ETNOGRAFÍA DO CONCELLO DE NEGUEIRA

Falamos de: A Aira, > Aparello para pitar os toxos, > O arado, > Aveños de labranza, > O Banco, > O Cabañón, > Os camiños, > O carro, > O cortín/as colmeas, > A fonte, > O forno, > O gando, > A grade, > O hábitat/a casa, > O hórreo, > O lavadoiro, > O muíño, > A ouriceira/as castañas, > A Palloza (en preparación), > O peche, > Pontiga/pontella, > Pozos e pozas, > A terra, > O viño, > O xugo .

A palabra etnografía vén do grego ethnos, "pobo, tribo", e de grapho, "eu escribo". En liñas xerais podemos definila como unha parte da antropoloxía que estuda e describe os pobos dende o punto de vista das manifestacións materiais da súa actividade.
 

A AIRA
 
Unha aira ou eira, do latín area, é un sitio chan de medidas variables situada preto da vivenda. Pode ser de terra machucada para darlle firmeza ao chan ou enlousada con pedras para mallar os cereais, secar os legumes e outros usos. Podía ser privada ou compartida entre os veciños. Debaixo dalgunhas airas adoitábase enterrar un ou varios potes para que, ao mallar o cereal, soase máis. Na sega, na recolección e na malla adoitaban colaborar veciños doutras casas.
 
    
APARELLO PARA PITAR OS TOXOS

Os toxos, segundo conta o Xaquín Lorenzo Fernández, tiñan un gran valor na economía campesiña, incluso en moitos sitios se sometía a un semicultivo. Os toros dos toxos arnaus, dunha gran dureza, usábanse para facer bastóns, estadullos, etc. E o toxo molar, máis pequeno, comíao directamente o gando no monte, sendo o elemento principal do estrume para astrar a corte e de onde logo se sacaba o esterco. Polo seu gran valor nutritivo dábase de comer ao gando, mais como é duro e ten espiñas moi fortes, había que pitalo (picalo, partilo) cun aparello de madeira feito para o caso.
 
 
O ARADO

É o instrumento que serve para arar e labrar a terra, preparándoa para sementar ou plantar. O seu uso representou un dos maiores avances da técnica agrícola. No Neolítico utilizábase un sinxelo madeiro coa punta endurecida ao lume e que logo evolucionou ao inserirlle un madeiro longo o que posibilitou xunguilo a un animal. Polos autores clásicos (Xustino e Silo Itálico) sabemos que os habitantes da Gallaecia xa o utilizaban. Co desenvolvemento dos cultivos durante a dominación romana xeralizouse o seu uso. Ata non hai moitos anos, antes da chegada dos modernos aparellos agrícolas, o arado galego respondía ao tipo chamado "romano" feito principalmente con madeira de carballo. Dise que os monxes do Císter foron os que introduciron en Galicia o arado de veso. Segundo don Xaquín, consta dunha soa peza angular que se colle coa man por un dos lados, a rabiza, namentres outro, o rostro, vai paralelo ao chan e leva na punta un dente ou rella de ferro. O arado simple consta das seguintes pezas: rabiza, temón, chavella, teeiro, seita, rostro, amexelo, abeacas e rella.
 
 
OS AVEÑOS DE LABRANZA

Os aveños ou apeiros de labranza son os instrumentos para o labor do campo que facilitan a realización dunha tarefa. Os achados arqueolóxicos xa falan dunha incipiente agricultura en Galicia dende o Neolítico que, co decorrer dos séculos, se intensificaría para converterse nun dos medios fundamentais do desenvolvemento da economía do país. Da importancia da agricultura, ademáis das clases de terras, fala o amplísimo número de utensilios utilizados, algúns, como nos amosa a arqueoloxía, documentados hai miles de anos: angazos, arados, aixadas, picarañas, grades, carros, xugos, mallos, peneiras, muíños de man, tesoiras de podar, gallas, forquitas, gadañas, fouces... 
 
 
O BANCO

O banco é o asento de madeira, máis ou menos longo, con catro pés no que poden sentar a un tempo varias persoas. Hainos con respaldo e sen el, aínda que tamén podemos ver construcións semellantes de feitura máis sinxela, como unha táboa apoiada sobre dous toros de madeira e sen espaldeira. Ademais de para descansar, xunto os bancos acostumaban a xuntarse os veciños para falar, ou os mozos e as mozas para reunirse, mesmo o banco "de tal sitio" era utilizado como punto de referencia. En Galicia adoitaban situarse na rúa a carón das vivendas, da capela da aldea, da fonte ou noutro espazo público por onde transitaba a xente; nalgúns edificios relixiosos do municipio tamén podemos velos baixo o pórtico xa que alí se reunían os veciños para tratar asuntos relacionados coa aldea.
 
 
O CABAÑÓN

En principio, un cabañón é a terra que, ao ser arada, fica entre rego e rego; zanxa feita cunha eixada. Mais, segundo nos contou unha veciña de Vilaseca, tamén chaman así ao túnel ou paso subterráneo que discorre por debaixo das casas para permitir o tránsito de persoas, carros, animais, etc.
 
 
OS CAMIÑOS

O nome deriva do latín vulgar camminu, sitio por onde se pasa cando se vai dun lugar a outro. Ata non hai moitos anos, a construción dos camiños públicos corría a cargo dos veciños que, ademais da man de obra, achegaban ferramentas e medios de transporte; a participación nos traballos era obrigatoria, o incuprimento dese deber, agás causa xustificada, podía carrexar a imposición dunha multa. Como acontece nas zonas de montaña, no concello de Negueira de Muñiz abundan os camiños feitos para evitar arrodeos, para o transporte de animais e mercadorías, para o acceso ás casas, prados e terras de cultivo, etc. Na actualidade a meirande parte destas sinxelas, aínda que en moitos casos traballosas infraestruturas, xa van quedando en desuso, sendo comidas pola matogueira; o abandono das terras, das vivendas e a contrución de modernas infraestruturas fainos case innecesarios.  
 
Segundo o Diccionario Madoz (1846-1850), os camiños das freguesías que compoñen o actual concello presentaban un estado desigual de conservación. En Barcela, por exemplo, estaban en bo estado, e en Sanformar, en troques, mal coidados. Segundo comprobamos, ao menos a estrada actual que discorre a carón do río Navia e a que sobe cara o Alto do Acevo aproveitaron primitivos trazados xa existentes en época romana, e quizais anteriores, como nolo amosan algunhas medorras que hai ao seu carón.
 
Cincuenta anos antes, nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada celebrados na freguesía de Negueira no mes de maio de 1753, fala que polo Carballín discorría o Camiño Real da Fonsagrada.
 
 
O CARRO

É o vehículo tirado por animais, xeralmente bois e vacas, formado por unha plataforma de madeira, en xeral con suportes laterais, dúas rodas grandes e un pau ou cabezalla para tirar por el. Os primeiros carros están ligados ao invento da roda que aparecen hai máis de 5.000 anos. Como deixou escrito Xaquín Lorenzo, o seu aspecto rexo e sinxelo engana se consideramos estas condicións como sinal de primitivismo; lonxe disto, o noso carro responde de xeito completo ao que del se esixe, tanto no que toca á carga coma ao seu comportamento con relación aos camiños polos que ten que andar o que demostra unha perfección: pode subir e baixar polas encostas, brincar polas corredoiras, avantar polos tremesiños e levar a súa carga por monte sen camiño, agrarrándose ao chan, costeando crebadas ou marchando pola area, sempre de vagar mais coa serenidade do que é rexo e ben axeitado á misión que lle cómpre. O carro está composto polas chedas, a cabezalla, as cadeas, as chumaceiras, os fungueiros, o tentemozo, as rodas e o eixo. Hoxe en día, debida á mecanización do campo, quedaron en desuso.
 
 

O CORTÍN/AS COLMEAS

Un cortín, alvariza ou abellariza é un lugar onde se teñen as colmeas. En Galicia o cortín tradicional está formado por unha estrutura circular ou ovalada (nalgúns casos poden presentar planta cadrada) para dificultar a entrada dos animais e protexer as colmeas dos ventos fríos, recibindo a luz dende o alborear ao estar orientados cara o nacente. A apicultura en Galicia tivo a súa máxima expansión antes da entrada do zucre, sendo considerado un alimento de grande interese, tanto como edulcorante como posuidor de propiedades medicinais.
 

 
Segundo o Catastro de Ensenada, a mediados do século XVIII en Galicia había 366.339 colmeas, trobos ou cortizos, e nas freguesías de Negueira e San Pedro de Ernes 512. O mel e a cera sobrante exportábase, esta última tanto en bolos ao lle sacar o mel como preparada o que aumentaba o seu valor. As colmeas, que tamén reciben o nome de cortizo, cortiza ou trobo, estaban construídas cuns paneis tradicionais feitos de madeira, troncos baleiros, cilindros de cortiza, etc., e cubertas de lousa. Na actualidade pódense ver polo concello grupos de colmeas (nalgúns casos continúan a utilizarse os cortíns), aínda que o mel úsase, principalmente, para o autoconsumo.
 


A FONTE

Unha fonte é unha pequena construción con un ou varios canos por onde sae a auga. Ata non hai moitos anos, a xente utilizaba a auga das fontes para a comida, beber e mesmo para asearse, e tamén para o gando. Asemade, adoitaba ser un punto de referencia para xuntarse ou como lugar de reunión, principalmente de mozos e mozas ao anoitecer, sobre todo no verán. En Galicia, a fonte ocupa un lugar sobranceiro no eido da superstición. Xa no século VI, Martiño de Dumio denunciaba que o campesiño galego facía ofrendas de pan e viño ás fontes. Moitas fontes posúen propiedades salutíferas, creadoras e sandadoras.
 
No ano 1958 construíronse a maior parte das fontes e lavadoiros do concello: En Ouviaño o Concello aportou 5.000 pesetas e 8.000 os veciños; en Ernes as mesmas cantidades polas dúas partes; en A Raseda 4.200 o Concello e 3.800 os veciños; en Seira 5.000 e 7.000;  en Santalla 5.000 e 8.000; en Vilaseca as mesmas cantidades. No ano 1962 arranxáronse as fontes de Negueira de Arriba e Negueira de Abaixo cun custo de 37.000 pesetas, a da Gamalleira por 27.000 pesestas, e a de Entralgo por 15.000 pesetas.
 
 

O FORNO

O nome vén do latín furnu. Ata non hai moito, o forno era un elemento máis da casa labrega, se ben nas zonas máis pobres a súa presenza limitábase a un forno comunal onde cocían os veciños da aldea. O forno caseiro redúcese a unha cámara na que se prende o lume e se coce o pan ou se asa a carne. Está constituído por un piso de pedras puídas (sollos) e por unhas paredes laterais de pedra que case sempre dan forma a un recinto circular e cunha coberta en forma de media laranxa que pecha a cámara. Conta cunha boca pequena que, unha vez quentado o interior e introducido o pan, péchase cunha lousa de pedra ou cunha pequena porta de ferro. A cinza que queda despois da combustión desposítase na borralleira ou fornilla. Estes fornos, construídos en granito ou lousa, quedan perfectamente intregrados na planta baixa da casa. Hoxe en día aínda é frecuente ver cocer o pan nas casas do municipio.
 
 
O GANDO

Ata non hai moitos anos, as vacas eran o sustento básico nas aldeas do concello de Negueira de Muñiz, tanto polo leite como pola carne. Na actualidade as poucas explotacións que aínda subsisten adícanse á produción cárnica debido a que ás modernas cisternas de recollida do leite cústalles chegar ata elas; en tempos tiñan que conservala en tanques refrixerados e sacala en bidóns ata a parte alta do concello, co que se abarataba o prezo. Nos últimos anos a redución da cabana gandeira é unha constante. As vacas de Negueira de Muñiz, ademais de producir unha carne de boa calidade, son duras e apropiadas para as zonas de montaña. Aínda que os porcos duplican en número ás cabezas de bovino, cébanse principalmente para o autoconsumo, o mesmo cas ovellas, menos numerosas.
 
 
 
A GRADE

A grade é un bastidor de madeira formado por travesas onde se atopan os dentes e cuxa parte dianteira leva un torno ou unha argola na que se engancha un pau ou unha cadea, chamada soliño, que vai ao xugo do gando que tira por ela. Utilízase para achairar a terra desfacendo os sucos que labrou o arado. O canizo é unha especie de grade sen dentes utilizado para rematar a sementeira do millo.
 

 
O HÁBITAT/A CASA

A unidade organizativa da sociedade labrega galega é a parroquia cuxa orixe data dos primeiros anos do cristianismo e que, aínda que carece de personalidade xurídica propia, forma unha unidade social, cultural e xeográfica ben delimitada. A parroquia foi, ademais, o ámbito no que ao longo do tempo se desenvolveron as actividades sociais da comunidade labrega, tanto no eido relixioso (a igrexa e o adro era onde se xuntaban os veciños) coma o que atinxía aos problemas que afectaban á comunidade. A participación da veciñanza en coidar do común (nas alegrías, penas e festas) caracterizou ata non hai moito o espírito das nosas xentes (Lisón Tolosana, 1971). Tomando como referencia a obra do arquitecto Pedro de Llano, Arquitectura popular en Galicia, razón e construción (2006), no municipio de Negueira de Muñiz podemos falar dun tipo de asentamento característico do hábitat concentrado: as aldeas pechadas, onde as distintas construcións aparecen unidas entre medianeiras, a maior parte das veces en torno a un camño, que actúa como eixo lonxitudinal do núcleo, podéndose afirmar que é o tipo de asentamento xeralizado nas serras orientáis do país.  
 
Ademais dos anteriores, no concello podemos ver un número importante de casais ou casaríos, grupo de casas illadas e arrodeados de hortas, leiras e pradarías situados en lugares cun microclima favorable. O campesiño elixía para a ubicación da súa casa un lugar coas condicións axeitadas para o desenvolvemento da actividade agrícola, ademáis de poder dispoñer de materiais nas proximidades (pedras, madeira) para a súa construción. Ademais de conquerir uns sitios adecuados, preocupándose sempre, como adoita acontecer en zonas de montaña, por conseguir unha boa defensa contra as inclemencias do tempo. Como di Del Llano: "Dentro das escasas posibilidades que a súa infradesenvolvida técnica ofrece ao construtor popular, o noso xoga un papel determinante na arquitectura ao cumprir dúas funcións básicas: a de servir como elemento estrutural resistente, e a de separar a vivenda do exterior física e climatoloxicamente". Ata non hai moito, o material utilizado no concello de Negueira de Muñiz era o xisto, doado de conseguir, manexar e montar, con sobrios e rexos muros con tellados de lousas toscamente cortadas. Nos muros abríanse portas e ventás con follas de madeira asentados sobre sinxelos mecanismos que nalgúns casos lembran aos utilizados nas vivendas dos castros, formados por dous barrotes sobre as que xiraban por medio dun eixo de pau. Nalgunhas casas aínda se poden ver unha serie de ocos de pequenas dimensións (bufardas) abertas para a ventilación das cortes. O interior da casa caracterizábase pola súa sobriedade, formado pola cociña, onde se atopaba a lareira, os cuartos situados polo xeral no primeiro andar, as cortes e o forno. 
 
Debido á agreste orografía do terreo, os habitantes do municipio elixiron para as súas casas e as infraestruturas dela dependentes (cortes, palleiros, hórreos) os bordes de terrazas situadas en pendentes suaves e naqueles lugares onde se abren pequenos vales ubicados á beira do río Navia. O resto do terreo aproveitábase ao máximo para fornecer aos seus moradores do único medio de vida proporcionado por unha agricultura e gandaría de subsistencia. "O elemento máis interesante de toda a produción popular é, sen dúbida, a casa. Non enche soamente o papel de refuxio contra os ataques do medio ambiente senón que é tamén o aglutinante que xungue entre si aos membros dunha mesma familia". (Xaquín Lorenzo Fernández, 1962).
 
 
O HÓRREO

Hórreo vén do latín horreum, edificio no que se gardan froitos do campo, especialmente o gran. Durante o Imperio Romano a palabra horreum empregábase para sinalar un lugar destinado a conservar cousas de calquera natureza. Hai autores que o fan derivar dun orreo prerromano presente na toponimia e na hidronimia, e que tería o significado de silo para o gran. No concello de Negueira de Muñiz está presente o coñecido como hórreo (horro) asturiano, unha construcción de planta cadrada que consta dunha cámara de madeira, moitas veces con corredor, que se sostén sobre catro pés.
 
 
Na zona Eo-Navia hai unha variante tipolóxica do hórreo asturiano formado por dous corpos, nun gárdase o millo e outros cereais que previamente se secan no exterior. No interior cúranse os productos da matanza e os queixos, tamén se garda a manteiga e o mel. Os piares ou pegallos sostéñense sobre un forte muro que actúa como curral onde se gardan os apeiros de labranza. As paredes son de tablóns verticais, reforzados nas esquinas, con respiradoiros que poden ser pequenos buratos ou elementos decorativos como rosetas e tetrasqueis, motivos dos que existen poucos exemplares en Galicia. O Tellado é de lousa (antigamente utilizábase o colmo) rematado, en moitos casos, por un pináculo de pedra labrada. Nalgún hórreo pódese ver nun dos laterais un tetrasquele calado que tiña un carácter protector para o contido do hórreo. Os tetrasqueles poden estar asociados a figuras de cruces, rosáceas ou soliformes, e mesmo a custodias con algunha inscrición que alude ao nome da familia propietaria, data de construción ou con algunha inscrición piadosa. O tetrasquele é o único punto onde se comunica o interior do hórreo co exterior dun modo permanente pois por el penetran o aire e a luz. Dentro da cultura popular, o interior, o espazo doméstico, ha de ser protexido do exterior que resulta perigoso. Os tetrasqueles serían profanos, ao igual cas rosáceas, en canto as cruces, custodias, etc. serían cristiás, atopándonos ante unha dualidade profano-cristiá pero cunha finalidade común. Para uns autores o tetrasquele é un símbolo máxico que exerce unha función protectora, mais para outros é unha simple decoración. Para a antropoloxía non hai decoración sen significación. 
 
 
 
En Galicia non existe unha lexislación específica sobre os hórreos e cabazos. A Lei do Patrimonio Cultural de Galicia protexe de xeito xenérico todos os hórreos cunha antigüidade maior de cincuenta anos. Segundo Varela Aenlle (2001), a franxa con horros de tipo asturiano abrangue polo norte dende o curso medio do río Eo ata as estribacións da Serra do Courel polo sur; polo leste lindaría coas bisbarras do Eo-Navia e do Bierzo; polo oeste coas comarcas da Mariña luguesa, A Terra Chá, A Meseta de Lugo e a Terra de Sarria. Esta franxa determina o territorio con maior número de horros de tipo asturiano fóra de Asturias. O mesmo investigador fala de dous subtipos: o fonsagradino e o horro grande.

En Negueira de Muñiz consérvanse en Busarvelle, Bustelo de Murias, Calabreo, Cancio, Escanlar, O Foxo, Negueira, Ouviaño, Pena da Nogueira, Pieiga, Río da Raseda, Robledo, Santalla, Sarceada, Seira, Vilarmeor, Vilar, Vilaseca e Vilauxín. 
 
 
O LAVADOIRO

Esparexidos por moitas aldeas están estas construcións de uso comunal destinadas a lavar a roupa. Situados preto dunha fonte ou unha canle que leva a auga a un depósito que conta cunha parte inclinada para permitir o lavado a man. Adoitan contar cunha cuberta sostida por piares. Cada certo tempo os veciños fregábanno e acondicionábanno. Tamén recibe o nome de río. Na actualidade deixaron de utilizarse.
 
 
O MUÍÑO

Vén do latín molinu, de molere, alusión a pequenos muíños hidráulicos movidos pola forza da auga. En moitas aldeas o uso do muíño era comunal, de aí a muiñada. reunión nocturna mentres se esperaba o turno. Destas reunións xurde a muiñeira, a danza popular galega que se baila por parellas soltas, e música que a acompaña. Para o seu funcionamento, o muíño precisaba dunha ristra de pezas que compoñían o seu mecanismo: agulla, alevadoiro, bolo, borneira, buxa, cangalleira, canoura, capón, cepa, dorneira, eixo, garruchos, moa, allo, pé, quenlla, rodicio, tanxedeira, tolda, etc. O argadelo é o aparello xiratorio no que se colocan as meadas para dobalas. Segundo os Interrogatorios do Castastro de Ensenada, celebrados nas freguesías de Negueira e de San Pedro de Ernes os días 9 e 10 de maio do ano 1753, había 31 muíños fariñeiros.
 
 
A OURICEIRA/AS CASTAÑAS

Unha ouriceira é unha construcción tradicional para gardar os ourizos das castañas no mesmo souto onde se recollen e así protexelas dos animais como o xabarín. Consiste nunha pequena construcción circular de pedra cunha altura aproximada dun metro e unha entrada na que ás veces se lle pon un portelo ou porteleiro. No interior métense os ourizos que se cubren con follas secas de castiñeiro de xeito que se poden conservar varios meses. Logo sácanse cun angazo ou cun pau en forma de pinza que recibe o nome de petela. Ademais de ouriceira, esta construcción recibe os nomes de uriceira, uricieira, corripa, corriza... Aínda que se adoita a afirmar que o castiñeiro chegou a Galicia da man dos romanos, é posible que xa fora coñecido polos seus habitantes con anterioridade. 
 
O froito, a castaña, deriva do grego Kastana, cidade do Ponto onde se cultivaba e que tivo no país unha grande importancia antes da chegada da pataca, tubérculo orixinario de Perú e Chile introducido en Europa dende o século XVI e cultivada de forma masiva dende o século XVIII. Ata ben entrada a segunda metade do século XX, a castaña foi indispensable na subsistencia da maior parte das familias da montaña, que se complementaban con carne de xabarín, corzo, porco, etc., e tamén se comían asadas, cocidas e con leite. As castañas que caían no camiño non se recollían, deixándoas para os pobres. Pola súa dureza, a súa madeira é moi apreciada en ebanistería.
 
 
A PALLOZA
 
En preparación.
 
OS PECHES

Os peches teñen dúas funcións: sinalar os lindeiros e impedir o acceso ás fincas. Estas vedacións teñen en Galicia unha ampla tipoloxía, mais no municipio de Negueira de Muñiz salientan as realizadas con pedra de xisto que conforman toscos aínda que rexos muros, non moi altos, que ás veces se cubren con laxes de lousa. Outro tipo de peches son os feitos con postes de madeira ou de pedra espetados no chan con dúas ou tres fieiras de aramios que pechan a finca; este tipo de vedacións son relativamente modernas que substituíron a outras, chamadas sebes, que se facían a base de silvas e toxos. Na actualidade tamén se ven peches de postes de cemento e tubos de metal con teas metálicas. Ás herdades accédese por medio de cancelas que antigamente eran de madeira, agora substituídas por modernas de metal. Segundo a crenza popular, xunto as cancelas xuntábanse as almas dos defuntos, por iso non se pechaban con violencia por medo a espertalos.
 
 
PONTIGA/PONTELLA

Diminutivo de ponte, latín pons/tis, construción que permite pasar dun lado a outro dun curso de auga. Estas pontigas ou pontellas eran de feitura rústica, construídas xeralmente en madeira, utilizadas para atravesar pequenos cursos de auga. Moitas, polo desuso, desapareceron.
 
 
POZOS E POZAS

O nome deriva do latín puteum. Unha poza é unha cova ou depresión do terreo pouco profunda que se enche de auga cando chove ou por medio dun pequeno curso de auga que emboca nela. Un pozo, pola contra, é unha escavación profunda no solo e que toma a auga dunha mina, é dicir, dunha galería subterránea para a extracción de auga. Tanto unha coma o outro utilízanse para regadío, para dar de beber aos animais e, no caso dos pozos, tamén para consumo humano. No municipio de Negueira de Muñiz temos visto pequenas presas construídas pola man do home que aproveitan os cursos de auga para encherse. Se ben temos documentados varios pozos ao longo do municipio, para as casas adoitan levar a auga dos mananciais xa que, sobre todo no verán, a dos pozos é insuficiente.
 

A TERRA

"O noso campesiño dá o nome de terra ao anaco de chan adicado ao cultivo, sexa este o que for, este nome equivale, polo tanto, ao de finca" (Xaquín Lorenzo Fernández). 
 
Polas pegadas arqueolóxicas sabemos que a agricultura en Galicia vén, ao menos, dende o Neolítico tal como nolo amosan os muíños naviculares atopados nos enterramentos megalíticos. Tradición agrícola que se perfeccionou durante a época dos castros e a romanización, intensificándose o traballo da terra na Idade Media grazas á instalación dos monxes ao longo do país coa introdución de novos sistemas. Os señores feudais, seguindo o exemplo dos mosteiros, comezan a traballar a terra por medio de servos que máis adiante pasarían en arrendo aos labregos e que derivaría nos coñecidos foros (tipo de contrato eventual ou perpetuo, especialmente agrario, polo que os mosteiros ou os señores lles cedían aos campesiños o uso da terra a cambio do cumprimento de diversas obrigas), sistema tan arraizado en Galicia que se calcula que aínda no século XIX estaba implantado nas catro quintas partes do territorio; a súa extinción definitiva non se levou a cabo ata o ano 1926 co decreto de Redención dos Foros polo que loitou, entre outros, don Antonio Muñiz. Como acontece no resto de Galicia, en Negueira de Muñiz unha das características máis salientables das herdades é o seu fraccionamento o que conlevou que para sacarlle maior rendibilidade á terra se aproveitaran as fincas chamadas comunais, compartidas, previo acordo, polos veciños. Como xa indicamos noutros apartados, a produción nas freguesías do municipio ligada á terra foi o medio principal de subsistencia dos seus habitantes.
 
Pola documentación escrita (principalmente polos Interrogatorios do Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII) sabemos que había árbores froiteiras, castiñeiros, carballos, prados, hortas, centeo, millo, leña, viño... ao que había que engadir a produción de carne, leite, mel, cera... que mesmo se exportaban. A emigración, a construción do encoro de Salime, o envellecemento da poboación e a escasa natalidade provocaron que o municipio fora perdendo habitantes, sendo o menos densamente poboado de Galicia. Na actualidade a terra traballada é, fundamentalmente, para o autoconsumo, as árbores autoctónas foron substituídas por piñeiros que ocupan a maior parte do territorio, e as explotacións gandeiras reducíronse ao mínimo, salientando só algunha iniciativa vencellada á produción de viño do que falamos a continuación. 
 
 
O VIÑO
 
A produción de viño é unha tradición centenaria no concello de Negueira que se viu interrompida pola praga do oídio que afectou ás viñas a finais do século XIX, e logo pola construción do encoro de Salime. A produción era de autoconsumo. Nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada do ano 1753, había prantadas unhas 90 hectáreas, pero seguramente eran moitas máis. Duns anos a esta parte téntase recuperar a produción que conta con tres variedades autóctonas: os tintos verdello e serodio, e o branco lexítimo. A Asociación de Bodegueiros está a loitar para que se recoñeza a Denominación de Orixe, tal como xa a posúen os concellos asturianos de Cangas de Narcea, Grandas de Salime, Illano, Pesoz e Ibias. 
 
Polo concello aínda se ven os vellos apeiros que se utilizaban: tesoiras de podar, sulfatadoras de hoxalata, cestos para carrexar as uvas, coitelas de vendimar..., e nalgunha adega cubas, bocois, moxegas...
 
  
O XUGO

O xugo está deseñado para que o animal efectúe a tracción coa testa ou coa fronte, para o cal posúe uns saíntes nos extremos que se atan aos cornos mediante unha corda ou correa. Entre o xugo e a caluga do animal leva unha especie de almofada (a molida) feita con pel, la ou pelo para evitar o roce coa pel do animal. En Galicia están documentados os xugos de canga, de chancís e de molida, o primeiro é o máis antigo e o último crese que foi introducido na Idade Media. Polo de agora, no concello de Negueira de Muñiz só documentamos os xugos denominados de molida.