidade, e catro na de San Pedro de Ernes.
 
A GUERRA DA INDEPENDENCIA

O día 5 de xullo de 1810 o exército napoleónico rompeu a coñecida como "Liña do Navia". A Xunta de Defensa, que se atopaba en Vitos (Grandas de Salime) en reunión permanente dende o 15 de xuño, ten que trasladarse: "Se han recivido en este día varias noticias de que el enemigo havía roto la línea del Navia hasta asegurar que se havía estendido hasta el punto de la Trapa, y se acordó que la Junta se trasladase a Oviaño (Ouviaño) y desde allí a Cecos o donde más combiniese" (acta do 3 de xullo).


AS GUERRAS CARLISTAS

Algún autor cita a participación dalgúns veciños das freguesías de Negueira na primeira e na segunda Guerra Carlista (1833-1840 e 1846-1849). O triunfo dos liberáis non mudou substancialmente as condicións de vida dos seus habitantes, a baixa nobreza que substituira aos grandes propietarios feudais, encarnada pola fidalguía, continuaba a ser a beneficiada dos privilexios que lle proporcionaban os foros. Así, existe constancia de que a loita social a favor da redención foral foi unha constante entre os veciños ata a súa abolición no ano 1925.

 
 
 
ESTANCO
 
O Boletín Oficial da Provinca de Lugo do 8 de setembro de 1854 anuncia a apertura do prazo para solicitar o estanco de Ouviaño por quedar vacante a praza. 
 


GUERRA DE CUBA
 
En El Lucense do 9 de marzo de 1897 relaciona a varios soldados feridos e enfermos procedentes de Cuba que arrivaron ao porto da Coruña no vapor P. Satrústegui, entre eles Manuel López, de Ouviaño.


A prensa de setembro de 1989 achega a relación de combatentes repatriados procedentes de Cienfuegos que chegaron ao porto da Coruña despois da perda da colonia de Cuba. Figuran varios mozos das aldeas de Negueira.
 

O SERVIZO DE CORREOS

Segundo nos achega o Diccionario Madoz (1846-1850), a correspondencia para as freguesías que máis adiante formaron o concello de Negueira de Muñiz viña da Fonsagrada.

Nunha noticia recollida do xornal El País do 25 de abril de 1983, o carteiro nesa época era don Luis Río Barrero (antes fora alcalde durante nove anos) onde dicía que o encoro de Salime, ademáis de arruinar unha parte do municipio ao dividilo en dous sen ningún punto de contacto, obrigábao a utilizar unha barca para poder facer o reparto do correo e dar servizo ás catro aldeas habitadas ao outro lado do encoro. Arredor do ano 1982, don Luis mesmo tivo que custear do seu peto unha lancha a motor (custoulle 160.000 pesetas) para repartir a correspondencia, poñendo tamén do seu peto os cartos para combustible. O seu pai, tamén funcionario de Correos durante 52 anos, creara a cartería de Negueira de Muñiz. Todos os días, sobre as tres da tarde, sempre co seu fiel can Trosky, e por veces co seu fillo Luis, baixaba dous quilómetros dende a súa casa ata o encoro e comezaba na súa embarcación o reparto, augas arriba, ata as sete, percorrendo as aldeas de Vilar, Barcela, Vilauxín e Cancio (pola mañá repartía no resto do municipio). Remata don Luis que se non tivese a barca, seríalle imposible facer o reparto, e sen motor non o faría en menos de dez horas.
 
El Regional do 2 de febreiro de 1896 fala da supresión da cartería de Negueira que pasa a Río de Porto. En 1923, o carteiro desta localidade era don José Pereira Gómez que percibía unha retribución anual de 125 pesetas.

 


REEMPRAZO DE 1902
 
En El Regional do 9 de xullo de 1902, o Concello da Fonsagradda declarou prófugos a varios mozos das aldeas de Negueira por non presentarse para cumprir o servizo militar.
 
 

PONTE DE BOADIL
 
Ou da barca de Boadil ou Buadil. Sobre o río Navia, entre as parroquias de Marentes e Ouviaño. Ten a orixe a principios do século XX. Estaba formada por un só arco central e nove de apoio. Cando a construción do encoro de Salime foi necesario elevala, aproveitando a estrutura orixinal. Nalgúns sitios vemos escrito Boabdil (coma o nome do derradeiro rei de Granada) mais é Boadil, de boado, quizais proveniente do árabe ouadi, río. Segundo nos contou un home de Ouviaño, a zona xa se chamaba así antes da ponte, cando había un barqueiro que era o propietario dun terreo próximo coñecido como Boadil.
 



PONTE DE MARONDO

Na parroquia de Ouviaño, lindeira co concello de A Fonsagrada. Dun arco,  salva o río Navia. Segundo nos contou un veciño de Vilarmeor, entre os concellos de Negueira de Muñiz e A Fonsagrada houbo un preito polos límites municipais neste punto.
 


PONTE SOBRE O RÍO IBIAS
 
Despois de décadas pedindo unha ponte que comunicara as dúas beiras do río Navia, foi por fin inaugurada, tal como amosa un monolito que se ergue no lugar, o día 2 de setembro do ano 1989, sendo presidente da Xunta de Galicia Fernando González Laxe.
 



PONTE COLGANTE DE NEGUEIRA
 
Estaba suxeita por uns cables de aceiro a unhas columnas e tiña o piso de madeira; foi destruída por unha enchenta. Para salvar os cursos de auga tamén se utilizaban outros sistemas consistentes nunhas estruturas en forma de caixa suxeita por cordas en ambas dúas ourelas que se deslizaba ao tirar por elas. 
 
No blog, Embalse de Salime, pueblos y aldeas bajo el agua, cóntase que un home que decidira gatuñar polo cable da caixa que permitía atravesar o río de Porcos caeu á auga e afogou. Cando o meteron no cadaleito para soterralo no cemiterio de Ouviaño, atopáronse con que non cabía debido á súa elevada estatura; para encaixalo non tiveron máis remedio que rachar a táboa do fondo do ataúde e enterralo cos pés fóra.
 
Esta ponte daba servizo a Negueira, Barcela, Cancio, Foxo, Vilar, As Rozadas, Pieiga, Vilaseca e varios caseríos.
 
No ano 1958, o alcalde José María López Villar queixábase dos problemas para trasladar aos defuntos de Barcela, que despois da construción do encoro quedara sen igrexa nin cemiterio, ata o camposanto de Negueira que, ante a falta dunha ponte, tiña que facerse en barca. No ano 1956, debido á baixada das augas, a barca que trasladaba o corpo dunha veciña de Barcela quedou atascada no lodo.
 

PONTE DA BARQUEIRÍA
 
De "caixón", servía de paso para unha soa persoa. Estaba suxeita a unha cerdeira por un lado e a un sabugueiro polo outro. Cando a levou unha enchenta construíuse outra, tamén de "caixón", para catro persoas, sentadas dúas fronte ás outras dúas e tiraban do cable para pasar. Estaba suxeita a cada lado por tres grandes postes. Facía servizo a Sanformar, Entralgo, Seira, Sarceada, Barqueiría, San Pedro de Ernes e caseríos illados. (Información recollida da páxina floracantabrica.com).
 

PONTE DE RÍO DE PORTO
 
En El Lucense do 30 de abril de 1896, informa da publicación no Boletín Oficial da provincia dunha proposta para incluír nos presupostos a reconstrución da ponte de Río do Porto. 

O GAITEIRO DE FERREIRA (IBIAS)

Alcume do gaiteiro Clemente Díaz López, nado en Vilauxín o día 20 de xuño de 1920. O seu pai era natural de Calabreo e a súa nai de Trabada (Grandas de Salime). Cando aínda era novo a súa familia foise a vivir para o caserío de Ferreira, no concello asturiano de Ibias, limítrofe con Negueira de Muñiz. No ano 2009, na súa 5ª edición, a Asociación Cultural San Tirso del Eo acordou concederlle o "Galardón Terra Viva 2009". A Clemente débeselle a Muiñeira de Ibias. A súa primeira gaita mercouna no ano 1937 por catro pesetas.

O ENSINO

O colexio de Negueira pechou no ano 2012, dende entón os poucos estudantes do municipio repartíronse entre A Fonsagrada e San Antolín de Ibias (Asturias). Pero grazas ao aumento da natalidade nas parroquias de Barcela e Ernes volveu abrir sete anos despois coa presenza de sete nenas e nenos (2 de infantil, 2 de primeiro de primaria, 1 de segundo, 1 de terceiro, e 1 de cuarto). Ao fronte a mestra Montse López.
 
 
Por Real Orden do 10 de agosto de 1858 sácase a concurso a provisión das prazas de mestres de primeira ensinanza para as escolar de Barcela, Ernes, Negueira e Ouviaño.
 
Dende o último terzo do século XIX, en El Magisterio Gallego e na Gaceta de Instrucción Pública y Bellas Artes recóllese a creación de prazas de mestras e mestres coa dotación anual correspondente. Así sabemos, por exemplo, que no ano 1908 os mestres tiñan un soldo anual de 625 pesetas, 125 máis que no ano 1911 que era de 500. Neste ano, o mestre de Negueira era Pedro Alejandrino Giménez Martínez.
 
 
A finais dos anos trinta funcionaban as escolas de Barcela, Calabreo, Ernes, A Gamalleira, Negueira, Ouviaño, Río de Porto, Santalla, Vilar e Vilaseca. No 1958 xa había 11, e os veciños reclamaban outra para Bustelo de Murias. Do blog Embalse de Salime, pueblos y aldeas bajo el agua recollemos que nunha casa que aínda se conserva utilizábase a parte de arriba como escola e a de abaixo para baile.

 


JOSÉ ANTONIO MUÑIZ ÁLVAREZ

José Antonio Muñiz Álvarez naceu na aldea de Vilar de Ernes o día 18 de agosto de 1883. Segundo consta no Rexistro Civil de A Fonsagrada, foi bautizado ao día seguinte de nacer e os seus país eran Juan Muñiz López e Manuela Álvarez Rodríguez. Comezou os seus estudos na escola da zona onde os mestres axiña se decataron da súa intelixencia, avivado e con facilidade de palabra; gran lector, sentía especial afección pola literatura, a poesía e a filosofía, principalmente pola obra do filósofo e teólogo catalán Jaime Balmes.


Sendo mozo, como lle aconteceu a milleiros de galegos, tivo que emigrar, primeiro a Cuba e despois a Francia, voltando para a súa aldea cando xa cumprira os corenta anos. Durante o tempo de estadía no estranxeiro adquirira unha gran cultura e coñecera novas formas de traballar a terra. Cos cartos que conseguira reunir na emigración, adicouse entón a mellorar as condicións de vidas dos seus paisanos. Entre 1923 e 1925 conseguiu agrupar aos veciños das freguesías de Negueira en sociedades agrarias a xeito de cooperativas, impulsando ao mesmo tempo a cultura, instando aos pais a que os seus fillos estudaran. Así logra crear varias escolas, algúns din que doce, outros menos; o certo é que foi o grande impulsador da escolarización dos nenos e das nenas do val de Negueira. Tal era a súa teima polo desenvolvemento da zona que do seu peto pagou boa parte dunha humilde pero eficaz estrada que dende A Fonsagrada ía a Negueira de Muñiz.

Mais a súa meta principal era outra: acadar, coa axuda dos veciños, a segregación administrativa das freguesías de Barcela, Ernes, Marentes, Negueira, Ouviaño e Río de Porto e converterse en Concello de seu, feito que aconteceu o día 22 de xullo de 1928 pasando a denominarse Concello Constitucional de Negueira. Un ano antes, o Boletín Oficial da provincia, tal como recolle unha noticia publicada en La Provincia o día 20 de maio de 1927, instábase a aprobar o expediente presentado pola "Entidad Menor formada polas parroquias de Negueira, Río de Porto, Ouviaño, Ernes, Barcela y Marentes" para independizarse da Fonsagrada. 
 
 

O día 22 de novembro de 1929, por real orde, concédeselle o cambio de nome polo de Negueira de Muñiz para, ademais de evitar confusións con outros municipios de nome semellante, honrar ao seu propulsor. A primeira xestora municipal estivo presidida polo propio José Antonio Muñiz, o cal nunca chegou a ser alcalde.

Polas súas ideas republicanas e anticaciquiles, a principios da Guerra Civil foi apreixado, condenado e encarcerado na cadea de Lugo, séndolle confiscadas todas as súas propiedades, entre elas a súa casa de Vilar de Ernes, un edificio en Lugo capital e outros pequenos negocios.
 


Unha vez rematada a guerra queda en liberdade. Mais os malos tratos e abusos aos que foi sometido na cadea afectárano psicoloxicamente. Atrás quedaran os tempos en que os seus veciños o seguían e ao que case consideraban un heroe. O día 5 de xullo de 1944 casa con Estrella Méndez Campa, natural de San Salvador, no concello asturiano de Pola de Allande. A voda celébrase na igrexa parroquial de Negueira, el tiña 61 anos e a noiva non cumprira os 18. A parella fixa a súa residencia en Lugo. É na capital onde nacen os seus tres fillos, Eva, Estrella e Antonio Muñiz Álvarez.

Don José Antonio Muñiz finou en Lugo o día 3 de xaneiro de 1956, celebrándose ao día seguinte a misa de funeral na igrexa parroquial de Santiago A Nova. O seu cadáver foi soterrado no cemiterio vello de San Froilán nunha foxa de terra.

José Antonio Muñiz foi fillo único. Segundo a súa dona, era moi alegre, grande emprendedor, de boas maneiras e, ante todo, unha persoa que se desvivía polos demais, sen pidir nada a cambio.

Mais a denominación do concello non apraceu a todos por igual. O día 30 de abril de 1929 no xornal El Orzán da Coruña, Antonio de Cora asinaba un artigo titulado Buscando un apellido onde amosaba a súa discrepancia co novo nome do municipio, propoñendo, entre outros, o de Negueira de Navia ou Ernes.


No ano 1926, no xornal El Regional de A Coruña aparece unha notica en que Antonio Muñiz, como presidente da entidade local menor de Negueira, presenta un recurso ante o tribunal do Contencioso-Administrativo de Lugo contra un acordo do concello de A Fonsagrada onde se desestimou a pretensión de que Negueira se constituíra en concello propio.
EL CABALLERO DE PARÍS

El Caballero de París era unha persoa que gustaba de ruar, ben coñecida en La Habana a mediados do século pasado. Era de estatura media, tiña o pelo desaliñado, castaño escuro, con algunhas canas e locía barba. Sempre vestía de negro, cunha capa tamén negra, mesmo no calor do verán. Era un home xentil que podía aparecer en calquera lugar no momento máis inesperado. Paseaba polas rúas e viaxaba nas guaguas (autobuses) de toda La Habana, saudando a todo o mundo e discutindo a filosofía da súa vida, a relixión, a política... Era un falangueiro educado, endexamais pidía esmola nin dicía malas palabras. Todos, tanto adultos coma nenos, falábanlle con moito respecto.

O nome verdadeiro de El Caballero de París era José María López Lledín. Naceu o día 30 de decembro de 1899 na aldea de Vilaseca (Negueira de Muñiz). O seu pai foi Manuel López Rodríguez, natural da mesma aldea, e a súa nai Josefa Lledín Méndez, nada en Negueira. Os seus proxenitores tiñan unha pequena casa con viñedos onde producían viño e augardente. Foi bautizado na parroquia do Salvador de Negueira. Comezou a súa educación primaria aos sete anos e chegou a completar a metade da educación secundaria. Uns din que foi o cuarto de oito irmáns, outros que houbo once fillos na familia, dos cales dous morreran, e sete emigraron a Cuba.

Segundo Inocencia, a súa irmá, José namorou de Merceditas, filla dun médico da Fonsagrada. Ela morreu xoven e José xurou que endexamais casaría, promesa que cumpriu.

De acordo co documento de entrada (Arquivo Nacional, Rexistro de Entrada de pasaxeiros no 1913), José María López Lledín chegou a La Habana o 10 de decembro de 1913 a bordo do vapor alemán Chemnitz. Alí reuniuse cun seu tío e coa súa irmá Inocencia. Por un breve período de tempo, José traballou na adega doutro galego, como encargado nunha tenda de flores, como xastre, nunha tenda de libros e nunha oficina de avogados. Estudou para procurar mellor emprego, que logrou.


Aínda que non casou de novo,
El Caballero confesou que tiña un fillo e unha filla dunha muller que era secretaria dunha compañía azucareira.

Cóntase que José perdeu a razón e converteuse en El Caballero de París cando foi arrestado e encarcerado no Castillo del Príncipe en La Habana por un crime que non cometera. O que aínda non foi determinado é cal foi o crime do que foi acusado (asasinato, roubo...) e o tempo que permaneceu na cadea. Dise que durante a súa estadía no cárcere aprendeu a arte de facer plumas de escribir con plumas das aves. Algúns afirman que facía discursos onde se presentaba como papa, rei ou cabaleiro. Outra hipótese sobre a causa da perda do siso dise que foi provocada pola morte da súa compañeira e dos seus fillos no naufraxio do barco Valbanera que ía rumbo a Santiago de Cuba. Outros afirman que El Caballero mantiña correspondencia cunha noiva en París e cando ela decidira reunirse con el, o barco que a traía cara La Habana afundíuse traxicamente ocasionándolle a morte.

Cando comezou a deambular polas rúas de La Habana, a súa familia reuniuse para ver o que se podía facer para axudalo. Decidiron que o mellor era que voltara para a aldea natal e vivir cos seus pais. Cando se enterou, El Caballero alporizouse de tal xeito que dixo que se o embarcaban cara España, suicidaríase tirándose ao mar. A familia desistiu o que provocou o distanciamento con José.

Pouco se sabe sobre a orixe do alcume de El Caballero de París. Unha vez relatou que o tomara dunha novela francesa, outra dixo que a xente encomezou a alcumalo dese xeito na beirarúa do Louvre, na do Prado e mesmo en Inglaterra onde estivera traballando. Dicía que La Habana era “moi parisién” e que el era mosqueteiro, corsario e cabaleiro de Lagardiere. Outros contan que tomou o nome cando traballou no restaurante París e cando un día regresou dicindo que era un cabaleiro e rei, os clientes encomezaro a referirse a el como El Caballero de París. Non falla quen asegura que foi debido ao estilo francés da súa vestimenta, ou que foi o semanario de humor ZigZag o que lle deu o alcume. Mais segundo os que investigaron a súa vida, tomouno dunha película de cine francesa cuxo protagonista era un verdugo que dende os días da Revolución Francesa tomou o nome eufemístico de Monsieur de París.

Hai moitas anécdotas protagonizadas por El Caballero. Unha delas aconteceu cando con outros coñecidos persoeiros foron invitados a un popular programa de televisión para servir de xuíces dun concurso en directo chamado Escuela de Televisión. Ao rematar, o dono da canle quixo regalarlle unha cantidade de diñeiro ao que El Caballero lle respondeu: “Nin os meus sentementos nin a miña alcurnia me permiten aceptar eses cartos, cédollos ao Bigote de Gato (outro dos invintados) para unha festa que vai a dar no seu establecemento”. O empresario respondeulle: “Entón, por que non llo dá á Casa de Beneficencia?”. Ao que José María contestou: “Vale, está ben, imos doalos... mais, que fan os ricos e o goberno que son os que deben de atender á Beneficencia? Isto así é unha esmola e non está ben que os nenos da beneficencia teñan que recibir esmolas”.

Segundo un libro escrito polo doutor Calzadilla (o derradeiro psiquiatra que atendeu a El Caballero), ao comezo do seu deambular polas rúas de La Habana, mantíñase aseado e ben vestido. O libro relata que unha dama, secretaria do xefe dunha compañía azucareira, educada en Francia, levouno a vivir no seu luxoso apartamento, bañouno, perfumouno e vestíuno con camisas de seda. Levouno ao teatro e ao cine ata que a foto de ambos os dous saíu publicada nun xornal, cando entón o seu xefe esixiulle que remataran as relacións se quería manter o seu traballo. Ela así o fixo.


Ao parecer,
El Caballero nunca viaxou fóra dos límites de La Habana despois de comezar a súa enfermidade mental, mais lembraba perfectamente a súa aldea de Vilaseca. Foi arrestado en varias ocasións e nunha das veces, ao menos, cortáronlle o pelo ao cero, mais a reacción do público fixo que o puxeran en liberdade. No 1941 foi internado no Hospital Mental de Mazorra, mais soltárono inmediatamente por orde presidencial.

Nos seus últimos anos pasaba moitos ratos na esquina dunha rúa onde había varios establecementos de pizza que lle daban de comer gratis.

Despois de seren derrocado o ditador Batista, os irmáns e as irmás de El Caballero saíron de Cuba, quedando el só no país. En decembro do 1977 foi internado nun hospital psiquiátrico en Cuba como acto humanitario. A razón non foi que ameazara a ninguén, senón o seu estado físico e mental. Morreu o día 11 de xullo de 1985 e foi enterrado no cemiterio de Santiago de las Vegas, en La Habana. Segundo un artigo da axencia France Press, os seus restos foron exhumados por Eusebio Leal, historiador da cidade, e transferidos ao convento de San Francisco de Asís (hoxe en día sala de concertos e museo).

El Caballero de París inspirou a artistas, escritores, directores de cine e unha biografía escrita polo seu médico. Na beirarúa situada fronte ao lugar onde repousan os seus restos hai unha estatua de bronce, de tamaño natural, que o representa como un camiñante.

(Este artigo, resumido e traducido ao galego, foi extraído da páxina CubaGenweb)

FESTA EN CANCIO

O Correo de Galicia do día 15 de novembro de 1929 informa dunha festa en Cancio, na casa de José Méndez Campo, onde os asistentes foron obsequiados con "esplendidez" polos donos da casa, sendo moi felicitadas dona Florentina Campo e dona Carmen Álvarez "las que colmaron de atenciones a sus amistades". A festa rematou, conclúe a noticia, cun baile animadísimo.
 
 
TEMPORAL EN GALICIA. DESTRUCIÓN DA PONTE DE BARCELA

Por causa dun forte temporal de choivas acontecido no mes de decembro de 1929, a prensa faise eco da incomunicación de máis de 1.000 habitantes do concello de Negueira de Muñiz. O río Navia desbordouse, alcanzando as augas unha altura sobre a súa base de 16 metros; moitos foron os danos ocasionados, contándose como o máis importante a destrución da ponte de Barcela construída no ano 1920 grazas a Antonio Muñiz e co apoio do deputado galego Manuel Portela Valladares. A ponte era de pedra e de madeira e tiña unha lonxitude de 65 metros. Debido ao mesmo temporal, tamén foi destruída a ponte de madeira de San Antolín de Ibias.
 
 

No mes de xuño de 1932, os enxeñeiros xefes de Vías e Obras provinciais, Juan Bautista Varela e Salvador Pernas Soto, acompañados polo deputado José Rodríguez Ferreiros, inspeccionaron as obras da nova ponte de Barcela. Foron recibidos, entre outros, por Antonio Muñiz Álvarez e polo alcalde  Manuel Cancio Barcia.
 
 
Pero xa despois da construción do encoro, en El Progreso do día 26 de marzo de 1967, cítanse as promesas incumpridas para construír esta infraestrutura indispensable para comunicar as dúas beiras do río.
 

XUNTA DOS ALCADES DE GRANDAS DE SALIME E DE NEGUEIRA DE MUÑIZ

O Correo de Galicia do día 15 de novembro de 1929 fala de que as autoridades do concello asturiano de Grandas de Salime e do concello galego de Negueira de Muñiz reuníronse no Acevo para cambiar impresións e promover unha campaña para demandar ao goberno a construción da estrada de Cangas de Narcea a empalmar coa de Vegadeo ou Ouviaño, estrada de suma importancia pois atravesa "unha zona rica en gandaría, viños, froitos e grans, abundante en madeiras, xacementos de mineral e augas medicinais, riquezas que non se poden exportar pola falla de vías de comunicación".
 

FASTOSO RECIBIMENTO A FUNCIONARIOS DE OBRAS PÚBLICAS

O xornal El Regional de A Coruña do día 26 de decembro de 1930 recolle a visita ao municipio do enxeñeiro de Obras Públicas de Lugo Enrique Gómez Giménez e o sobrestante Francisco Ramos, quen se trasladaron ata o concello co obxecto de recoñecer o terreo por onde ía a discorrer o trazado da estrada Veiga de Ribadeo a Ouviaño. Foron recibidos polo alcalde José Pérez Murias, o secretario Jaime López Veiga, polo xuíz municipal Enrique Valle Armesto, polos párrocos de Ernes e Negueira Vicente López Villar e Manuel Díaz García, e polo presidente da Federación de Sindicatos Agrícolas do distrito da Fonsagrada Antonio Muñiz Álvarez. Á entrada da vila foron saudados polo presidente da Unión Sindical Agraria Manuel Graña Lledín e por unha representación do comercio da que formaban parte Manuel López, Luis Rodríguez Junquera e José Llano.

Continúa a información que "Dichos señores funcionarios han sido aclamados por el vecindario de los pueblos de todo el trayecto y en su honor se dispararon gran cantidad de cohetes".

Por todas as forzas vivas do muncipio cursáronse telegramas e comunicacións de "gratitud al Ministerio de Fomento y al jefe de Obras Públicas de Lugo, don Feliciano Navarro, por el laudable celo con que se alienta a estas grandes necesidades de dotar de vías de comunicación a toda la provincia".

SUCESOS

O Boletín Oficial da Provincia de Lugo de febreiro de 1854, insire unha providencia do xulgado de Lugo para que compareza unha veciña de Brañela, na parroquia de Ouviaño, acusada de roubar varias prendas de roupa a un home de Piquín.


El Regional do 11 de febreiro de 1894 informa de disparos efectuados durante a feira por dous homes de Ernes en Río de Porto.
 
 
En La Idea Moderna do 21 de xaneiro de 1898, o Goberno Civil interesa das autoriddes da provincia "la busca del joven fugado de Madrid Enrique Llano, de 14 años, natural de Seira, parroquia de Negueira, en cuya localidad presumen sus padres que puede hallarse".
 
 

La Correspondencia Gallega do 11 de agosto de 1909 fala do ingreso no cárcere da Fonsagrada de Pascasio Marcos Álvarez, de 68 anos, natural de Ouviaño, por lesións causadas ao seu fillo Manuel.
 
Segundo noticia aparecida no Heraldo de Galicia do 12 de agosto de 1923, o veciño de Ouviaño Constantino Fernández Lastra, despois dunha discusión, "le asestó varios golpes en la cabeza con un machete de grandes dimensiones al conveino José Abal Travadelo".
 
El Correo de Galicia do 15 de setembro de 1929 recolle o rouba dunha égua.
 
 
Unha noticia publicada no xornal El Correo Gallego o 21 de outubro de 1930, e por La Libertad do día 23, recollen a caída dunha veciña do concello dende unha árbore. A moza, Herminia Álvarez Nogueira, morreu a causa dunha fractura no cranio.
 
O día 3 de novembro de 1931, a prensa galega recolle que o mozo Miguel Méndez Regueira, de 21 anos e veciño de Vilar de Ernes, foi arrastrado pola corrente do río Navia cando se bañaba na compaña doutros amigos. O xove somerxeu nun pozo de oito metros de profundidade. Trasladado ao lugar o xuíz municipal, leváronse a cabo as tarefas para rescatar o cadáver, operación que levou, pola súa dificultade, todo un día.

CASA DO CONCELLO

O día 1 de maio de 1930 El Pueblo Gallego recolle que o alcalde de Negueira de Muñiz, José Pérez Murias, anunciou o nomeamento dunha comisión encargada de organizar os traballos relativos á construción da nova Casa do Concello. Ata a súa inauguración estaba na mesma praza, onde Correos.



A PASCUA NA ERMIDA DA VIRXE DA VEIGA
 
No mesmo número de El Pueblo Gallego fálase da solemnidade coa que se celebrou a Pascua na ermida da Virxe da Veiga, onde non faltou o xantar ao aire libre e o baile. Di o xornal que a festa rematou sen incidentes.
 


VIDA SOCIAL
 
El Correo Gallego do 21 de outubro de 1930 fala do regreso a Negueira de Muñiz, procedentes de Puerto Rico, de Benjamín Cancio e a súa "bella" esposa María, á súa casa de Vilaseca. O mesmo xornal dá conta da visita do industrial de Xixón José Valle Armesto que, na súa casa de Vilaseca, obsequiou cunha festa aos amigos. 
 
El Pueblo Gallego dá a noticia de que na primavera de 1931, dende Buenos Aires regresaron á vila de Negueira Manuel Villar e a súa "bella" esposa Rosalía Rodeiro para pasar unha temporada.
 
A Vanguardia Gallega do 26 de novembro de 1931 dá conta da voda na igrexa de San Froilán de Lugo, entre Consuelo Lastra Cancio, de Ouviaño, e Camilo López Aguiar, de Meira. 



NECROLÓXICAS
 
A finais do mes de abril de 1930 faleceu en Barcela Rosalía, esposa de Manuel Barcia, e en Ernes Manuel Muñiz. O curioso da noticia de El Pueblo Gallego é que no primeiro caso non achega os apelidos da finada.

O mesmo xornal, do 21 de outubro de 1930, tamén recolle a morte de don Benigno Monteserín Linera, da aldea de Seira, que foi enterrado no cemiterio de Santa María.

FEIRA EN BARCELA

El Correo Gallego do 21 de outubro de 1930 recolle a moi concorrida feira anual de Barcela onde houbo moitas transacións e vendas en xeral de produtos do país.
 
El Pueblo Gallego do día 25 de outubro de 1931 fala da feira de Barcela e da festa do Rosario que, salienta, resultaron máis concorridas que en anos anteriores.

 
CASAMENTOS

El Pueblo Gallego do 22 de novembro de 1930 dá conta do casamento entre Dorinda Cancio Ibias, filla do ex alcalde de Negueira de Muñiz, e Manuel Nogueiro, de Santalla. Casounos o cura de Ouviaño, José María López Álvarez, e foron os padriños María Luz Cancio, irmá da noiva, e José María Braña Díaz. Os invitados foron obsequiados cun "lunch". Os noivos saíron cara Madrid en lúa de mel.

O día 7 de xaneiro de 1931, o mesmo xornal anuncia a voda entre Mercedes Álvarez Álvarez, filla de José Antonio Álvarez e Rolindes Álvarez, co "acaudalado" veciño de Vilaseca Manuel Ferreiro Cachán. Casounos o párroco Manuel Díaz García e actuaron como padriños Consuelo Álvarez, irmá da noiva, e Jesús Ferreiro Cachán. Como delegado xuíz asistiu o secretario do Concello Jaime López Veiga, e como testemuñas o médico Manuel Álvarez, o xuíz de Ibias José Ramón Álvarez, o mestre de Vilaseca Victor de Pedro Herranz e Benjamín Cancio.

TRADICIÓN ROMANCÍSTICA EN NEGUEIRA DE MUÑIZ

O lingüista Aníbal Otero Álvarez (1911-1974) recolleu varios romances épico-literarios nas poboacións do municipio, entre outras Negueira, Pieiga e Vilaseca.

Romance da penitencia do rei Rodrigo

El alma romera libera a su marido
El castillo de la Virgen
El Conde Niño
Revelación de la simple de la huerta
Romance da Penitencia do rei Rodrigo
Romance de Amnón e Tamar

Recollido de A tradición romanticística galega: a figura de Aníbal Otero, de Armando Requeixo. A informante foi a veciña de Negueira Antonia Martínez no ano 1931.

Por el valle de las estacas va Rodrigo al mediodía, relumbrando van sus armas como el sol de mediodía.
Encontró c´un ermitaño que vida santa hacía.
-Ay triste de mi afligido, que esa fue desdicha mía, que he esposado una hermana y dos primas que tenía.
-Confiésalo ay penitente, confiésalo vida mía y según sean los pecados la penitencia sería. Lo echara en una cueva donde non ve nin sol nin día, donde canta la culebra la serpiente respondía.
Ermitaño como es bueno iba verlo cada día.
-¿Como vai, ay penitente, como vai coa compañía?
-La compañía vaime ben, mejor que´o lo merecía que del medio para riba lago me encomenzaría.
Campanas de cielo y tierra elas de seu se abanguían.
Unos dicen quien sería, otros dicen quien será.
El alma de don Rodrigo que pa el cielo subía. Dos mil ángeles llevaba, lo llevan de compañía, tambien iba San José y amor de Santa María.

AS ELECCIÓNS MUNICIPAIS DE 1931

A prensa do día 10 de febreiro de 1931 recolle a grande animación ante as próximas eleccións municipais onde se espera o triunfo da republicana Unión Sindical Agraria.

Ao día seguinte das Eleccións Municipais en todo o estado español, os xornais falan da vitoria aplastante da candidatura de esquerdas da Unión Sindical Agraria en Negueira de Muñiz, formada por José Pérez Muros, Manuel Cancio Barcia, José Escanlar López, Manuel López Álvarez, Manuel Río Marcos, Antonio Nogueiro Monteserín, Ramón Fresno Blanco, Antonio Graña Lledín e Antonio Lledín Méndez. Os electores da esquerda agraria, coma no resto do estado, celebraron a vitoria das candidaturas republicanas con gran xúbilo e amenizando o acontecemento cunha marcha de gaiteiros do país, disparándose gran cantidade de bombas. A continuación izouse a bandeira republicana sendo saudada con vivas de entusiasmo que remataban coa monarquía española e co caciquismo.
 
 
O ESTATUTO DE AUTONOMÍA DE GALICIA

El Pueblo Gallego do día 4 de xuño de 1931, anunciaba a saída para A Coruña de Antonio Muñiz Álvarez, co obxecto de intervir na asamblea convocada pola Federación Republicana Galega para debater sobre a aprobación do Estatuto de Autonomía para Galicia.

Segundo noticia aparecida no xornal de Madrid Luz, o día 17 de xaneiro de 1933, Negueira de Muñiz foi un dos 214 concellos galegos (daquelas había 319) que aprobaron o Estatuto. Logo foi aprobado maioritariamente en referendo o 28 de xuño de 1936, mais non se puído poñer en práctica polo golpe de estado que embocou na Guerra Civil e a cruenta ditadura do xeneral Franco.
 

PROTESTA SINDICAL

No mes de agosto de 1931, a Unión Sindical Agraria de Negueira acordou pedir ao goberno a abolición total dos foros que excederan de cen anos e rendas atrasadas polos mesmos, tamén reclamar o libre cultivo de tabaco e a extracción de augardente da uva polos labregos, así como a redución do tempo do servizo militar.
 
MULTA AO PÁRROCO DE OUVIAÑO

Segundo noticia de El Pueblo Gallego do 2 de xullo de 1932, o Gobernador Civil da provincia de Lugo anunciou a imposición dunha multa de 300 pesetas ao cura de Ouviaño por verquer calumnias, entre os seus fregueses, contra os ministros da República. A denuncia contra o párroco foi feita polo alcalde.
 

PASAMENTO

No mes de agosto de 1933 faleceu don José Pérez Murias, natural de Vilaseca, que fora alcalde e xuíz municipal do concello de Negueira de Muñiz.

DETIDO POR DESVALIXAR AO XASTRE

No mes de setembro de 1933, Dositeo Méndez López foi acusado polo xastre de Negueira de Muñiz, Daniel Rodríguez Pérez, do roubo dunha prancha, unha tesoira, cinco regras de corte, dúas chaquetas, dous metros de tea e 100 pesetas na xastrería que rexentaba.

ROUBO DE FERRAMENTAS

O xornal El Pueblo Gallego do día 15 de xaneiro de 1934 fala do roubo de ferramentas nas obras da ponte sobre o río Navia ao seu paso polo concello de Negueira de Muñiz, valoradas en 400 pesetas. Ao teren coñecemento do feito, a Garda Civil de A Fonsagrada persoouse no lugar para facer as correspondentes indagacións sen que tiveran resultado.

SOLIDARIDADE CON ASTURIAS

El Correo Gallego do día 22 de febreiro de 1935 recolle a suscrición efectuada polos Concellos de Galicia, ente outros moitos o de Negueira de Muñiz, para auxiliar aos orfos vítimas da represión contra os obreiros asturianos durante a Revolución de Asturias de 1934, represión  a cuxa fronte o goberno radical-cedista de Lerroux puxo ao xeneral Franco. A Xunta Provincial de Protección de Menores de Lugo anunciou o envío da recadación efectuada.
 
 
DECLARACIÓN DOS LABREGOS DE OUVIAÑO

No mes de febreiro de 1936 o Sindicato Agrícola de Labregos de Ouviaño acordou por unanimidade dos seus membros defender a candidatura de centro-esquerda encabezada por Manuel Becerra Fernández.
 
DENUNCIA POR DISPARAR CONTRA UN VECIÑO

No mes de marzo de 1936 José López Rodríguez, de Ernes, denunciou ao seu veciño Enrique Cadenas López acusándoo de lle efectuar varios disparos cunha pistola sen chegar a ferilo. O agresor foi detido e posto a disposición do Xulgado de A Fonsagrada. Ao parecer, a enemistade entre ambos os dous homes viña de vello.


A GUERRA CIVIL E A DITADURA

Pouco sabemos da participación dos veciños do concello de Negueira de Muñiz na Guerra Civil (1936-1939) e na represión.
 
Ademais do encarceramento de José Antonio Muñiz Álvarez entre 1936 e 1942 pola súa ideoloxía democrática e republicana, coñécese o asasinato polos fascistas de Antonio Álvarez González, de 45 anos, labrego, natural de Suarna (A Fonsagrada) que foi executado o día 5 de outubro de 1936 preto da aldea de Pena da Nogueira, na parroquia de Marentes; entre os falanxistas que participaron no crime atopábase José Bargueiras, da Pastoriza, que participou activamente na represión da resistencia na fronteira lucense-asturiana, que mesmo non tivo empacho en roubarlle o reloxo ao morto.
 

Dous meses antes, en agosto, un veciño denuncia ao carteiro, que facía o servizo de Negueira a Ernes, Benigno López Mesa, por estar "afiliado a partidos de izquierda republicana y comunista... desafecto al glorioso Movimiento Nacional Salvador de España", abríndoselle expediente de depuración de funcionarios adscritos ao servizo de Correos. O alcalde presidente da xestora, Casimiro López, fai un informe para que sexa substituído por Fermín López Blanco. O 14 de agosto de 1939 tamén foi asasinado en León Cándido Álvarez López labrego de 42 anos e natural de Negueira. Nunha entrevista en La Nueva España de Asturias ao químico don Germán A. Lastra, conta que seu pai, natural de Negueira que traballaba como administrativo de Campsa e como xornalista en El Progreso, foi apreixado despois da guerra Civil porque era da directiva do PSOE de Lugo; pasou 18 meses no cárcere de El Coto, en Xixón.

En Negueira tamén executaron a un home, residente na Arxentina, que estaba a pasar uns días na súa terra. Foi o cura quen o delatou ante os falanxistas da súa presenza no pobo. A súa sobriña, Nieves Álvarez, que se puxo en contacto no ano 2007 coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica para exhumar o cadáver, relatou como se produciran os feitos: Os fascistas entraron na súa casa, e tras esixir que lles  puxeran de cear, levaron ao tío e aos dous fillos maiores. Despois de asasinar ao pai, encarceraron aos mozos, non sen antes levar a un deles, de apenas 18 anos, para que recoñecese o cadáver do seu proxenitor.
 
O veciño de Negueira, Benjamín Cancio Magadán, labrego de 42 anos, foi encarcerado o 15 de xaneiro de 1940. 

 
Cando no mes de outubro de 1937 Asturias caeu en mans das tropas golpistas, os combatentes, a mayoría anarquistas que formaban parte do Batallón Galicia 219, decidiron regresar á súa terra para reorganizarse e pasar novamente á zona republicana. Despois dunha longa camiñada, os dezasete milicianos ao mando do comandante Moreno Torres adentráronse en Galicia polos montes de Negueira de Muñiz para continuar cara o Alto do Acevo, descoñecendo que un veciño dun pobo onde pasaran noite alertara á Garda Civil e aos falanxistas das súas intencións. En efecto, cando o día 29 de outubro chegaron ao Alto do Acevo foron sorprendidos polos fascistas, apreixados, executados (os asasinatos, ao parecer, producíronse no Alto do Acevo e en Pedras Apañadas) e enterrados nunha foxa común que obrigaron a cavar a veciños da parroquia de Monteseiro, entre eles algúns nenos. Dise que o comandante Moreno, despois de matar a un falanxista da zona, conseguíu fuxir, mais foi capturado en Grandas de Salime. Outro tanto se conta doutro integrante do grupo que escapou do masacre, agochándose na igrexa de Negueira e que os falanxistas tentaron asasinar dentro do mesmo templo; mais, debido á oposición do cura de que se cometera o crime en lugar sagrado, sacáronno fóra para executalo; disque foi enterrado no cemiterio. O día 11 de agosto do ano 2007 a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica exhumou varios corpos dos milicianos. Ese mesmo ano, descendentes dos combatentes do Batallón Galicia 219 rendíronlle unha emocionante e merecida homenaxe na Fonsagrada.
 
  
É probable que os guerrilleiros da Federación de Guerrillas de León-Galicia, creada no ano 1942 para loitar contra o réxime fascista de Franco, estiveran tamén por Negueira de Muñiz xa que está documentado que unha das súas áreas de actuación abranguía, entre outras, a comarca de A Fonsagrada. O obxectivo da Federación non era, en principio, derrubar a ditadura mediante a loita armada, senón manter viva a chama da resistencia antifascista ata que se producira a intervención das forzas aliadas que todos daban por feita. No ano 1943 esta Federación era a única guerrilla organizada que había no estado español. Foi no ano 1945 cando as guerrillas acadaron o máximo apoxeo, botándose ao monte e desencadeando durante o ano 1946 unha ofensiva xeralizada en todo o estado. Mais a esperanza por derrubar o réxime fascista axiña se diluíu cando se tivo a certidume de que os países aliados non ían intervir despois da derrota da Alemaña nazi, e iso a pesares de que o 19 de xuño de 1945 a ONU emitira unha condena contra a ditadura franquista.
 
O 13 de maior de 1941 o Xulgado de Lugo instrúe expediente de responsabilidade política contra varios veciños: Manuel Cancio Barcia, alcande; Manuel Río Marcos, labrego de Barcela; Ramón Fresno Blanco, labrego de 86 anos; Antonio Nogueira Monteserín, labrego de Negueira; Manuel López Álvarez, labrego de Ouviaño; Antonio Graña Lledín, da Unión Sindical Agraria.
 


AS CORPORACIÓNS MUNICIPAIS FRANQUISTAS
 
Entre os anos 1937 e 1976, as Corporacións Municipais eran nomeadas polo Réxime franquista. Os informes sobre as persoas "idóneas" para ocupar os cargos corrían a cargo da Garda Civil e que logo eran enviados ao Goberno Civil da Provincia. Das corporacións do Concello de Negueira de Muñiz consérvanse varios documentos onde figuran as persoas designadas.
 


REINANDO FRANCO (artigo)

A continuación reproducimos un artigo de Helena Villar Janeiro, publicado no seu blogue Tirar do fío o día 27 de setembro de 2012.

"En decembro de 2009, Clifford Torrents, un escocés de 59 anos fillo do combatente republicano catalán Juan Torrents, mercou unha casa no concello de Negueira de Muñiz (Lugo), que ten 200 habitantes distribuídos en 23 núcleos de poboación. Así, o novo veciño instalouse no lugar de Ouviaño onde atopou na fonte pública unha praca co escudo da Falanxe e unha lenda: “Reinando Francisco Franco y siendo alcalde D. José María López se inauguró esta el día 24-5-1953”.
 
  
A Clifford Torrents chamoulle a atención que Franco aínda tivese alí unha praca, contra a obriga democrática de ter retirados os símbolos franquistas, como manda a lei da Memoria Histórica. A min, que lle dou a razón, aínda me choca máis o do reinado de Franco. Porque nunha cabeza de partido xudicial lindante co da Fonsagrada, onde se sitúa o feito, a academia que preparaba para os exames libres de bacharelato tiña unha libretiña de repaso cos nomes dos reis das casas de Austria e  Borbón, por orde cronolóxica de reinado. E nese ano de 1953, ao máis intelixente ou máis torpe dos estudantes, non sei, ocorréuselle poñer ao final Franco I. A partir de aí, nas vésperas de cada convocatoria había que xuntar o alumnado para borrarlle o disparate da cabeza. Esta prevención foi un clásico no protocolo de preparación dos exames de Historia. 
 
 
Pero volvamos a Clifford Torrents, que  pediu que quitasen a tal praca polas boas, como se resolven os problemas en democracia. Segundo el, chegou a un acordo verbal cun concelleiro da aldea mentres o alcalde estaba de vacacións, pechando o trato cun apretón de mans e comprometéndose el mesmo a retirala por non haber cartos no Concello. E meu dito, meu feito: alá foi co martelo. Pero o alcalde nega que tivese permiso, quen sabe se por un mal entendido por non falar cada un dos pactantes o idioma do outro. Así que o rexedor denunciouno e levouno a xuízo para lle facer repoñer unha lápida ilegal con outra copia ilegal reconstruída. O alcalde di que non se coñece o ánimo das persoas que a puxeron e que a súa retirada sentou moi mal entre os veciños. O forasteiro afirma que algúns o felicitaron e di que, de saber que existía ese rancio vestixio en lugar tan idílico, non mercaría alí a casa.  Ten o seu aquel de esperpento que Franco sente a alguén no banquiño dos acusados tantos anos despois de pasar o seu reinado. Ou é que segue reinando?".
 
 
No ano 2013, o Xulgado de Instrución de A Fonsagrada condenou a Clifford a aboar a cantidade de 434 euros  por rachar a praca ilegal. Malia resolución, que o señor Torrents  recurriu, o xuíz di clararamente que a lei obriga ás administracións públicas a tomar as medidas para retirar os obxectos conmemorativos de exaltación do golpe militar e da represión da dictadura, cousa que o alcalde de Negueira de Muñiz non fixera. Clifford Torrentes enviou unha carta ao PSdeG para pedir que investigaran a "conduta do alcalde".

CONSTRUCIÓN DO ENCORO E O ÉXODO

Como xa apuntamos noutra entrada, a merma demográfica que encomezou a padecer o concello a partir do ano 1930 converteuse en imparable coa construción dun dos símbolos de "progreso" do réxime franquista. O encoro de Salime, inaugurado no ano 1956 para a produción de enerxía hidroeléctrica, provocou o éxodo irreversible de parte da poboación a cambio de miserentas indemninacións, obrigándoos a abandonar uns lugares que xeración tras xeración conseguirán facer habitables e fértiles, partindo o municipio pola metade, incomunicando o territorio e convertelo no menos poboado de Galicia. Feito, dende o noso punto de vista, de máis transcendencia histórica do municipio de Negueira de Muñiz.

Ademais de varias aldeas, tamén quedaron baixo as augas as igrexas cos seus cemiterios de Barcela e Ernes, non permitíndoselles aos veciños o traslado dos enterrados a outro camposanto.
 
No ano 1960 prantexouse unha intervención por parte do Instituto Nacional de Colonización denominado Proyecto de Tierra Llana (a eterna deturpación da toponimia), encamiñado a "reubicar" aos veciños expulsados das súas terras establecéndoos en 3.000 hectáreas de terreo e catro poboados con preto de 400 vivendas coas súas infraestruturas. Entre os anos 1960 e 1964, os veciños e as veciñas de Negueira de Muñiz foron trasladados a Matodoso, Veiga de Pumar, Arneiro e Espiñeira situados nos municipios de Castro de Rei e Cospeito, na Terra Chá luguesa. O monte comunal pertencente a eses concellos foi expropiado e asignado en lotes a 189 familias de colonos, se ben non todas as hectáreas foron repartidas entre os mesmos, un terzo foi reservado para repoboacións forestais, a explotación directa polo Instituto Nacional de Colonización mediante persoal asalariado e o arrendamento a unha empresa concesionaria de semente de pataca de sembra.
 
 
 
COMUNICACIÓNS
 
Dende os primeiros anos do século XX, son constantes as referencias á construción de vías de comunicación, pero que non pasaban de simples intencións. Segundo información recollida en El Correo de Galicia do 15 de setembro de 1929, as autoridades de Grandas de Salime e Negueira de Muñiz reuníronse no Acevo para promover unha campaña para demandar a construción dunha estrada de Cangas de Narcea "a empalmar con la de Vegadeo a Ouviaño, pasando por Ernes y Bustelo do Camín", estrada de grande importancia "pues atraviesa una zona rica en ganadería, vinícola, frutería y granos, abundante en maderas, yacimientos de mineral y aguas medicinales, riqueza esta que no se puede exportar en la actualidade por falta de vías de comunicación".

No ano 1958, o alcalde denunciaba que para coller o autobús, os veciños tiñan que subir ata o Acevo, a 14 quilómetros de distancia. Tamén demandaba a traída de luz, teléfono e telégrafo.
 
No xornal El Progreso do 19 de decembro de 1965, aparece a noticia de que na provincia de Lugo só os Concellos de Ribeira de Piquín e Negueira de Muñiz carecían de teléfono.
 

No ano 1966 anúnciase a solicitude de servizos de transporte, entre outros, dende a Ponte de Boadil a Tallobre, realizando unha expedición diaria de ida e volta. No mesmo ano a Delegación de Industria abre información pública sobre a electrificación de Ouviaño, Tallobre e Vilarmeor.
 
FUSIÓN DE CONCELLOS

No ano 1960, o Ministerio da Gobernación impulsou unha reforma da división territorial para fusionar concellos. Na provincia de Lugo eliminaríanse ou fusionaríanse 13, ademáis das segregacións ou agregacións de parroquias a outros municipios diferentes. O documento sinalaba que Negueira de Muñiz, segregado de A Fonsagrada, (citamos textualmente) "fue una creación artificial de la República, fundada en razones puramente políticas". Unha parte retornaría á Fonsagrada, onde estaría a capital, cunha tenencia de alcaldía en Negueira. Por outra banda, alúdese á creación do encoro de Salime, propoñendo que o territorio situado na marxe dereita se anexione a Asturias. (Esta información custódiase no Arquivo Histórico Provincial de Lugo).
 
ARRANXO DA ESTRADA LUGO-A FONSAGRADA

No mes de abril do ano 1964 reuníronse en Castroverde os alcaldes de Lugo, Castroverde, Baleira, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Neira de Xusá (actual Baralla), "debidamente autorizados por el Gobernador Civil", para estudar o mal estado da estrada Lugo-A Fonsagrada-Alto do Acevo e para poñer remedio á situación.
 
ARRISCADA CARTA A FRANCO

No ano 1965, o cura de San Pedro de Ernes, don Ramón, enviou unha carta a Franco para que librara da penuria aos seus fregueses que quedaran illados polo encoro de Salime. Anos despois partiron cara a Terra Chá.

SAN PEDRO DE ERNES INCOMUNICADO

La Noche do 20 de febreiro de 1967 recolle a noticia da incomunicación que padece San Pedro de Ernes dende a construción do encoro de Salime, esperando que a visita do Gobernador Civil solucione o problema. A visita non foi máis ca un acto propagandístico, a construción da ponte non se levou a cabo ata o ano 1989, durante o goberno de González Laxe á fronte da Xunta de Galicia.

 
A COMUNA

Foi no ano 1977 cando dúas ducias de mozos e mozas tentaron un modo de vida alternativo, instalándose nas aldeas abandonadas por mor do encoro de Salime e cuxos veciños tiveron que emigrar á Terra Chá. Silvano, Sergio e Nilo intentaron primeiro o seu proxecto cerca de Lugo, onde montaron o bar Agarimo, pero un día, durante unha folga xeral, colgaron unha pancarta: "Fraga, el pueblo no te traga"; veu a policía e levounos detidos. Despois da clausura do local, intaláronse en Foxo. E o boca a orella comezou a funcionar, axiña comezou a chegar xente de todas partes ás aldeas de Vilar, Vilauxín, Ernes, Cancio, Barcela, Escanlar, A Curula e Foxo. 
 
 
 
A experiencia da comuna durou, con altibaixos, ata o ano 1982. Dise que a chegada da heroína tivo o efecto dunha peste. Aínda que lonxe da idea inicial, volveu rexurdir a comezos dos anos noventa.

Segundo conta Manuel Rivas, foi Siro, un vello enlace do maquis entre Asturias e Galicia, quen en Santiago lles falou aos futuros comuneiros deste paraíso abandonado.
 
Sobre a Comuna, Ignacio Vilar dirixiu a película Vilamor que narra a volta ao pobo dun seminarista que se atopa con que se montou unha comuna ante os escándalos das "forzas vivas".
 
 
AS ELECCIÓNS MUNICIPAIS EN NEGUEIRA DE MUÑIZ

O primeiro alcalde no ano 1931 do recén creado Concello de Negueira de Muñiz foi da candidatura republicana de esquerdas Unión Sindical Agraria.
 
Debido ao reducido número de habitantes, no concello de Negueira de Muñiz elíxese alcalde mediante o procedemento de listas abertas, de xeito que os veciños votan directamente ao que será o rexedor local. Sistema moito máis democrático que o de "listas pechadas" utilizado no resto dos municipios.
 
Nas cinco últimas convocatorias electorais, os resultados foron os seguintes:
 
2007: PSdeG 96 votos e catro concelleiros; BNG 81 votos e un concelleiro.
2011: PSdeG 90 votos e catro concelleiros; PP 59 votos e un concelleiro; BNG 27 votos e cero concelleiros.
2015: PSdeG 82 votos e catro concelleiros; PP 46 votos e un concelleiro.
2019: PSdeG 79 votos e tres concelleiros; Negueira Viva 73 votos e dous concelleiros; PP 18 votos e cero concelleiros.
2023: PSdG 97 votos e catro concelleiros; Negueira Viva 71 votos e un concelleiro; PP 54 votos e cero concelleiros.
 
Dende o ano 2007, o alcalde é José Manuel Braña Pereda, do PSdeG.
 
CURIOSIDADES COLONIALISTAS: UNHA ASOCIACIÓN ASTURIANA RECLAMA CATRO CONCELLOS DA PROVINCIA DE LUGO PARA O PRINCIPADO

No ano 2010, o colectivo asturiano Conceyu pola Normalización iniciou unha campaña para promover a incorporación a Asturias dos concellos galegos de A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín e Navia de Suarna, baseándose nunha suposta pertenza destes municipios ao Principado ata o ano 1834 e que a provincia de Lugo os "usurpou ilexitimamente". Dende a asociación aseguraron que se puxeran en contacto coa Deputación Provincial de Lugo e co bispado "para iniciar os trámites administrativos encamiñados á devolución destes territorios", contacto que negaron ambas as dúas institucións (a respeito do bispado, o colectivo ignora que a distribución eclesiástica nada ten que ver coa política dos territorios). Ningún dos alcaldes dos catro concellos galegos tomaron en serio a iniciativa. O alcalde de Negueira, despois de salientar a boa relación cos veciños asturianos, manifestou que se sentían galegos. O de Ribeira de Piquín apuntou que no século XIX non existía o seu concello, integrado en Meira e A Fonsagrada. O rexedor de Navia de Suarna, en ton humorístico, sinalou que no 1800 España tiña colonias en Cuba mais non por iso había que reclamalas.

Dende eiquí lembrámoslle ao Conceyu pola Normalización que no ano 1933 os plenos dos catro concellos que queren anexionar votaron por unanimidade a favor do Estatuto de Autonomía para Galicia, logo referendado maioritariamente polo pobo o 28 de xuño de 1936 (maioría que se repetiu no ano 1980). Tamén podemos retroceder no tempo. Din os do colectivo que os concellos galegos citados pertencían a Asturias dende tempos de Afonso II. Supoñemos que se referirán a Afonso II, alcumado O Casto (791-842), quen de neno, fuxindo dos asasinos do seu pai, os monxes de Samos agocharon no castelo de Carbedo, no Courel e que, unha vez nomeado rei, establece a corte en Oviedo. Ubicación física da corte que non por iso o converteu en rei de Asturias tal como nolo amosan, entre outros, o cronista árabe Al-Razi que o cita como "Afonso, rei dos galegos", título que aparece reflectido nas Crónicas Carolinxias e na Vita Hludovici, ou nos Annales Regni Francorum e na Vita Karoli Magni que o nomean como Rex Galletiae ou Totius Galletiae Rex.

"GUERRA" DE LINDES TERRITORIAIS

No xornal asturiano La Nueva España de abril de 2011 lemos que o Concello asturiano de Allande reabriu un contencioso territorial co municipio de Negueira de Muñiz ao entender que a interpretación dada ao deslinde dos Montes del Valledor non é o axeitado. Allande sostén que as accións posesorias levadas a cabo polos veciños galegos alteran os límites de Asturias, alegando que os montes en litixio foron aproveitados dende tempos inmemoriais polos pobos de San Salvador, Fonteta e Villalaín, como figura en documentos do mosteiro de Corias dende o século XVIII ao que pagaban décimos e primicias polo aproveitamento de leña e pastos. Continúa o xornal que a primeira acta de deslinde da zona levouse a cabo por real decreto lei de 3 de abril de 1925 e sinala seis marcos que ían dende a Fonte do Regueiro de Aguazones ata a Fonte do Xestadel. Segundo a acta, os moxóns marcan os límites de Allande co termo municipal de A Fonsagrada e que logo pasou a seren colindante con Negueira de Muñiz tras a segregación. O seguinte deslinde fíxoo o Servizo Xeográfico do Exército o 12 de setembro de 1946.

No ano 2018, o Concello de Allande, en contra do criterio do Instituto Xeográfico Nacional, volveu reclamar que se tracen correctamene os deslindes.

Nun documento do ano 1779, os veciños de Valledor, concello de Allande, xa preiteaban polo uso da braña de Ernes.
 
 
CASA DO MÉDICO. CONSULTORIO MÉDICO DE NEGUEIRA DE MUÑIZ
 
En 1966, a Comisión Provincial de Servicios Técnicos prorrogou as obras que se estaban a realizar no Centro de Higiene y Casa del Médico de Negueira, contratadas en maio de 1965 por un importe de 600.000 pesetas, e un prazo de execución de doce meses.
 
Por Resolución publicada no Diario Oficial de Galicia en maio de 2003, aprobábanse as obras de rehabilitación do Consultorio Médico, posto en marcha en xuño de 2004. As consultas son dúas veces por semana, a atención urxente ten que ser no PAC da Fonsagrada.
 

OFICINA DE FARMACIA

Negueira de Muñiz é o único concello de Galicia que non conta con farmacia. Por Resolución da Consellería de Sanidade, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 10 de marzo de 2020, foi adxudicada a Fernando Domínguez Miranda, pero ao final quedou en nada pola renuncia do adxudicatario por non resultar viable economicamente. Os veciños teñen que trasladarse á Fonsagrada ou outros municipios de Asturias para adquirir os medicamentos.
 

O VIÑO

A principios do ano 2012, o sumiller galego Luís Paadín demostrou que a viticultura xa estaba implantada en Galicia antes, non só da chegada dos monxes da orde francesa do Císter no século XII, senón tamén da conquista romana, constatando que o noso país é unha das zonas de produción de viño máis antigas de Europa tal e como o demostran a tipoloxía dalgúns lagares rupestres que se levan descuberto. Nun artigo publicado en culturagalega.org di que no concello de As Neves hai un lagar, coñecido como a Pedra da Coviña, que convive cuns interesantes petroglifos da Idade do Bronce con motivos fálicos, engadindo que en poboados prerromanos das Rías Baixas (O Neixón, A Lanzada ou o Monte do Castro) téñense atopado multitude de ánforas de transporte que proban o fluxo constante de viño dende o sur da península, primeiro por medio de mercaderes fenicios e despois romanos. 
 

A plantación de viñedos xa está documentada nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada celebrados nas freguesías de Negueira e de San Pedro de Ernes os días 9 e 10 de maio do ano 1753 onde xa se cultivaba unha videira denominada ancestral ou autóctona, entre elas a coñecida como Branco Lexítimo que tivo que estar moito máis extendida na zona antes da desfeita causada pola entrada do oídio e outras pestes americanas, sen esquecer o encoro de Salime que asulagou baixo as augas a riqueza vitícola da que gozaba o que case supuxo a súa desaparición.
 
 
 
No mes de xuño de 1958, unha gran tormenta afectou gravemente ás videiras e outros produtos de Entralgo e Sarceada, causando uns danos que estimaron en 200.000 pesetas, cantidade moi elevada "sobre todo si tenemos en cuenta de que los labradores de dicha zona son los más pobres del término", remata a noticia de El Progreso.
 
 
Metida nun val e protexida por altas montañas, Negueira conta cun microclima propio. Nos últimos anos foron xurdindo iniciativas para recuperar a tradición vinícola, coa recuperación de viñedos centenarios e variedades ancestrais autóctonas que se estaban a perder como a branca lexítima, o verdello tinto e o tinto serodio, variedades que comparten os produtores do val do Navia cos do val de Ibiais ou cos de Cangas de Narcea, en Asturias. 
 
O señor Hortensio, de Vilarmeor, é unha desas persoas que decidiu apostar polo viño, mantendo tanto vellas cepas plantadas polos seus devanceiros como outras variedades. Mais esas, a colleita adícaa, principalmente, para o autoconsumo. Alí puidemos ver unha pequena cabana de pedra utilizada para facer o oruxo.
 
Na publicación periódica O tío Pepe, do 20 de setembro de 1913, fala do viño da Gamalleira.
 

 
No ano 2018, a Asociación polo Desenvolvemento de Negueira (ADN), presidida por Luis Río, decidiu rescatar en Sanformar máis de 20 adegas centenarias e poñelas en valor coa celebración da I xornada da vendima de Negueira. Dende o noso parecer, este conxunto etnográfico só é comparable co de Vilachá, na Pobra do Brollón.  
 
 

SOBRE A FAUNA DO CONCELLO DE NEGUEIRA DE MUÑIZ

Temos que recoñecer que descoñeciamos o magnífico blogue de Germán Torres Fernández, Aves e natureza da Fonsagrada. Mais nunca é tarde. Nel lemos un artigo que publicou o día 8 de marzo do ano 2010, titulado Vilouxín, Negueira de Muñiz 26/2/2010, onde di que en Vilauxín, raiando con Asturias, pode observarse o lobo ibérico, canis lupus signatus, e nos últimos anos algunha entrada ocasional e esperanzadora do oso pardo ibérico, ursus arctos. Na parte alta un antigo cantadeiro de urugallo, tetrao urogallus cantabricus, faille lembrar o que puído continuar existindo aquí e que xa non é posible observar. Tamén fala da presenza do falcón peregrino, falco peregrinus, e do corvo grande, corvus corax, así como do corvo mariño grande, phalacrocorax carbo no río Navia, á altura da ponte de Boabdil.
 
 
Outra fauna representativa do concello son o miñato común, azor, rapinas nocturnas, raposo, corzo, xabarín, esquío, xeneta, marta e gato bravo. 
 
 

O ESCUDO DE NEGUEIRA DE MUÑIZ
 
Aprobado por Decreto da Consellería da Presidencia 113/2007, do 24 de maio (DOG do 13 de xuño). En campo de sinople (verde) unha franxa ondada de prata e brochante de sarmentos de ouro, froitados do mesmo, disposto en aspa. Ao timbre, coroa real pechada.
 
 

FESTIVAL DO ALTO NAVIA
 
Coa fin de dinamizar e poñer en valor a riqueza patrimonial, natural, etnográfica e cultural do concello de Negueira, a Asociación para o Desenvolvemento de Negueira de Muñiz promove o Festival do Alto Navia cuxa primeira edición celebrouse na área recreatriva da Virxe da Veiga o 28 de xullo de 2018. A segunda edición foi o 27 de xullo de 2019.