BARCAS E BARQUEIROS
Nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada do ano
1753, á pregunta 37 os veciños responden que nas freguesías de Negueira non había propietarios de embarcacións nin barcas de río. Pero na Carta Xeométrica de Galicia (1817-1834), o matemático e xeógrafo Domingo Fontán recolle o "Barco de Barcela" e o "Barco de Boadil".
TEMPORAL EN GALICIA. DESTRUCIÓN DA PONTE DE BARCELA
Por
causa dun forte temporal de choivas acontecido no mes de decembro de
1929, a prensa faise eco da incomunicación de máis de 1.000 habitantes
do concello de Negueira de Muñiz. O río Navia desbordouse, alcanzando as
augas unha altura sobre a súa base de 16 metros; moitos foron os danos
ocasionados, contándose como o máis importante a destrución da ponte de
Barcela construída no ano 1920 grazas a Antonio Muñiz e co apoio do
deputado galego Manuel Portela Valladares. A ponte era de pedra e de
madeira e tiña unha lonxitude de 65 metros. Debido ao mesmo temporal,
tamén foi destruída a ponte de madeira de San Antolín de Ibias. A ponte substituíu a outra anterior xa que no Boletín Oficial da Provincia de Lugo do 1 de agosto de 1901 achega que na Deputación "se acordó igualmente la recomposición del puente de Barcela".
En setembro, poucos meses antes da súa destrución, o mozo Miguel Méndez Regueira, de 21 anos, veciño de Vilar de Ernes, cando estaba con outros amigos bañándose no Navia xunto a ponte de Barcela, foi arrastrado pola corrente, somerxéndose nun profundo pozo onde os seus amigos non puideron salvalo.
No
mes de xuño de 1932, os enxeñeiros xefes de Vías e Obras provinciais,
Juan Bautista Varela e Salvador Pernas Soto, acompañados polo deputado
José Rodríguez Ferreiro, inspeccionaron o sitio onde se ía emprazar a nova ponte de
Barcela. Foron recibidos, entre outros, por Antonio Muñiz Álvarez e polo
alcalde Manuel Cancio Barcia. Tamén asistiron os mestres Celestino Martín Palma e Francisco Giraldez Rodríguez e o contratista das obras Francisco Díaz. Na crónica do corresponsal do desaparecido El Pueblo Gallego dise que "el Ayuntamiento está de enhorabuena al ver que se realiza por fin la obra de carácter más urgente de toda la provincia", lembrando as varias desgrazas acontecidas polo difícil ou imposible paso do río, "el que no ofrece condiciones para establecer barcas de paso".
En
reunión celebrada pola Comisión Xestora do Concello de Negueira no ano
1943, acordouse abonar a Manuel Escanlar López, veciño de Ernes, 1.500
pesetas "por su cuenta de préstamo para el puente de Barcela". Préstamo que non se lle debeu pagar no seu momento xa que no Boletín Oficial da Provincia de Lugo do 15 de decembro de 1947 acórdase abonar aos seus herdeiros "los intereses y principal del capital anticipado por aquel para la construcción del puente de Barcela".
No Boletín Oficial da Provincia de Lugo do 4 de xaneiro de 1954, di que con motivo das obras de embalsamento realizadas no río Navia polas sociedades anónimas "Hidroeléctrica del Cantábrico y Electra del Viesgo", "Saltos del Navia en Comunidad", a ponte de Barcela construída pola Deputación, segundo proxecto aprobado o 10 de xuño de 1931 e proxectos adicionais aprobados en 20 de setembro de 1932 e 10 de xuño de 1940, quedou somerxida baixo as augas do encoro, desposuída a Deputación da súa posesión e tenencia, e interrompido o seu uso público, acordouse exercer as accións xudiciais para a súa recuperación.
Pero xa despois da construción do encoro, en El Progreso
do día 26 de marzo de 1967, cítanse as promesas incumpridas para
construír unha nova ponte, indispensable para comunicar as dúas
beiras do río.
PONTE DE BOADIL
Ou
da Barca de Boadil ou Buadil. Sobre o río Navia, entre as parroquias de
Marentes e Ouviaño. Planeouse no ano 1917 e construíuse no 1932. Estaba
formada por un só arco central e nove
de apoio. Cando a construción do encoro de Salime foi necesario elevala, aproveitando a estrutura orixinal. Nalgúns sitios vemos escrito Boabdil (coma o nome do derradeiro rei moro de Granada), mais é Boadil, de boado, quizais proveniente do árabe ouadi, río.
Segundo nos contou un home de Ouviaño, a zona xa se chamaba así antes
da ponte, cando había un barqueiro que era o propietario dun terreo
próximo coñecido como Boadil. En efecto, a "Barca de Boadil" cítase a
principios do século XIX e estaba atendida por un barqueiro de Pena da Nogueira. Aparece recollida na Carta Xeométrica de Galicia (1817-1834), do xeógrafo Domingo Fontán, como "Barco de Boadil".
PONTE DO MARONDO
Na
parroquia de Ouviaño, case lindeira co concello da Fonsagrada. Dun arco,
salva o río Marondo pouco antes da súa desembocadura no Navia. Segundo nos contou un veciño de Vilarmeor, entre os
concellos de Negueira de Muñiz e A
Fonsagrada houbo un preito polos límites municipais neste punto.
No ano 1935, David Lastra Cancio solicitou á "Jefatura de Aguas" autorización para extraer area do río Navia, no sitio comprendido entre o Navia e os ríos Ibias e Marondo, con destino á venda ao prezo de dúas pesetas o metro cúbico.
PONTE DE SANTALLA
Despois
de décadas pedindo unha ponte que comunicara as dúas beiras do río
Navia, foi por fin inaugurada, tal como amosa un monolito que se ergue
no lugar, o día 2 de setembro do ano
1989, sendo presidente da Xunta de Galicia Fernando González Laxe. Ten uns 100 metros de lonxitude.
Dende a construción do encoro de Salime, a parroquia San Pedro de Ernes quedara illada do resto do municipio, feito que de forma reiterada denunciaba a veciñanza. O día 20 de febreiro de 1967 visitou a zona o gobernador civil, Eduardo del Río Iglesia, prometendo a súa construción, discurso que quedou en nada. A empresa construtora do encoro, en vez de realizar esta infraestrutura só puxera á súa disposición unha barca.
PONTE COLGANTE DE NEGUEIRA
Estaba suxeita por uns cables de aceiro a unhas
columnas e tiña o piso de madeira; foi destruída por unha enchenta. Para
salvar os cursos de auga tamén se utilizaban outros sistemas
consistentes nunhas estruturas en forma de caixa suxeita por cordas en
ambas dúas ourelas que se deslizaba ao tirar por elas.
No blog, Embalse de Salime, pueblos y aldeas bajo el agua, cóntase
que un home que decidira gatuñar polo cable da caixa que permitía
atravesar o río de Porcos caeu á auga e afogou. Cando o meteron no
cadaleito para soterralo no cemiterio de Ouviaño, atopáronse con que non
cabía debido á súa elevada estatura; para encaixalo non tiveron máis
remedio que rachar a táboa do fondo do ataúde e enterralo cos pés fóra.
Esta ponte daba servizo a Negueira, Barcela, Cancio, Foxo, Vilar, As Rozadas, Pieiga, Vilaseca e varios caseríos.
PONTE DA BARQUEIRÍA
De
"caixón", servía de paso para unha soa persoa. Estaba suxeita a unha
cerdeira por un lado e a un sabugueiro polo outro. Cando a levou unha
enchenta construíuse outra, tamén de "caixón", para catro persoas,
sentadas dúas fronte ás outras dúas e tiraban do cable para pasar.
Estaba suxeita a cada lado por tres grandes postes. Facía servizo a
Sanformar, Entralgo, Seira, Sarceada, Barqueiría, San Pedro de Ernes e
caseríos illados. (Información recollida da páxina floracantabrica.com).
PONTE DE CALABREO
Sobre o río Ibias. No Boletín Oficial da Provincia de Lugo do 31 de xaneiro de 1948, a Deputación acorda o arranxo da ponte de Calabreo en mal estado para o tránsito, encargando ao xestor señor Díaz López para que ao finalizar as obras presente a conta de gastos.
PONTE DE RÍO DE PORTO
No desaparecido periódico El Lucense
do 30 de abril de 1896, informa da publicación no Boletín Oficial da
provincia dunha proposta para incluír nos presupostos a reconstrución da
ponte de Río do Porto. No Boletín Oficial da Provincia de Lugo do 11 de marzo de 1948, achega que a Deputación Procincial acorda aprobar o arranxo da ponte, encargando ao xestor señor Martínez Ferreiro para dirixir as obras e pasar a conta de gastos ao seu remate.
patrimoniodenegueira.blogspot.com












